Os vimbios do refraneiro galego do mar

Ao boliche non durmiche ou Cando a gavota visita ao labrador mal lle vai ao pescador son só dous exemplos do rico refraneiro galego vinculado ao mundo do mar. E tamén son parte dos moitos recollidos por Xosé María Álvarez Blázquez entre mariñeiros e profesores, con cuxa colaboración contou para preparar un refraneiro galego do mar que non chegou a publicar. O Arquivo da Academia conserva as fichas cos ditos recollidos e unha carta a Bouza Brey cunha especie de inquérito para os colaboradores.

Fichas con refráns do mar recompilados por Xosé María Álvarez Blázquez. Fonte: Arquivo da RAG


Xosé María Álvarez Blázquez contaba con antecedentes familiares no estudo da fraseoloxía. O seu avó, Emilio Álvarez Giménez, fora premiado en 1903 en Ourense polo seu Refranero agrícola y meteorológico gallego e a o longo de 1920 publicara, na revista Ultreya, Refranes gallegos recogidos en la provincia de Pontevedra, lembra no Dicionario Xosé Mª Álvarez Blázquez a investigadora Ana Acuña.

O arquivo de Bouza Brei da Academia conserva a carta que Álvarez Blázquez lle remitiu a este en 1947, unha especie de inquérito que, apunta Acuña, é de supoñer que estaría dixirido ás confrarías e a docentes para preparar un refraneiro galego do mar, sen que quedase por recoller "uno solo de los dichos, sentencias y provérbios de los que han corrido y corren de boca en boca entre nuestros pescadores". O obxectivo, engadía, era ofrecer ao público "una síntesis certera, preñada de no mixtificados enxebrismos, del saber popular de nuestros pescadores".

Refráns referidos ao tempo, aos peixes e ás aves mariñas, ás artes de pesca, aos portos ou ás referencias xeográficas son algúns dos temas polos que se interesa Álvarez Blázquez, que solicita ademais da recollida da unidade fraseolóxica, o significado da expresión, o lugar de recollida e o nome de que informa.

O traballo, anunciado en Poemas de ti e de min, non chegou a publicarse, pero o polígrafo, lembra Ana Acuña, non abandonou os refraneiros e seguiu a reflexionar sobre a fraseoloxía na sección "Reloj de Arena" do xornal La Voz de Asturias. Noutros artigos fixo ademais achegas interesantes para o coñecemento da lingua gremial dos canteiros e do vocabulario do muíño, engade a investigadora no seu libro sobre ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2008.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete