Fotogalería Rúa Tabernas
O 22 de marzo de 1979 a Academia inauguraba a súa sede no número 11 da rúa Tabernas, na que fora a antiga casa de Emilia Pardo Bazán. En virtude do convenio asinado en 1956 coa filla da escritora, a Academia comprometeuse a destinar o primeiro andar do edificio a albergar a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, así como a conservar o importante legado arquivístico e bibliográfico da autora coruñesa, que "polos seus indiscutibles méritos" fora nomeada Presidenta Honoraria da institución en 1905.
Casa de Emilia Pardo Bazán, a mediados da década de 1920.
Fotografía de Ruth Matilda Anderson.
Os Reis de España inauguraron a nova sede da Real Academia Galega, poñendo fin a setenta e tres anos de itinerancia institucional. A RAG pasou varios anos nun piso alugado na rúa Rego de Auga ata que o Concello da Coruña, no ano 1919, destinou no andar superior do pazo municipal, un espazo para acoller a nosa institución.
A Raíña acompañada de Xosé Filgueira Valverde, Juan Naya Pérez e Domingo García Sabell na estrea da Casa Museo Emilia Pardo Bazán. Baixo a presidencia de Sebastián Martínez Risco, e contando co apoio de Julio Rodríguez Yordi e Ángel del Castillo, logrouse a doazón do pazo no que vivira Emilia Pardo Bazán. Protagonizaron a doazón, o 4 de maio de 1956, Blanca Quiroga Pardo Bazán, marquesa viúva de Cavalcanti, e Manuela Esteban Collantes, condesa de Torre de Cela, e viúva do fillo de Emilia, Jaime Quiroga Pardo Bazán, ambas as dúas sen descendencia. A única condición posta na doazón foi a de dedicar a primeira planta do edificio a honrar e perpetuar a figura de Emilia Pardo Bazán a través dun museo dedicado á escritora.
Entre a doazón e a inauguración da casa transcorreron varios anos debido á imposibilidade da Real Academia Galega para acometer as necesarias obras de restauración e acondicionamento. Foi entón cando o presidente Sebastián Martínez Risco, amparado no afecto que Manuel Fraga lle profesaba, xa que fora o seu discípulo no Instituto de Vilalba, solicitou deste a súa mediación para conseguir o capital necesario para realizar as obras. Fraga, co seu habitual proceder mobilizou desde o seu ministerio as deputacións provinciais, o Banco de España, o Banco do Noroeste, o Banco Bilbao e a Federación das Caixas de Aforros. Outras institucións como a Fundación Pedro Barrié de la Maza xa desde o primeiro momento colaboraran economicamente, o mesmo que o patricio galego Álvaro Gil.
Segundo andar da sede da Academia.
Os fondos bibliográficos que pasou a albergar o novo edificio compoñíanse de vinte mil volumes e máis de oito mil folletos e documentos, todo elo posto a disposición do público para ao seu estudo e consulta. A día de hoxe ese fondo medrou considerablemente ata acadar máis de cincuenta mil volumes e vinte mil folletos.
Neste percorrido polas dependencias da Academia vemos agora a sala de consulta presidida polo cadro Cegos, pintura que constitúe a sección dereita do monumental Triptico dos Cegos creado por Castelao para o Gran Hotel Balneario de Mondariz. Os tres óleos que conforman a obra pertencen á Real Academia Galega, á que chegaron en 1964 en depósito de Augas de Mondariz e Hijos de Peinador S.A., empresa que en 1973 efectuou a súa doazón definitiva a Academia. Desde 2011, o conxunto atópase no Museo de Pontevedra por depósito da Real Academia Galega.
A reforma foi proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois, que dúas décadas máis tarde sería nomeado académico numerario da institución.
Na fotografía podemos ver como era o despacho presidencial a altura de 1981, co retrato de Manuel Murguía na cabeceira e nun flanco a bandeira do Consello de Galiza, órgano político na diáspora galega que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, e que presidiu os actos fúnebres de Afonso Daniel Rodríguez Castelao en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950.
Todas as imaxes das dependencias da Academia foron realizadas por Xosé Castro para ilustrar un especial do xornal La Voz de Galicia, dedicado ao 75 aniversario da fundación da Real Academia Galega.


