Ángel Orcajo doa á Academia un cadro de homenaxe a Rosalía de Castro

A Real Academia Galega celebrou hoxe a doazón dun cadro de homenaxe a Rosalía de Castro de Ángel Orcajo, un dos grandes representantes do pop art español e posuidor dunha intensa traxectoria reflectida en coleccións de grandes museos como o Raíña Sofía. O pintor fixo entrega do peza na sede da institución acompañado do seu presidente, Víctor F. Freixanes, e o crítico de arte Antón Castro. Ángel Orcajo (Madrid, 1934) mantén un estreito vínculo con Galicia por motivos familiares desde hai máis de cinco décadas e é un admirador da poesía da fundadora das nosas letras contemporáneas. A escritora é a protagonista de Reflexións entre nubes. Homenaxe a Marcel Proust e a Rosalía de Castro, unha obra de grandes dimensións asinada no ano 2014 na que irmanda a autora galega co narrador francés.

O artista Ángel Orcajo ante o cadro doado á Real Academia Galega. Fonte: RAG


O presidente da RAG agradeceu a doazón da peza, un xesto que valorou como "unha homenaxe a Galicia, á cultura galega e a Rosalía" por parte do pintor. "Gústame moito Galicia e tamén Rosalía. É unha gran poeta, expresa case metafísica. Dalgún xeito, ten relación con Proust, que funciona como un referente neste cadro que está realmente dedicado a ela", explica Ángel Orcajo, que adoita beber da literatura nas súas manifestacións artísticas.

"Unha das cousas que me conduciu sempre a pintar é expresar o que sinto e penso. Cando quen ve a obra sente o que ti estás comunicando, iso contribúe a que reflexione sobre a realidade, e entre todos podemos cambiar a realidade futura", analiza o creador, que amosa a súa preocupación pola situación actual do mundo cultural. "Vivimos, en canto á cultura, un momento bastante crítico, porque hai falta de reflexión profunda", lamenta.

Reflexións entre nubes non é a primeira homenaxe que Ángel Orcajo lle dedica á escritora galega. Rosalía inspirou a que pode verse no tanatorio municipal de Dumbría, concello onde o pintor ten residencia, e o ano pasado presentou outra gran composición na súa honra, Un fogar para Rosalía, unha instalación mural na lonxa de Muxía, onde a autora viviu en 1853 e atopou inspiración para a súa primeira novela, La hija del mar.

Ángel Orcajo é unha figura fundamental da arte española dos anos 60 e 70 do século pasado situada na resistencia ante o franquismo desde un pop art "críptico, hermenéutico", define Antón Castro, quen entrou en contacto co pintor hai xa case catro décadas, cando preparou a antolóxica que a Bienal de Pontevedra lles dedicou a Gordillo e Orcajo. Coa súa linguaxe comprometida, fíxose célebre polas súas Paisaxes do home, cabezas recortadas de perfil que falaban da cidade ameazante, mais tamén do espectro político da ditadura. A súa pintura figurativa foi evoluíndo e seguiu a dar resposta á actualidade, mais entrando nunha poética especial que se nutre dos clásicos da arte e da literatura, prosegue o crítico de arte.

Malia o compromiso permanente que transmite a súa creación, Ángel Orcajo considérase ante todo un pintor e "un defensor da pintura no sentido máis puro". Unha pintura que se expresa no seu caso nun universo que mestura figuración e abstracción, que se serve da fragmentación e do contrapunto narrativo, e que emerxe de acordo co concepto máis contemporáneo da beleza, aquel que considera que tamén pode ser belo o perturbador. "Detrás da súa pintura hai unha procura desa beleza diferente, unha procura tamén da conciencia poética", engade o crítico.

A obra entregada á Real Academia Galega é un bo exemplo da "pintura poética, sutil, inquisitiva" que desenvolve actualmente o pintor. "Esta concepción vese ben neste cadro, un acto de xestualidade primaria que expresa unha idea moi emocional", conclúe Antón Castro.


Ángel Orcajo, acompañado do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o crítico de arte Antón Castro no acto de entrega do cadro. Fonte: RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete