'O Mayo', de Manuel Curros Enríquez

En 1880 Manuel Curros Enríquez publicaba un dos libros fundamentais do noso Rexurdimento literario: Aires da miña terra.
Manuel Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez


O libro contiña -ademais dos tres poemas cos que Curros Enríquez (Celanova, 1851-A Habana, 1908) gañara en 1877 o certame literario de Ourense e sobre os que asentaría a súa gran sona como poeta: "A Virxe do Cristal", "Unha voda en Einibó" e "O gueiteiro de Penalta"- outros como "A igrexa fría" e "Mirando ao chau" que lle valerían a censura eclesiástica por parte do Bispo de Ourense e o inicio dun longo proceso xudicial do que sairía finalmente absolto.

No poema que reproducimos máis abaixo, "O Mayo", o poeta celanovés exhibe algún dos trazos de estilo característicos da súa escrita: a escolla de temas que reflicten un fondo compromiso social expresados con gran musicalidade en formas máis ben sinxelas e tiradas, ás veces, da tradición oral popular.

O MAYO
Aquí ven o mayo
De frores cuberto...
Puxéronse á porta
Cantándome os nenos;
Y-os puchos furados
Pra min estendendo,
Pedíronme crocas
D'os meus castiñeiros.

Pasay, rapaciños,
Calados e quedos;
Q' o qu' é poI-o d'oxe
Que darvos non teño.
Eu són vol-o probe
D'o povo gallego:
Pra min non hay mayo,
¡Pra min sempr' é inverno!....

Cand' eu m'atopare
De donos liberto
Y-o pan non me quiten
Trabucos e préstemos,
E com' os d'o abade
Frorezan meus éidos,
Chegado habrá estonces
O mayo q'ueu quero..

Querédes castañas
D'os meus castiñeiros?...
Cantádeme un mayo
Sin bruxas nin demos:
Un mayo sin segas,
Usuras nin preitos.
Sin quintas, nin portas,
Nin foros, nin cregos.


Nesta ligazón
podes acceder á reprodución dixital da segunda edición de Aires da miña terra, publicada en 1881 e dispoñible na nosa Biblioteca.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete