-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Dinamización
Primavera das Letras naceu en 2016, ano Manuel María, como o proxecto educativo da Real Academia Galega para achegar o Día das Letras Galegas ao público máis novo a través dos recursos lúdicos e didácticos dispoñibles na súa páxina web. En 2022 inicia unha nova etapa na que se lle dá unha maior entidade literaria e plástica, da man ata o momento de Ledicia Costas, Eva Mejuto, Ana María Fernández, Xoán Babarro, Paula Carballeira e An Alfaya na banda dos textos; e de Blanca Millán, Lucía Cobo, Óscar Villán, Nuria Díaz e Laura Romero na das ilustracións.
Na imaxe, presentación da Primavera das Letras de Ricardo Carballo Calero no CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol).
Froito deste novo tempo, ata o momento a colección editorial da Primavera das Letras reúne cinco publicacións nas que se mestura biografía, ficción e imaxe: Son o poeta que cruzou o océano, sobre Florencio Delgado Gurriarán (2022); As cousas de Don Paco (2023); Violino, Inglesa e o libro xigante, sobre Luísa Villalta (2024); As Ferreñas (2025); e Uuu-uuu Begoña! (2026), sobre Begoña Caamaño. A proposta oriéntase desde a segunda edición da nova etapa á creación dunha serie de textos teatrais, concibidos tanto para a lectura individual como para a súa representación escénica.
Ao abeiro deste programa o concurso Contádenos o voso Día das Letras premiou durante oito anos colexios de toda Galicia. A sección de actualidade da web da Academia recolle a crónica da entrega de premios ao alumnado galardoado en 2017, 2018, 2019, 2021, 2022, 2023 e 2024 nunha convocatoria creada para coñecer, difundir e premiar as iniciativas escolares arredor da celebración do 17 de maio.
Víctor F. Freixanes, Presidente da RAG acompañado do alumnado dos colexios Manuel Mallo Mallo e Souto Donas, no acto de entrega dos galardóns do concurso Contádenos o voso Día das Letras do ano 2021, marcado aínda polos efectos da pandemia.
Atendendo á evolución do galego entre a poboación máis nova, en 2025 nace o Premio Na lingua que eu falo co propósito de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia e na mocidade, semente de futuro da lingua, do país. Na fotografía podemos ver a parte do alumnado do IES Rafael Dieste da Coruña participantes no proxecto Aquí tamén se fala, nunha imaxe da campaña ‘O Dépor é da Coruña’, iniciativa premiada co último Na lingua que eu falo. Fonte: ATSF
O novo galardón significa un paso máis na apertura de Primavera das Letras a iniciativas alén do Día das Letras Galegas. Enmárcase tamén nesta liña a sección Lingua Guapa, onde destaca o primeiro filme de ficción da Real Academia Galega: A orixe da nosa lingua guapa. A película, partindo dunha idea orixinal de Fina Casalderrey e con guión da propia académica e da profesora de galego Fátima R. Ruibal, está protagonizada polo alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña. A historia combina realidade e fantasía para achegar as nenas e os nenos á historia da formación e evolución do galego.
A RAG iniciou a súa aposta polo audiovisual como linguaxe para a divulgación da lingua e da cultura galegas coa estrea en 2020 do proxecto 'Novas voces para a lingua', da man da Universidade de Santiago de Compostela. Froito desta alianza son as series Conseguiremos, coa participación de artistas como Baiuca, Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira ou a fubtolista Vero Boquete; e Superheroínas, coa cociñeira Lucía Freitas ou a poeta Alba Cid.
Coa celebración da figura e da obra de Xela Arias en 2021, a Academia estreou a súa primeira serie web das Letras Galegas, cunha clara vontade divulgativa mais tamén cun crecente diálogo entre linguaxes artísticas. A partir das Letras de Begoña Caamaño a proposta converteuse nunha única entrega documental. Na imaxe, cartel de Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, cunha das escenas da parte do filme na que alumnado da ESADG dramatiza un fragmento de Circe ou o pracer do azul.
O concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e da Asociación PuntoGal naceu en 2018 como unha iniciativa conxunta para fomentar o uso da lingua gale-ga no ámbito dixital, impulsar a creación literaria en galego e reforzar a presenza do idioma e da identidade cultural galega en Internet.
O certame está dividido en diferentes categorías, destinadas a persoas de distin-tas idades, como a infantil, a xuvenil e a adulta, co fin de facilitar a participación de públicos diversos e animar, tanto a persoas novas como adultas, a escribiren en galego. Os textos deben ser breves, cunha extensión máxima de 200 palabras, incluído o título, así, o concurso tamén promove a capacidade de contar historias de maneira concisa e creativa.
A participación foi medrando edición tras edición. Na primeira convocatoria pre-sentáronse case 400 relatos, mentres que na cuarta, esta cifra acadaba xa os mil catrocentos. Os relatos gañadores son publicados na web relatos.gal, co obxecto de ampliar a súa difusión. Entre os autores recoñecidos co premio atópanse no-mes como o de Nee Barros, Héctor Cajaraville e Luca Chao.


