Retrato de Filgueira Valverde, por Xesús Alonso Montero

Na súa estampa de Filgueira Valverde, o presidente da Academia salienta a diversidade e profundidade dos seus saberes, e o seu firme compromiso vital coa defensa e a recuperación da cultura galega.
Xosé Filgueira Valverde e Xesús Alonso Montero.
Xosé Filgueira Valverde e Xesús Alonso Montero


Estamos ante unha biografía intelectual caudalosa e polifacética. A moi poucos saberes humanísticos foi alleo. Na inxente obra producida por Xosé Filgueira Valverde hai froitos moi logrados nos eidos da Historia, da Biografía, da Arte, da Arqueoloxía, da Antropoloxía cultural, da Epigrafía, da Bibliogafía…

A póla do saber máis frecuentada e cultivada con máis orixinalidade foi a Literatura, os estudos literarios, campo no que as súas achegas sobre Camões, o P. Sarmiento, a poesía popular, Rosalía de Castro, Góngora, Castelao, Otero Pedrayo, Cervantes, Valle-Inclán, etc. son valiosas e moi orixinais. Nese eido, o dos estudos literarios, a súa gran dedicación e unha das súas paixóns foi a nosa lírica medieval, tanto a que nos chegou nos tres celebérrimos Cancioneiros profanos como a composta, co título de Cantigas de Santa María, no obradoiro de Afonso X. Xa en 1935 Filgueira asombraba ós eruditos coa súa tese de doutoramento sobre a "Cantiga CIII" do Rei Sabio, obra ilustre da literatura comparada daquela.

Ás veces, o seu labor de erudito literario e de comentador de textos eclipsa a súa obra de creador. Foino, con acertos notables, en tres xéneros: relato, teatro e poesía. Moi novo, ós 19 anos, xa publicaba Os nenos (1925). Tamén como estudoso foi moi precoz, tanto que, en 1925, a Real Academia Galega, noméao membro correspondente pola súa condición de "excelente investigador" (será numerario en 1941).

Sabemos que, como letraferido, ós dez anos sabía de memoria poemas de Rosalía de Castro e lía con fruición a primeira biografía da gran poeta, obra de Augusto González Besada (1916). Activista e organizador de actividades culturais, tamén aquí cómpre salientar a súa precocidade. En outubro de 1923, con 17 anos, é un dos máis entusiastas cofundadores do Seminario de Estudos Galegos, institución de gloriosa e breve biografía (1923-1936).

Militante e dirixente do Partido Galeguista, do que foi un dos fundadores, hoxe estamos en condicións de entender o seu afastamento en 1935, un afastamento que non lle impide votar SI ó Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936. Tamén estamos en condicións de entender o seu comportamento desde 1936 a 1996, longo período no que, xa desde moito antes da morte de Franco, protagoniza actividades que, ó seu xeito, erosionan, desde dentro, o edificio intelectual do franquismo.

A ese período corresponden obras que honran a bibliografía galega de todos os tempos: a edición do Cancioneiro de Casto Sampedro (1942), Lírica medieval gallega y portuguesa (1949), Adral (poliantea en 9 volumes: 1979-1996), Pontevedreses universales (1986)… Nesta relación habería que incluír libros esenciais sobre Santiago de Compostela e Pontevedra. En Pontevedra dirixiu dúas institucións modélicas no seu tempo: o Museo ("a meniña dos seus ollos") e o Instituto, pródigo en actividades orixinais. Un título valiosísimo da súa inxente bibliografía é Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada, publicado postumamente, no ano 2004.

A obra do ilustre polígrafo pontevedrés constitúe un dos grandes capítulos da cultura galega do século XX.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar