-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Decreto
Na véspera do 17 de maio de 2009, nun contexto de intenso debate arredor da lingua galega, o Plenario da Real Academia Galega (RAG) fixo público o manifesto Unha lingua para todos, co obxectivo de promover un amplo acordo social arredor do idioma. A declaración presentaba o galego como “unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos” e defendía que o seu coñecemento e uso eran plenamente compatibles coa aprendizaxe doutras linguas, nomeadamente o castelán e o portugués.
O manifesto lembraba que a situación histórica de subordinación do galego facía necesarias políticas activas por parte do Goberno e das administracións para fortalecer a súa presenza social e recuperar a autoestima das persoas falantes. A Academia rexeitaba que a normalización lingüística se presentase como unha ameaza para a poboación castelanfalante e cuestionaba unha idea de liberdade entendida como o dereito a non empregar nunca o galego. En consecuencia, reclamaba afastar a lingua da confrontación partidaria, impulsar o multilingüismo, desenvolver o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004, e avanzar cara á igualdade efectiva de dereitos e deberes lingüísticos.
Contra o final de 2009, a Real Academia Galega recibiu do Goberno galego o documento Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Malia atoparse nun momento de transición tras o remate da presidencia de Barreiro Fernández, coa presidencia interina de Manuel González González, a institución analizou a proposta e elaborou unha resposta.
O 16 de xaneiro de 2010, a Academia fixo pública a Análise académica das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Considerou que a proposta lexislativa podía supoñer un retroceso na protección e promoción do galego, e que non respectaba o Plan xeral de normalización da lingua galega. Tamén advertiu de posibles problemas de legalidade, ao entender que as bases entraban en contradición coa Constitución española, co Estatuto de autonomía de Galicia e coa xurisprudencia existente.
A Real Academia Galega cualificou o proxecto de irresponsable e pouco viable, reclamou diálogo e consenso para protexer e normalizar a lingua galega, insistindo en que o idioma é un ben común que debía ser protexido e promovido.
A Real Academia Galega recorreu o Decreto 79/2010, para o plurilingüismo no ensino non universitario, por considerar que reducía a protección do galego e vulneraba os dereitos lingüísticos. En novembro de 2012, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou parcialmente o recurso e anulou dous artigos da norma. En 2013, o Tribunal Supremo admitiu a trámite o recurso de casación da RAG, que solicitaba a anulación total do decreto, pero en 2015 desestimouno en boa parte. Así mesmo, o Tribunal Constitucional inadmitiu o recurso de amparo e, en 2016, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos tampouco admitiu a demanda.
Rolda de prensa do 11 de marzo de 2013, para informar sobre o recurso de casación presentado contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o Decreto de Plurilingüísmo.
O decreto agora vixente elimina o concepto de “normalización”, ignora as propostas do Plan xeral de normalización da lingua galega e prohibe impartir en galego materias do ámbito científico, en contradición co carácter progresivo previsto na Lei de normalización lingüística. Ao mesmo tempo, o informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023 amosan un grave retroceso na competencia e no uso do galego entre a infancia e a mocidade. Así mesmo, en 2024, o Consello de Europa facía público un informe no que recomendaba a implementación de diversas medidas para a recuperación do idioma.
Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020), publicación do Seminario de Sociolingüística da Academia.


