-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogaleria Boletin
O Boletín da Real Academia Galega publicou o seu primeiro número en maio de 1906. Como o resto das actividades da Academia nos seus primeiros anos de vida, a existencia da revista só foi posible grazas ao diñeiro achegado pola comunidade galega de Cuba.
Dende un principio os contidos do Boletín reflectiron a amplitude de intereses que para a Academia establecían os seus Estatutos, é dicir, “la Historia, Antigüedades, Literatura y Lengua de Galicia”. É por esta razón que nas súas páxinas foron frecuentes os artigos que trataban estas materias, ademais de incorporar noticias referidas á propia institución.
Durante a presidencia de Murguía publicáronse cento corenta e nove números do Boletín cunha frecuencia habitualmente mensual, mais sendo presidente Martínez Salazar só apareceron cinco números.
Cabeceira do primeiro número do Boletín (20/5/1906). Real Academia Galega. Hemeroteca
Hoxe pode resultar estraño encontrar nos números antigos do Boletín artigos sobre arqueoloxía. Porén, cómpre ter en conta que dende finais do século XIX viñan consolidándose en Galicia os estudos arqueolóxicos e que ademais estes eran esenciais para coñecer a orixe e a historia máis antiga do pobo galego. Por iso non é de estrañar que a Academia incluíse a arqueoloxía entre as materias da súa competencia.
Canto á temática, entre 1906 e 1923 publicáronse no Boletín estudos sobre armas prehistóricas, petróglifos, mámoas, castros, torques e xacementos romanos. Alén diso, non é raro ler nas súas páxinas noticias breves onde se daba conta do achado de vestixios arqueolóxicos.
Torque descuberto no castro de Viladonga e modio romano de Ponte Puñide, dous obxectos estudados no Boletín (números 79, 83 e 99). Real Academia Galega. Arquivo
Sendo Manuel Murguía o primeiro estudoso da cultura popular galega e sabendo ademais que o interese polo folklore se viña espallando por toda Europa dende o século XIX, resulta lóxico que a Academia incluíse nos seus obxectivos fundacionais o estudo das distintas manifestacións culturais do pobo galego, especialmente da súa literatura oral.
Dende un comezo, o Boletín publicou con frecuencia a transcrición de cantigas, refráns, contos, romances e adiviñas recollidos da tradición oral en diversos puntos de Galicia. Mais nel tamén tivo presenza o estudo de Ángel del Castillo sobre as pallozas do Cebreiro, publicado nos números 78 e 82, un traballo acerca da cultura material que se considera pioneiro no eido da etnografía galega.
Desta maneira a nosa revista acolleu moitos dos temas etnográficos nos que anos máis tarde centraría a súa atención o Seminario de Estudos Galegos.
Ángel del Castillo fala cunha muller no Cebreiro en 1913. Real Academia Galega. Arquivo
O Boletín foi concibido como órgano de presentación da vida da Academia e de voceiro difusor das súas actividades, e grazas a iso podemos coñecer o devir académico durante os anos dos dous primeiros presidentes: a fundación; a entrada de novos académicos e ás veces os seus discursos de ingreso; as necrolóxicas; os actos de homenaxe; as actividades dos académicos; as decisións adoptadas polos órganos de goberno; o movemento dos fondos, con noticias sobre ingresos e gastos; e incluso a entrada de libros na Biblioteca ou o troco de publicacións. Por iso a lectura do Boletín resulta imprescindible para coñecermos o funcionamento da Academia, as súas aspiracións, os seus proxectos e os seus logros, mais tamén para saber cales foron as iniciativas que non foi quen de levar a cabo ou de completar.
Páxina con información sobre unha xuntanza académica e noticia acerca de ingresos e gastos (BRAG 13, 20/6/1907). Real Academia Galega. Hemeroteca
A necesidade de contar con coleccións de documentos antigos transcritos fidedignamente era reclamada de igual maneira nas investigacións históricas e nas lingüísticas. Por ese motivo a Academia comezou —a partir do número 94 de xuño de 1915— a publicación da Colección de Documentos Históricos, que apareceu en forma de fascículos incluídos dentro dos números do Boletín, aínda que levaban unha numeración á parte. Nos anos da presidencia de Murguía e de Martínez Salazar saíron do prelo trinta e un fascículos.
A Colección forneceu copias de documentos galegos ou referidos a Galicia, escritos en galego, latín ou castelán, algúns dos cales procedían do arquivo académico. Con esta iniciativa, a Academia seguía o ronsel de empresas anteriores como as revistas Galicia Diplomática ou Galicia Histórica e ofrecíalles aos investigadores un importante corpus textual.
Dúas páxinas da Colección de Documentos Históricos. Real Academia Galega. Hemeroteca


