Académicos e académicas

Julio Dávila Díaz

Julio Dávila Díaz

Ortigueira, A Coruña, 1871 - Madrid, 1971
Data de ingreso
30/08/1927
A proposta de
Andrés Martínez Salazar, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez González
Resposta pronunciada por
Federico Maciñeira y Pardo de Lama

Escritor, xeógrafo e xornalista, dedicou a meirande parte da súa obra científica ao estudo de Ortigueira, vila que tamén tratou nos seus artigos xornalísticos. Membro da directiva do Centro Galego de Buenos Aires, foi un dos fundadores da Asociación Protectora da Real Academia Galega nesa cidade.

Nado en Ortigueira no seo dunha familia acomodada, o seu pai, Jesús Dávila Rivadeneira, fora un coñecido agrimensor que lle transmitiu ao seu fillo o interese pola xeografía física e a cartografía. Emigrou moi novo a América, con 18 anos, e estableceuse primeiro no Uruguai, onde coñeceu o profesor e historiador Benigno Teijeiro, conterráneo seu e figura que analiza no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Máis tarde trasladouse á Arxentina, onde se dedicou ao sector do comercio portuario e chegou a acumular, co paso do tempo, unha considerable fortuna.

Plenamente integrado na vizosa comunidade emigrante galega da cidade porteña, formou parte do Centro Galego de Buenos Aires, do que foi secretario e tesoureiro; escribiu para xornais como El Eco de Galicia e Almanaque Gallego e foi un dos fundadores da Asociación Protectora da Real Academia, clave no mantemento desta institución logo do impulso inicial da comunidade galega establecida en Cuba. De volta en Galicia en 1927, estableceu o seu domicilio en Ortigueira, que alternou con longas estadías en Madrid.

A meirande parte do labor intelectual de Julio Dávila estivo centrado no estudo xeográfico, filolóxico, histórico e mesmo literario da súa bisbarra natal de Ortegal. Dotado de habilidade para o debuxo, libros como Apuntes históricos y descriptivos de la villa y partido judicial de Santa Marta de Ortigueira (1902), Apuntes geográficos del partido judicial de Ortigueira (1906), Plano del partido de Ortigueira puesto al día (1913) e Geografía Descriptiva de la comarca de Ortigueira (1931) salientan polo seu rigor científico e a calidade da súa cartografía, obra do propio Julio Dávila.

En 1903 Dávila publicou dous libros nos que analizou diferentes aspectos lingüísticos da comarca de Ortegal: a achega lexicográfica Vocabulario santarmartés u ortigueirés: Crítica de críticas, e a disquisición toponímica Cuestión filológica. Nombre genérico de los hijos de Ortigueira. A súa novela, El destino (1897), publicada en Buenos Aires, recrea tamén, en ton costumista, os ambientes da Ortigueira da súa infancia. Boa parte da súa produción xornalística estivo centrada, así mesmo, en cuestións relacionadas coa historia da súa vila natal e coa defensa dos seus intereses económicos. En 1943, logo do pasamento de Federico Maciñeira, foi nomeado cronista oficial de Ortigueira.

Julio Dávila foi un asiduo colaborador na prensa galega da época das dúas beiras do Atlántico. Medios como Almanaque Gallego, El Eco de Galicia ou La Voz de Galicia, xornal do que foi correspondente na Arxentina, deron acubillo nas súas páxinas ás súas crónicas xornalísticas, que foron recollidas en 2020 no monográfico Antología de artículos de Julio Dávila Díaz. O seu libro Por tierras guaraníes (1926) é a crónica dunha viaxe ao Paraguai na que analizou diversos aspectos históricos, económicos e lingüísticos deste país, con especial atención á fervenza de Iguazú.

A historia de Vilalba, a toponimia de Bares ou a narrativa breve, como o seu conto Al abrigo del ombú (1914) de publicación sufragada pola Sociedad de Amigos de los Árboles, son outros traballos destacables da súa extensa produción.

Fillo predilecto de Ortigueira, o seu discurso de recepción na Real Academia Galega, na que ingresou en 1927 a proposta de Andrés Martínez Salazar, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez González, dedicoullo á figura de Benigno Teijeiro Martínez (1846-1825), historiador natural de Ortigueira establecido no Uruguai. A resposta en nome da Academia correspondeulle a Federico Maciñeira.