-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Normas
Tal como consta no limiar das Normas Ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (2003), a primeira tentativa institucional de fixar unha norma para o galego veu da man do Seminario de Estudos Galegos coas súas Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego (1933) e a súa Engádega (1936). A guerra civil coutou a súa aplicación, aínda que influíron na simplificación ortográfica promovida desde a década de 1950, nomeadamente, pola editorial Galaxia.
A partir de 1970, a Real Academia Galega asumiu a responsabilidade de elaborar unha normativa, publicando as Normas ortográficas (1970) e as Normas ortográficas e morfolóxicas (1971). Ao mesmo tempo, o Instituto da Lingua Galega (ILG) contribuíu á fixación dun modelo de lingua cos primeiros manuais de aprendizaxe e, posteriormente, coas Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977), primeira proposta sistemática e amplamente fundamentada de codificación lingüística.
Co recoñecemento do galego como lingua oficial no Estatuto de Autonomía de 1981, a elaboración dunha normativa converteuse nunha necesidade urxente. A RAG e o ILG constituíron unha comisión conxunta que redactou as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas en 1982, oficializadas pola Xunta de Galicia e convertidas na primeira codificación normativa do galego con respaldo académico, científico e legal.
As Normas de 2003 —elaboradas pola a Academia, o ILG e os departamentos universitarios de filoloxía galega— obedecen á vontade de atopar un novo consenso entre as distintas sensibilidades sobre a codificación da lingua. Mantiveron os principios básicos da normativa de 1982, procurando un galego vivo, depurado de castelanismos, supradialectal e baseado na tradición literaria propia que tivese no portugués unha referencia para a incorporación de léxico culto.
Entre os cambios máis importantes, atópanse a simplificación dos grupos consonánticos -ct- e -cc- cando van precedidos de -i- ou -u-; o recoñecemento da forma Galiza: a ampliación de voces rematadas en -zo e -za; a preferencia pola solución tradicional -aría, a admisión tanto do sufixo -ble como do -bel; a aceptación da forma ao, xunto coa tradicional ó, para a contracción da preposición a co artigo masculino e algúns cambios léxicos.


