Seis voces optan a se converter na Palabra do Ano 2018

Apoderamento, "deseucaliptización", fariña, fascismo, feminismo e sororidade. Estas son as seis palabras que optan a se converter na Palabra do Ano tras a fase de recollida de suxestións que rematou a pasada medianoite cunha notable participación. A votación que decidirá cal é a gañadora permanecerá aberta ata o 25 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón. O Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié e promotora desta iniciativa, anima a toda a cidadanía a participar na escolla colectiva da voz que mellor define, retrata ou resume o ano que está a piques de rematar ou un trazo destacado deste. A Palabra do Ano 2018 darase a coñecer o vindeiro 27 de decembro.

Na primeira fase da campaña recibíronse máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes, unhas cifras que reflicten a consolidación desta iniciativa que o Portal das Palabras puxo en marcha en 2014. Calquera dos finalistas cumpren requisitos claros para se converter no elixido polo público: ser dos máis repetidos na recollida de propostas, referirse a realidades ou fenómenos que están a marcar dalgún xeito a actualidade desde 2018, irromper con forza na linguaxe cotiá ou mesmo cobrar visibilidade como marca de identidade.

Feminismo figura entre as candidatas xusto nun ano en que as mulleres encheron o 8 de marzo as rúas de toda Galicia, España e moitos outros recunchos do mundo para reclamaren igualdade real en todos os ámbitos da vida. O Dicionario explica que é a "doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller", un pensamento que tamén marca sororidade, que pode definirse como o pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes. Outra voz que emerxe con forza neste contexto é apoderamento. Incorporada ao Dicionario da Real Academia Galega o pasado outubro, designa nunha das súas acepcións o "proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais". O exemplo escollido, e non por casualidade, é o do "apoderamento feminino".

Non é a primeira vez que vocábulos relacionados coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chegan a finalistas da Palabra do Ano, aínda que nesta ocasión o abano é máis amplo. De igual xeito, volveron situarse entre as propostas máis repetidas aquelas que reflicten tensións e preocupacións que chegan desde a area política, como é o caso doutra das seis finalistas, fascismo; e arredor da xestión ambiental, desta volta con 'deseucaliptización' como destacada.

O ano que remata tamén lle deu unha nova vida ao termo fariña alén da nosa terra. O motivo nada ten que ver co cereal moído e moito co éxito da serie televisiva baseada no fenómeno do narcotráfico que marcou a Galicia dos anos 80 e co secuestro xudicial que sufriu o libro do xornalista Nacho Carretero, a súa fonte de inspiración. A obra titúlase Fariña en referencia á outra acepción reflectida no Dicionario: "substancia orgánica que se extrae das follas da coca e que, polas súas propiedades, é usada como narcótico ou en anestesias".

De corrupción a afouteza
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. "A palabra do día" é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Dando un paso máis nesta dirección, desde 2014 convida a toda as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

O traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete