A RAG e o Instituto Camões exploran vías de colaboración para achegar as literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa

A Real Academia Galega e o Camões - Instituto da Cooperação e da Língua I.P. (CICL) explorarán vías de colaboración permanente, acordaron hoxe os responsables de ambas as institucións nunha xuntanza mantida en Santiago de Compostela. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente do instituto portugués, Luís Faro Ramos, coincidiron no interese de organizar actividades conxuntas e, en concreto, referíronse á posibilidade de compartir no futuro en Galicia un encontro centrado nas literaturas galega e de expresión en lingua portuguesa.

No centro da imaxe, os presidentes do Camões e da RAG, Luís Faro Ramos e Víctor F. Freixanes, acompañados do secretario da RAG, Henrique Monteagudo, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora de ensino portugués do Instituto Camões en España e Andorra, Filipa Soares.


Na reunión, na que tamén participaron o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e a coordinadora de ensino portugués do Instituto Camões en España e Andorra, Filipa Soares, lembrouse a relación histórica, cultural e literaria non só entre Portugal e Galicia senón tamén entre a propia RAG e o país veciño. Desde a súa fundación en 1906, a RAG contou con máis de medio cento de académicos correspondentes e de honra portugueses.

Os contactos co Instituto Camões inciden na mesma liña de cooperación aberta coa Academia Brasileira de Letras (ABL). Tras a sinatura dun acordo de amizade e colaboración entre ambas as academias o pasado xaneiro na rúa Tabernas da Coruña, a RAG devolveu a comezos deste mes a visita do seu presidente, Marco Lucchesi, no marco dunha viaxe institucional ao Brasil. Víctor F. Freixanes apostou ante o pleno da ABL por estreitar os lazos entre ambas as culturas e defendeu a irmandade do galego co portugués, unha relación na que considera que o galego debe apoiarse para gañar proxección exterior".

A xuntanza entre os representantes da Real Academia Galega e do Instituto Camões produciuse cadrando coa celebración no Consello da Cultura Galega do Foro Inés de Castro, concibido como un encontro para concretar as relacións entre Galicia e Portugal no século XXI.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete