As escolas poderán participar en Contádenos o voso Día das Letras ata o 22 de xuño

A Real Academia Galega mantén aberto ata o 22 de xuño o prazo para participar na terceira edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, que premiará proxectos desenvolvidos en centros de educación infantil e primaria arredor da celebración dedicada a Antonio Fraguas. Todos os traballos serán difundidos a través da web Primavera das Letras, creada pola institución para achegar dun xeito lúdico o público máis novo á figura homenaxeada o 17 de maio.

Cada colexio poderá presentar unha ou máis iniciativas centradas no Día das Letras Galegas de Antonio Fraguas. Os responsables deberán remitir ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal, acompañadas dunha breve explicación, as ligazóns que recollan as actividades realizadas. En caso de que o centro non dispoña dun espazo virtual onde amosalas, poderase remitir o material a este mesmo enderezo electrónico. As bases do concurso están dispoñibles nesta ligazón.

Nas dúas primeiras edicións do concurso foron premiadas oito escolas: o CPI Virxe da Cela (Monfero), a EEI do Milladoiro (Ames), os CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña), Antonio Fernández López (Oural, Sarria), Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene) e do Carballal (Marín), e o CRA Amencer (Ribadavia).

Contádenos o voso Día das Letras celébrase desde 2017 ao abeiro da web Primavera das Letras, creada o ano anterior. Xunto aos contidos de Antonio Fraguas, é posible consultar na lapela "Edicións anteriores" os materiais deseñados para celebrar a María Victoria Moreno, Carlos Casares e Manuel María.

As propostas deste espazo virtual concíbense cun enfoque interdisciplinario que permite que os cativos e cativas traballen dun xeito lúdico non só os aspectos máis directamente relacionados coa obra da personalidade na que se centran cada ano, senón tamén competencias e contidos referidos ao medio social e natural ou á educación artística, tomando sempre como punto de partida a traxectoria do protagonista do Día das Letras Galegas.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete