Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas

O académico correspondente Takekazu Asaka recollerá este sábado, 27 de xullo, o Premio Ramón Cabanillas nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal de Cambados. As librarías Contos e Ramón Cabanillas da localidade, coa colaboración do concello, recoñecen así o labor de divulgación da lingua e da literatura galegas do profesor nipón, que acaba de publicar unha tradución á súa lingua dunha das obras do autor que lle dá nome ao galardón, A rosa de cen follas (1927). O libro será presentado hoxe, ás 20 horas, na biblioteca municipal Luís Rei. Non será a primeira achega do académico ao escritor cambadés, ao que xa lle dedicou a Cantata a Ramón Cabanillas. Takekazu Asaka publicará ademais proximamente un artigo sobre as formas de cortesía en galego no que toma como referencia, entre outras fontes, a novela Costa do Solpor do tamén académico correspondente Xosé María Lema.

O profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku é autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores galegos. En 1993 publicou Gramática do galego moderno, que actualizou en 2016 coa Nova gramática galega, e tamén creou a primeira guía de conversa en galego para falantes xaponeses. Como tradutor, verteu ao seu idioma natal os Seis poemas galegos de Federico García Lorca e obras de autores modernos e medievais galegos, entre elas Cantares gallegos e Contos da miña terra de Rosalía, Os eidos de Uxío Novoneyra e as cantigas de Martin Codax.

Unha das últimas contribucións de Takekazu Asaka aos estudos galegos é un traballo centrado nas formas de cortesía que verá a luz proximamente na revista da Universidade Tsuda (Toquio). O filólogo afondou nas formas vós, o tío, o señor e mais el e serviuse, entre outros, de exemplos de coplas populares da Costa da Morte e outros tirados da novela que Xosé María Lema ambientou nesta contorna.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cuberta do Boletín 380

Boletín da Real Academia Galega
nº 380

 

Cursos de Verán 2020


Toda a información
nesta páxina

 

Cadernos de Lingua
nº 37

 

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)

 

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

 

Hemeroteca Virtual
Galicia nas páxinas dos seus xornais.