Fotogalería República
A proclamación da Segunda República española en abril de 1931 debeu de ser motivo de ledicia para Manuel Lugrís Freire, galeguista veterano e un dos académicos fundadores, aínda que non sería vista con bos ollos por aqueles membros de ideoloxía conservadora. Hai que dicir tamén que algúns numerarios participaron na vida política republicana. Podemos citar neste sentido a Ángel del Castillo, quen exerceu durante un tempo como Gobernador Civil de Pontevedra, e sobre todo o labor político desenvolvido nas Cortes republicanas por Ramón Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Castelao.
Independentemente da opinión que cada integrante da Academia tivese acerca da República, esta adaptouse ao novo réxime político que xurdira da abolición da monarquía e mudou o seu propio nome facendo desaparecer o título de “Real” que adquirira na súa fundación.
Páxinas do Boletín mostrando o cambio na denominación da Academia.
BRAG tomo XIX (1930) e BRAG tomo XX (1931). Real Academia Galega. Hemeroteca
Inicialmente a implantación da República causoulle á Academia algún apuro económico. Dende 1922 viña recibindo cada ano unha subvención de cinco mil pesetas por parte do Ministerio de Instrución Pública, unha cantidade ingresada de maneira fraccionada ao longo do ano que resultaba imprescindible para poder levar a cabo as súas actividades. Porén, coa chegada da República o Ministerio suspendeu todas as achegas económicas ás institucións culturais en espera de revisar cada unha das subvencións.
Privada temporalmente desa subvención e coa diminución do diñeiro procedente de América, a Academia temeu experimentar serios problemas económicos. Mais grazas ás xestións realizadas perante o Ministerio por parte de varios deputados galegos elixidos nas Cortes da República —entre eles o numerario Ramón Otero Pedrayo, o electo Antón Vilar Ponte e algúns correspondentes como Leandro Pita Romero— a Academia recuperou as cinco mil pesetas anuais en agosto de 1931.
Exemplar da Constitución republicana de 1931 co selo da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA).
Real Academia Galega. Biblioteca
Un dos logros máis importantes da Academia durante o período republicano foi a inauguración do monumento a Manuel Curros Enríquez, en agosto de 1934, acto ao que asistiu o presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora.
Como agradecemento á súa participación neste acto da Academia, Alcalá-Zamora foi nomeado académico de honra nese mesmo mes de agosto a iniciativa da Xunta de Goberno. A raíz diso o presidente da República ofreceu á nosa Biblioteca algunhas das súas obras, que ademais levaban unha dedicatoria á Academia. Pola súa vez esta envioulle varios exemplares do número do Boletín que estaba consagrado por enteiro a reseñar a inauguración do monumento a Curros. A título de anécdota podemos engadir que a Academia agasallou o presidente da República con algunhas obras do poeta de Celanova procedentes da Biblioteca da institución.
Unha das obras de Niceto Alcalá-Zamora con dedicatoria á Academia.
Reflexiones sobre las Leyes de Indias (1935). Real Academia Galega. Biblioteca
Cando falamos da vida da Academia durante a Segunda República cómpre facer referencia tamén á participación da institución e dalgúns dos seus membros na consecución dun Estatuto de Autonomía para Galicia.
A nivel institucional sabemos que dende o comezo do proceso estatutario en 1931 os seus promotores convidaron á Academia a participar nel. E así, nas primeiras asembleas onde se debateu a confección do Estatuto a Academia estivo representada polo seu presidente, Eladio Rodríguez González, quen ademais en 1932 colaborou na redacción do documento que sería a base do Estatuto aprobado no plebiscito do 28 de xuño de 1936.
Mais sobre todo a nivel individual débese salientar que varios académicos participaron na elaboración dos contidos do Estatuto ou na campaña a prol da Autonomía: Manuel Lugrís Freire, Salvador Cabeza de León, Manuel Banet Fontenla, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Castelao.
Todos eles contribuíron co seu labor a facer realidade as arelas autonomistas manifestadas nos esperanzadores días da República.
Académicos presentes na comisión redactora do anteproxecto do Estatuto de Autonomía.
Estatuto de Galicia (1932). Real Academia Galega. Biblioteca



