O II Premio Morales ábrese a Sanabria

Máis dun milleiro de alumnas e alumnos poderán participar na segunda edición do Premio Morales. O galardón, que naceu co propósito de promocionar o galego no Bierzo e a figura de Antonio Fernández Morales, o precursor do Rexurdimento natural desta comarca, ábrese este ano á participación de Sanabria. A Real Academia Galega participa nesta iniciativa, que nesta ocasión estará dedicada á tradición do fiandón, que retratou Morales nun dos seus poemas.
Participantes na presentación do II Premio Morales


O Premio Morales lévase a cabo grazas á colaboración do Consello Comarcal do Bierzo, o Instituto de Estudos Bercianos, a Real Academia Galega, Edicións Positivas, o Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, o Concello de Lubián, o Concello de Corullón e os goberno de Galicia e Castela e León. A nova edición foi presentada onte no Concello de Vilafranca, no transcurso da  XI Xornada Martín Sarmiento, nun acto no que interveu en nome da RAG o académico correspondente Héctor Silveiro, quen lembrou que o galardón se xestou durante as celebracións do bicentenario de Antonio Fernández Morales.

As bases do II Premio Morales, dispoñibles nesta ligazón, establecen tres categorías. Á infantil poderá concorrer ata o 15 de outubro de 2019 calquera alumna ou alumno de educación infantil e primaria adscrito ao Programa para a promoción do idioma galego no Bierzo e Sanabria que presente un debuxo inspirado no poema "O fiandón da aldea" de Antonio Fernández Morales. A categoría para alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato do mesmo programa premiará textos de creación literaria inspirados na mesma obra e unha terceira categoría, os textos presentados polo alumnado de galego e portugués da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada ou por calquera persoa maior de idade do Bierzo e de Sanabria.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete