Académicos e académicas

Niceto Alcalá-Zamora y Torres

Niceto Alcalá-Zamora y Torres

Priego de Córdoba, Córdoba, 1877 - Buenos Aires, 1949
Data de ingreso
09/08/1934
A proposta de
Xunta de Goberno (Manuel Lugrís Freire, Félix Estrada Catoyra e Fernando Martínez Morás)

Priego de Córdoba, 6 de xullo de 1877 - Buenos Aires, 18 de febreiro de 1949

Xurista, intelectual de ampla cultura e político de liñaxe liberal, Niceto Alcalá-Zamora foi ministro en dúas ocasións durante a Restauración e presidente da Segunda República española. Participou na inauguración do monumento a Curros Enríquez celebrada na Coruña en 1934.  
Nado no seo dunha familia acomodada, cursou a carreira de Dereito na Universidade de Granada, na que se graduou con excelentes cualificacións. Con vinte e dous anos gañou, co número un da súa promoción, as oposicións ao Consello de Estado, o que lle outorgou un gran prestixio como xurista e lle abriu as portas a unha brillante carreira política. En 1905, en plena restauración borbónica, foi elixido deputado nas Cortes polo Partido Liberal pola súa provincia natal de Córdoba. Entre 1917 e 1918 foi ministro de Fomento no goberno liberal de García Prieto, con quen tamén foi ministro da Guerra entre 1922 e 1923, ata o golpe de estado de Primo de Rivera de setembro dese ano. 

Durante a ditadura de Primo (1923-1930) mantense na oposición e vaise achegando ás posicións do republicanismo. Así, o 17 de agosto participa no Pacto de San Sebastián, acordo clave na caída da monarquía. Coa proclamación da Segunda República é elixido presidente do Goberno Provisional, do que tamén pasa a ser o seu primeiro xefe de Estado provisorio entre outubro de 1931 e decembro de 1931, ata a aprobación da nova Constitución. A partir desa data e ata abril de 1936, exerce como presidente da II República española. Co estoupido da guerra civil, permanece fiel á legalidade republicana e cando remata o conflito, exíliase primeiro en Francia e, a partir de 1942, en Buenos Aires, onde falece en 1949.

En canto á súa produción intelectual, na meirande parte do seu traballo tratou cuestións de índole xurídica, e foi un dos principais relatores da Constitución española de 1931. As súas Memorias, publicadas de xeito póstumo a partir de 1977, son unha importante achega historiográfica sobre a evolución e as causas da caída da II República española. 

Foi membro da Real Academia Española, da Real Academia de Xurisprudencia e Legislación, da Real Academia de Ciencias Morales e Políticas e tamén da Real Academia Galega, onde ingresou o 9 de agosto de 1934, a proposta dunha Xunta de Goberno formada por Manuel Lugrís Freire, Félix Estrada Catoyra e Fernando Martínez Morás. O 10 de agosto de 1934 estivo presente e tomou a palabra na inauguración do monumento a Curros Enríquez na Coruña. No seu discurso, Alcalá Zamora describiu a Curros como un precursor da república que el mesmo representaba naquel acto, louvou o sentido civil e político da súa poesía e o seu firme compromiso con Galicia e coas penurias do seu pobo. O presidente defendeu, así mesmo, como un valor, a variedade lingüística do estado español.