Un manual de bibliotecas do século XVIII para celebrar o seu día

O fondo dos séculos XVI a XVIII que custodia a Biblioteca da Real Academia Galega inclúe unha obra procedente da biblioteca particular da escritora Emilia Pardo Bazán, escrita por Oliver Legipont en, monxe bieito alemán de amplísima cultura que exerceu de bibliotecario en varias abadías. Itinerario en que se contiene el modo de hacer con utilidad los viajes a cortes extranjeras, traducida do latín por Joaquín Marín e publicada en Valencia en 1759, contén, a modo de disertación, un curioso manual sobre a organización de bibliotecas, titulado Sobre el modo de ordenar, y componer una librería e publicado na versión orixinal en 1747. Asomámonos ás súas páxinas co gallo do Día da Biblioteca, que se celebra este 24 de outubro.

Disposición dos libros na biblioteca segundo as distintas materias. Fonte: RAG


Tendo en conta que a aparición da imprenta incrementou notablemente a produción de libros e, xa no século XVIII, o movemento da Ilustración promoveu a difusión da lectura en todas as capas da sociedade, este tipo de guías resultaban moi necesarias para a organización das bibliotecas. Nos dez capítulos en que se divide esta disertación, Legipont analiza diferentes aspectos relacionados coa biblioteconomía, a maior parte vixentes na actualidade.

O autor define biblioteca como "oficina de todo genero de erudición". Con respecto ao edificio destinado a tal fin destaca como aspectos que se deben valorar a amplitude, limpeza, a fermosura e a comodidade; e no que atinxe á formación da colección aconsella adquirir os libros inspirándose nas boas bibliotecas xa existentes, nos catálogos dos libreiros e no trato cos eruditos nas distintas materias.

Tampouco esquece Legipont sinalar as características dunha boa edición: a limpeza e brancura do papel, a fermosura da letra ou a presenza de dilatadas marxes, xustas advertencias e copiosos índices. Así mesmo, debe prevalecer a calidade e a conveniencia dos libros sobre a cantidade, aínda que esta última será diferente segundo se trate dunha biblioteca pública ou privada.

En todo caso, segundo este manual, será importante que a biblioteca conte con tres tipos de libros: "unos son necessarios, otros utiles, otros hermosean", e non só haberá que reunir as obras dos mellores escritores, senón tamén as dos seus interpretes e críticos, dando prioridade ás edicións orixinais sobre as traducións e valorando os exemplares raros pola súa escaseza.

Outro aspecto ao que o autor lle concede moita importancia é á disposición dos libros dentro da biblioteca. Opina que os diferentes grupos en que se divida a colección non deben ser nin demasiado amplos, xa que entorpecerían a busca, nin demasiado pequenos, porque dificultarían a memoria.

Legipont propón dividir a colección en catro grandes clases: Teoloxía, Filosofía, Historia e Xurisprudencia, que posteriormente poden ser subdivididas. Neste sentido, a edición que describimos ofrécenos dúas interesantísimas láminas sobre a distribución das distintas materias dentro do espazo físico da biblioteca. Pero, unha vez colocados os libros, hai que atopalos dun xeito rápido e sinxelo. Para acadar isto é partidario de asinarlle un número romano a cada armario ou libraría, unha letra maiúscula a cada "grada" ou estante e un número arábigo a cada libro.

Como curiosidade, debemos anotar que este sistema de ordenación aparece no propio exemplar que estamos a describir, no que consta un selo impreso coas epígrafes de Librería, Estante, Número, característico das obras que proceden do pazo de Meirás, antiga residencia da escritora Emilia Pardo Bazán. Con todo, o autor da obra considera imprescindible para atopar os libros a existencia nas bibliotecas de dous tipos de índices: o alfabético de autores e o de materias.

Oliver Legipont conclúe instando a un uso público das bibliotecas e definindo os libros como "manjares de las almas, de quienes comen los hambrientos de sabiduría".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete