Académicos e académicas

Xesús Taboada Chivite

Xesús Taboada Chivite

Verín, Ourense, 1907 - 1976
Data de ingreso
20/11/1965
A proposta de
Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo, Fermín Bouza-Brey Trillo e Francisco Fernández del Riego
Resposta pronunciada por
Xaquín Lorenzo Fernández

Arqueólogo, etnógrafo e historiador especializado no estudo da prehistoria galega e na historia local de Verín e a comarca de Monterrei, da que era natural. Foi discípulo de Vicente Risco e de Florentino López Cuevillas, e proseguiu a obra dos seus mestres incorporando as novas perspectivas teóricas e o legado do Seminario de Estudos Galegos (SEG).

Iniciou o bacharelato no instituto ourensán do Posío e rematouno no Cardenal Cisneros de Madrid, onde se formou deseguido na Escola Oficial de Telegrafía e na Escola Central Superior de Comercio. En 1927 acadou o título de técnico de Telecomunicación e dous anos máis tarde o de profesor mercantil pola Escola Central Superior de Comercio de Madrid. En 1951 licenciouse en Filosofía e Letras, especialidade de Xeografía e Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Tras obter en Madrid o seu primeiro destino como telegrafista, a partir de 1930 traballa no Centro de Telégrafos de Ourense, onde se integra decontado no vizoso ambiente cultural da cidade, encabezado polos membros da Xeración Nós: Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e, sobre todo, Vicente Risco, quen se converte no seu mestre e o introduce no estudo da prehistoria e a etnografía galegas. A esta formación temperá sumarase logo a influencia dos novos intelectuais galeguistas do Seminario de Estudos Galegos. No seu seo colabora coa sección de Prehistoria, dirixida por Cuevillas, participa nas súas xeiras e establece contacto con figuras como Bouza-Brey, Ferro Couselo, Illa Couto, Fernández del Riego e Xaquín Lorenzo Xocas, con quen manterá unha estreita amizade e colaboración intelectual ao longo de toda a súa vida.

Co estoupido da guerra civil foi militarizado de xeito forzoso e prestou os seus servizos en diversos centros de comunicación do exército sublevado. En 1938 contrae matrimonio con Carola Cid Guerra e, ao remate do conflito, reincorpórase ao seu posto de traballo no seu Verín natal, onde tamén foi profesor na Academia Verinense entre 1941 e 1968.

Debedor da concepción da historia de Galicia establecida polo grupo Nós e o SEG, estableceu unha cronoloxía con tres momentos: o período megalítico, o castrexo/celta e a romanización. Defendeu, así mesmo, unha interpretación celta da cultura castrexa, mais concedéndolle importancia tamén a outros factores, como a cultura de Hallstatt e do Mediterráneo, que expuxo na súa achega ao terceiro tomo da Historia de Galiza (1973) coordinada por Otero Pedrayo. Outros textos ilustrativos das súas teses históricas son “La cultura de los verracos en el noroeste hispánico” (1949), “Escultura celto-romana” (1965) ou Estelas romanas del Castrum Baroncelli, Monterrey (1969).

Os achados do seu labor como arqueólogo –adoito da man de Cuevillas, Xaquín Lorenzo e Ferro Couselo– depositounos no Museo Arqueolóxico de Ourense e os seus artigos foron aparecendo publicados no Boletín desta institución e noutras revistas especializadas, como o Boletín Avriense ou o Archivo Español de Arqueología. Tamén publicou nos Cadernos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que dirixiu a sección de Arqueoloxía e Prehistoria, e promoveu as publicacións dunha nova xeración de arqueólogos galegos como García Martínez, Acuña Castroviejo, González Reboredo ou Vázquez Varela. Impartiu conferencias en España e Portugal, onde recibiu a consideración de figuras como os investigadores Pires de Lima ou Santos Júnior.

Como etnógrafo, describiu a cultura tradicional galega a través de mostras recollidas no traballo de campo. Algunhas obras teñen un carácter meramente descritivo; noutras analiza os datos desde unha perspectiva histórico-cultural, na liña iniciada por Risco e continuada por Antón Fragas e Xaquín Lorenzo, entre outros. Analizou feitos como o Entroido (o Meco e o enterro da sardiña), os ritos do Nadal, o folclore de Verín, o refraneiro galego, as lendas da lagoa de Antela, a caza do lobo, as encrucilladas, os ritos do lume e o culto ás árbores, a Lúa e as pedras. O seu libro Etnografía galega: cultura espiritual (1972) ofrece unha visión sintética e sistemática das investigacións sobre este tema feitas en Galicia, con especial atención ao traballo de Risco e Xaquín Lorenzo. O seu labor como etnógrafo desenvolveuno, ás veces, en colaboración co Museo do Pobo Español de Madrid, institución da que formou parte do seu padroado.

A súa vila natal de Verín, da que era cronista oficial, e a bisbarra de Monterrei foi outro dos seus principais temas de interese. Estudou a súa terra desde un punto de vista arqueolóxico, publicando traballos sobre as súas escavacións na Muradella, no castro de San Millao, o escultórico de Mourazos, ou as epigrafías atopadas no Rabal (Oímbra), así como unha “Carta arqueológica de la comarca de Verín” (1953). No eido da historia local, debuxou a xenealoxía da casa nobiliaria dos condes de Monterrei, a pegada de san Rosendo nesta terra e a súa economía durante o Antigo Réxime. Varones ilustres de la comarca verinense (1946), Monterrey (1946) ou Verín (1950) son algúns títulos nesta liña que levou ao prelo. Por último, desde unha perspectiva etnográfica, recolleu as cantigas populares da Baixa Limia, estudou o seu floclore astronómico e meteorolóxico, a medicina popular, os traballos da malla e publicou Folklore de Verín (1961), obra que mereceu o recoñecemento de Vicente Risco no seu limiar. Cunha finalidade turística é o autor dunha Guía de Monterrey (1968).

Taboada Chivite realizou ademais bosquexos biográficos dos padres Feijóo e Gándara, Leandro Carré, Federico Maciñeira, Ferro Couselo, García Bellido, Bouza-Brey, Pires de Lima e Jorge Díaz, algúns deles publicados no Boletín da Real Academia Galega.

Foi membro da Sociedade Internacional de Etnoloxía e Folclore, membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, da Asociación Española de Etnoloxía e Folclore e mais da Sociedade Española de Antropoloxía, Prehistoria e Etnografía. Formou parte da Real Academia Portuguesa da Historia e foi correspondente da Asociación de Arqueólogos Portugueses. Foi tamén vicepresidente do padroado do Museo do Pobo Galego. Fillo predilecto de Verín, o instituto de ensino secundario desta vila leva o seu nome. O seu fillo, Manuel Taboada Cid, foi un destacado filólogo.

Xesús Taboada Chivite foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega en 1952 a iniciativa de Vicente Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas; e ingresou, como numerario, en 1965 a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo, Fermín Bouza-Brey Trillo e Francisco Fernández del Riego. Ao seu discurso de recepción, O culto das pedras no noroeste peninsular, deulle resposta en nome da RAG o seu amigo Xaquín Lorenzo, “Xocas”.

O académico analiza neste ensaio a sacralización das pedras en Galicia coas ferramentas teóricas fornecidas por Vicente Risco, López Cuevillas, Mircea Eliade, Ferro Couselo e Verea de Aguiar, entre outros. Desde un punto de vista histórico, o culto ás pedras tivo o seu comezo na Prehistoria e continúa formando parte do substrato das prácticas relixiosas contemporáneas. Taboada demostra, valéndose das crónicas de Estrabón, a existencia dos cultos líticos xa na Galicia do século I a.C. e a súa permanencia na Alta Idade Media a partir dos acordos dos primeiros concilios de Braga, onde os consideraban anatema e procuraron a súa cristianización. A seguir, Taboada Chivite propón unha clasificación das pedras atendendo a se están labradas e con que figura, ou se son incultas, como as dos milladoiros, as mámoas e os menhires. Tamén as distingue conforme ás súas propiedades, e entón pode habelas fertilizadoras, divinatorias, curativas, ou sacrificiais.