Fotogalería Arxentina
A redución dos envíos de diñeiro procedentes de Cuba fixo necesario que a Academia conseguise outras axudas económicas. En 1919 fundouse en Buenos Aires, baixo o patrocinio da Casa de Galicia, unha Asociación Protectora de la Real Academia Gallega que tiña por obxecto ofrecer a cooperación —“ya en forma de apoyo material, ya con carácter de ayuda moral”— da comunidade galega da Arxentina. Esta nova Asociación foi creada por iniciativa de Julio Dávila, quen daquela era académico correspondente con residencia en Buenos Aires.
O diñeiro destinado á Academia obtíñase principalmente das cotas que pagaban os socios. A cambio desas axudas, a Academia enviáballes aos integrantes da Asociación os exemplares do Boletín e os fascículos do seu dicionario galego.
Retratos do académico Julio Dávila e de Bernardo Rodríguez, primeiro presidente da Asociación Protectora de la Real Academia Gallega. Real Academia Galega. Arquivo
Durante os primeiros anos de existencia a Asociación Protectora de Buenos Aires informaba a Academia de todas as súas actuacións e para iso enviáballe exemplares das Memorias anuais, que tamén incluían unha relación detallada dos socios protectores que formaban parte dela. Despois, o Boletín académico publicaba noticias sobre a Asociación e grazas a iso sabemos que nos seus dez primeiros anos de vida tivo tres presidentes: Bernardo Rodríguez, Ricardo Conde Salgado e Manuel Bares. A partir dos anos 30 o Boletín deixou de incluír información acerca das Protectoras da Academia en Cuba e Arxentina debido á drástica diminución das actividades das dúas asociacións.
Memorias anuais publicadas pola Protectora de Buenos Aires (1921, 1922 e 1923). Real Academia Galega. Biblioteca
Ademais da Asociación Protectora, outras institucións da emigración galega na Arxentina contribuíron economicamente ao mantemento da Academia. A máis importante foi o Centro Galego de Buenos Aires, mais tamén colaboraron entidades como a Casa de Galicia e os Centros Lucense, Coruñés e Pontevedrés.
As contribucións procedentes dese país foron importantes sobre todo pola súa continuidade no tempo, xa que algunhas delas se mantiveron ata a década de 1970. Ademais, durante os anos da guerra civil e da inmediata posguerra, cando a Academia deixara de recibir moitas das subvencións que a mantiñan, o diñeiro que enviaban os emigrantes arxentinos foi unha das poucas axudas coas que podía contar.
Diñeiro enviado á Academia dende Buenos Aires. Real Academia Galega. Arquivo
Outras maneiras de conseguir fondos para a Academia foron as subscricións ao Boletín e ao dicionario, as recolleitas de diñeiro entre a comunidade galega e a organización de eventos benéficos. O máis coñecido dos eventos a prol da Academia foi o Festival Céltico, que tivo lugar o 31 de maio de 1964 en Buenos Aires, organizado polo Centro Galego e os catro centros provinciais da cidade. Este festival formaba parte dunha campaña dirixida a reunir fondos para que a Academia puidese mercar mobles destinados á súa futura sede no edificio da rúa Tabernas.
A celebración logrou un grande éxito: agrupacións folclóricas galegas, portuguesas, escocesas, galesas e irlandesas actuaron nun evento que reuniu a cantidade de 100.000 pesetas.
Cartel e programa do Festival Céltico de 1964. Orientación Gallega. 22 (IV-V/1964). Real Academia Galega. Hemeroteca
A relación das sociedades galegas de Buenos Aires coa Academia non se limitou a proporcionar axuda económica, pois tamén se manifestou na realización conxunta de actividades culturais. Exemplo diso foi a convocatoria dende A Arxentina de certames literarios para premiar obras en galego e nos que a Academia participou como avaliadora dos textos presentados. Outra actividade foi unha Exposición do Libro Galego Antigo onde colaboraron o Centro Galego e a Academia, e para a cal esta enviou varios volumes que o bibliotecario Juan Naya transportou ata Buenos Aires.
Hai que mencionar igualmente as Xornadas Patrióticas Galegas celebradas de xeito regular polo Centro Galego e ás que acudiu por dúas veces como conferenciante —en 1961 e 1975— o presidente da Academia, Sebastián Martínez-Risco.
Sebastián Martínez-Risco xunto a Virginia Pereira e outros membros da comunidade galega (Buenos Aires, 1961). Real Academia Galega. Arquivo
As sociedades galegas de Argentina e de Cuba xogaron inicialmente un papel moi importante no proxecto de erección do monumento dedicado a Manuel Curros Enríquez na Coruña. Xa en 1908 —no mesmo ano da morte do poeta— creárase en Buenos Aires unha Comisión Curros Enríquez que tiña por obxectivo promover a construción dun grupo escolar coruñés que levaría o nome do escritor. Posteriormente, a Asociación Protectora de Buenos Aires xuntou o diñeiro obtido por esa Comisión co que reuniran o xornal cubano Diario de la Marina e a Iniciadora da Habana para a erixir un memorial a Curros. Finalmente os promotores cubanos e arxentinos autorizaron a Academia a que con eses fondos levase a cabo as xestións necesarias para facer realidade o monumento.
O monumento a Curros Enríquez o día da súa inauguración (11/VIII/1934). Real Academia Galega. Arquivo


