Novos membros da Academia

Alén de dedicar o Día das Letras Galegas de 2013 a Roberto Vidal Bolaño, o Plenario da Real Academia Galega acordou nomear novos membros.

O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 22 de xuño de 2012, acordou nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.

Arcadio López Casanova (Lugo, 1942) é catedrático de Filoloxía Española na Universidade de Valencia. Foi profesor invitado nas Universidades de Roma, Boloña e Milán. Dirixiu diversos cursos e pronunciou conferencias en universidades e centros culturais de distintos países europeos e americanos. Como ensaísta e crítico literario, publicou obras de grande interese como Luís Pimentel e a sombra do aire na herba (1990), Álvaro Cunqueiro e a vangarda poética (1994) e Diccionario metodolóxico de análise literaria (2001).

A súa obra poética en galego recolle os seguintes títulos: Sonetos da esperanza presentida (1965), Palabra de honor (1967), Liturxia do corpo (1976), Memoria dunha edá (1960-1975) (1976), Mesteres (1976), Noite do degaro (1994), Do tempo posuído (2004), Dicir unha razón: (varia silva de proverbios, ditados e glosas) (2006), Herdo do canto (2006) e Caeira dos días (2007).

A súa obra, recollida en numerosas antoloxías e historias literarias, foi traducida a varios idiomas. Recibiu diferentes premios e galardóns entre os que destacan: Gañador do Concurso Nacional de Contos Infantís 'O Facho', no ano 1972, por O bosque de Ouriol; Premio da Crítica Galicia de creación literaria, no ano 1984, por Liturxia do corpo; Premio de poesía Caixanova, no 2005, por Herdo do canto e Premio Cultura Galega das Letras da Xunta de Galicia, no ano 2011.

José Manuel González Herrán é catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela. Desde a área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, destacan os seus estudos sobre escritores galegos na literatura galega e na literatura española. Ao mesmo tempo, salientan as súas publicacións sobre a presenza de escritores non galegos en Galicia e a relación destes con Galicia e con escritores galegos. É colaborador de diversas revistas e publicacións e autor dunha extensa obra.

Luz Méndez (Agolada, 1965) é Asesora Lingúística da Televisión de Galicia, onde dirixiu o programa divulgativo sobre lingua 'Cazador de palabras'. Dedicou á onomástica, principal obxecto de estudo das súas investigacións, diversos artigos en revistas de ámbito nacional e internacional. Ademais, forma parte do International Council of Onomastics Sciences e é membro fundador da Asociación Galega de Onomástica. Entre as súas publicación cómpre salientar o libro de divulgación ¿Por que se chama así este sitio? O significado dos nosos nomes de lugar (2000).

Fernando Ramallo Fernández (Vigo, 1965) é profesor titular de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo. As súas investigacións céntranse na sociolingüística. Son salientables as seguintes publicacións: New perspectives on endangered Languages, (en colaboración con J.A. Flores Farfán e John Benjamins, 2010); New approaches to discourse and business communication (editor, 2009); Lingua, sociedade e medios de comunicación en Galicia (en colaboración con Anxo M. Lorenzo Suárez e Hakan Casares Berg, 2008) ou Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua en Galicia (en colaboración con Gabriel Rei-Doval, 1997). Participa en numerosos congresos nacionais e internacionais, así como en distintos proxectos de investigación sociolingüística.

Olivia Rodríguez González (A Coruña, 1959) é profesora titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Participou como investigadora en diversos proxectos como 'Literatura e medios audiovisuais: aplicación do método comparativo-textual na análise dos contidos literarios nas tecnoloxías audiovisuais (cine, radio, televisión, novas tecnoloxías audiovisuais)'; 'Literatura e música en irlanda, e o seu correlato na cultura galega'; 'Nosoutros/-as e eles/-as: discursos das escritoras irlandesas e galegas sobre a estranxeiría (1980-2007)' ou 'Poesiagalega.org: constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural'. Ten publicado estudos como Estética e teoría da cultura en Vicente Risco(2001) ou Vicente Risco. Escritor, etnógrafo e ideólogo do galeguismo (2002), e numerosos artigos en revistas científicas nacionais e internacionais.

Goretti Sanmartin Rei (A Estrada, 1964) é profesora titular de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña. As súas liñas de investigación céntranse na formación da lingua literaria galega durante o século XIX e na filosófica política de Ramón Villar Ponte. Entre a súas publicacións destacan Lendo nas marxes. Lingua e compromiso nos paratextos (1863-1936) (2002); Os (pre)textos galegos (1863-1936) (2002) e A lingua literaria galega no século XIX (2005). Ademais, cómpre salientar o traballo de edición, introdución e notas en A Virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para a ópera (2002) e Nicomedes-Pastor Díaz, unha existencia exemplar, de Ramón Villar Ponte (2006). É membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Filoloxía e foi Directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (2004/2006).

Xavier Vence Deza (Rodeiro, 1961) é Catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela e coordenador do grupo de investigación ICEDE (Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da mesma Universidade. É vogal da Comisión Executiva da AECR (Asociación Española de Ciencia Rexional), da Xunta directiva da SEM (Sociedad de Economía Mundial) e coordenador da rede REPENSeI (Regulación, Estratexias e Políticas para a Emerxencia de Novos Setores Innovadores), entre outros proxectos. É membro do Consello de Redacción da revista A Trabe de Ouro, así como do Consello Científico de Revista Galega de Economía e Revista Principios.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 12 de decembro de 2018 / 16:00 h
Santiago: Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega
Mércores 12 de decembro de 2018 / 18:00 h
Ponteceso - Fundación Eduardo Pondal: Charla da campaña 'Toponimízate'
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar