Ramón Nicolás responde o Cuestionario Filgueira Valverde

Ramón Nicolás (Vigo, 1966), profesor e crítico literario. Publicou diversas traducións, alén de artigos e libros investigación, entre eles Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Leva vinte e cinco anos exercendo a crítica literaria e administra un blog de crítica literaria.
Ramón Nicolás.
Ramón Nicolás.


Que importancia tivo a figura e a obra de Filgueira Valverde na vida cultural galega nos dous segundos terzos do século XX?
Filgueira Valverde, ao meu ver, non pode ser entendido como un ente indisociable. A súa figura, se por ela entendemos o seu percorrido biográfico, vese fortemente suxeita ás consecuencias que se derivan de posicionamentos persoais e políticos, que van desde o apoio á escisión da Dereita Galeguista á súa vinculación con postos de responsabilidade dentro do franquismo, sen dúbida os máis polémicos; mais tamén sería inxusto esquecer outras iniciativas como foron a participación, no seu día, na fundación do Seminario de Estudos Galegos, na creación do Museo Provincial de Pontevedra a finais dos anos vinte ou naqueloutras propostas máis estritamente culturais nas que penso que é irrebatible afirmar que desempeñou un papel importante, nomeadamente no labor de investigación e promoción da literatura galega medieval ou noutras achegas que definen o seu como un perfil de sólido polígrafo humanista.

Cales foron as súas achegas máis importantes ás letras galegas e aos estudos históricos e artísticos en Galicia?
Son consciente de que deixou mostras da súa preocupación no ámbito arqueolóxico ou na recuperación do noso patrimonio musical, entre outras, pero o que me máis me atrae, no ámbito creativo, é o herdo que deixou na narrativa, na literatura infanto-xuvenil, no teatro ou na poesía, talvez incursións moi episódicas, e hoxe moi descoñecidas, pero que espellan esa imperativa necesidade de "facer de todo", moi en conexión co espírito Nós.

O que particularmente salientaría, baixo a miña perspectiva, dos seus traballos literarios, interpretativos e vinculados coa nosa literatura apunta ao que se atesoura nos volumes editados en Ediciós do Castro baixo o epígrafe de Adral, que compila un número oceánico de colaboracións dispersas ao longo de moitos anos en diferentes lugares. Ao tempo, o seu estudo La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (1936); os traballos medievalísticos do autor como os que se recollen en Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1925-1987) (1992) ou mesmo a recuperación da antoloxía poética galega consultada que preparou nos tempos da República e que Xesús Alonso Montero e Ana Acuña prepararon e editaron baixo o título d´Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada (2008) resultan, para min, do máis estimable, formativo e suxestivo da súa obra.

Que vixencia conserva a súa obra hoxe en día?
Ao que a min respecta, a súa achega intelectual no eido da esculca nos ámbitos da investigación e interpretación do feito literario, segue moi viva e admiro nela a súa capacidade de esencializar e sintetizar coñecemento e sabedoría, alén de suxerir camiños que, aínda hoxe, se poden seguir. Se cadra noutros ámbitos que ocuparon a súa atención o seu labor sexa relevante, aínda que o coñezo escasamente. Ao tempo, son consciente de que os seus traballos, cando menos os que eu máis valoro, gozan dunha proxección e valoración moi limitada no tecido social e cultural galego máis activo hoxe en día pois a deriva do seu perfil biográfico acaroado ao franquismo escureceu e minimizou tanto a recepción como a valoración do seu traballo intelectual. Talvez algo que resultou inevitable.

Que pegada deixou a súa obra nos estudos e nos pensadores e ensaístas galegos contemporáneos?
Céntrome nos ensaístas. Sen citar nomes, se cadra escasa nun sentido xeral: a súa formación intelectual e ensaística enraízase no acceso desde novo a diferentes ámbitos do coñecemento, isto é, cumpre a definición exacta de polígrafo, aberto a moi diversas ramas do saber, ao que se uniu unha evidente vontade de ir sempre máis alá e de divulgar. Xunto con Otero Pedrayo talvez sexa o derradeiro polígrafo da cultura galega do século XX. Por outro lado, en campos específicos, é evidente que os camiños que trazou, como arriba se sinalou, resultaron moi operativos para posteriores achegas.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar