Académicos e académicas
Xesús Rodríguez López
Lugo, 1859 - 1917
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Lugo, 28 de xullo de 1859 – 24 de marzo de 1917
Escritor, etnógrafo e médico, cultivou unha literatura de tendencia realista e costumista, vencellada ao mundo labrego e á vida das clases populares tanto nos temas como na lingua e no estilo, moi apegados á oralidade da variante luguesa. Foi autor dunha das primeiras novelas monolingües en galego, A cruz de salgueiro.
Logo de rematar o bacharelato en Lugo, Xesús Rodríguez López trasladouse a Santiago de Compostela, onde obtivo a licenciatura en Medicina con excelentes cualificacións en 1881. A partir desa data, exerceu como doutor na súa cidade natal, onde chegou a ser un facultativo moi recoñecido. En 1886 acada unha axuda da Deputación para ampliar estudos na clínica parisina do doutor Pasteur, o que o converteu, ao seu regreso, nun pioneiro no uso dos antibióticos en Galicia. En 1890 foi comisionado polo goberno civil para combater unha epidemia de gripe na Fonsagrada e tamén elixido secretario do Colexio Médico - Farmacéutico de Lugo, e o seu representante no Congreso Internacional de Hixiene e Demografía que tivo lugar en Madrid en 1898. En 1912 asistiu ao Congreso Médico Internacional de Tuberculose celebrado en Donostia. É autor do tratado divulgativo de saúde Las preocupaciones en medicina. Conocimientos útiles a la familia. Reglas para conservar la salud, para no dejarse engañar por los curanderos y para conocer a los médicos (1896).
Membro do partido liberal, dirixido en Lugo polo chairego Manuel Becerra, foi concelleiro no período 1900-1903 e segundo tenente de alcalde en 1902. Tamén formou parte da Liga de Amigos de Lugo e presidiu, entre 1912 e 1916, o Orfeón de Lugo, fundado por Xoán Montes.
Como literato, Rodríguez López salienta polo uso dunha lingua moi achegada á falada no seu Lugo natal, a predominancia do tema amoroso e o gusto polas escenas de tipo costumista. O poema longo Cousas d’as mulleres (1895) — con limiar de Leopoldo Pedreira, debuxos de L. Hernández e fotogravados de Laporta— desenvolve, ao longo de 27 seccións e un epílogo, un drama amoroso enmarcado no mundo labrego do cambio de século.
A novela coral A cruz de salgueiro (1899), publicada inicialmente na revista Galicia que dirixía Andrés Martínez Salazar, está ambientada en Lugo, Bilbao e Madrid, e o seu argumento vai entretecendo de xeito folletinesco os itinerarios vitais marcados polo sexo, o incesto e a violencia de varios personaxes que, con independencia da súa clase social ou nación de orixe, empregan unicamente o galego nas súas interaccións, sexan estas dialogadas ou epistolares. A novela, de estilo realista, salienta pola súa riqueza lingüística, un galego que recolle a maneira de falar da área central luguesa.
Xesús Rodríguez López cultivou tamén o teatro na comedia en dous actos O Chufón (1915) na que trata, en chave humorística, os usos amorosos e matrimoniais da súa época a través dos avatares nos que se ve envolta a figura que lle dá título ao texto, o casamenteiro ou persoa encargada de mediar entre as partes interesadas en contraer matrimonio. Novamente, a peza salienta pola vitalidade da lingua empregada e a súa fidelidade á variante luguesa.
Pasaxeiras: colección de poesías gallegas (1898) é unha colección de composicións líricas dedicadas a Lugo de tema amoroso e ton costumista. No seu limiar, o autor defende o emprego culto do galego falado e contén pezas como “A malla” (1894). Premiada no certame literario de Lugo do mesmo ano, nela narra unha historia de amor non correspondido inserida no labor comunitario de separar o gran da palla. Outros temas recollidos no libro son a guerra de Cuba, a escola nocturna para obreiros, unha defensa do catolicismo ou o poema etnográfico “O bico” que, musicado en forma de muiñeira por Xoán Montes, acadou unha gran difusión. Algúns poemas conteñen dedicatorias a intelectuais coevos do autor, como Pérez Ballesteros, Galo Salinas, Carré Aldao ou Aureliano J. Pereira.
Gallegadas: con alegrías de la tierra en verso y en prosa (1908) é un volume aumentado de Pasaxeiras no que recolle diversas composicións alí publicadas amais doutras novas, moitas delas en prosa. O libro comeza cunhas notas ortográficas do seu autor e unha nova vindicación do galego oral. Nos seus novos textos atópanse poemas de denuncia do caciquismo e da pobreza, a utilidade das folgas á causa obreira e episodios da guerra de independencia. Mais tamén aparecen varios relatos breves sobre temas como un velorio ou as malas artes dos curandeiros, así como unha descrición do xogo da billarda. O libro remata cun vocabulario e un glosario dos seus modismos.
Alén da literatura e dos libros de medicina, Xesús Rodríguez López cultivou o ensaio no libro Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia (1895) un ensaio antropolóxico sobre as crenzas tradicionais do pobo galego. O libro foi dobremente censurado pola Igrexa: primeiro antes da resolución do premio convocado en Monforte de Lemos e despois coa inclusión da edición que realizou pola súa conta no seu índice de títulos prohibidos. O veto foi levantado logo dunha entrevista persoal de Rodríguez López co bispo Murúa. O tratado, tivo un éxito inmediato e foi reimpreso e reeditado en varias ocasións, ás veces co título de Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares.
Rodríguez López parte nesta obra dunha concepción celtista de Galicia debedora de Manuel Murguía, e clasifica as supersticións en catro tipos: de culto superfluo ou indebido, divinatorias, maleficios e de vana observancia. Describe os ritos do San Xoán, as meigas e meigallos, os chamados escritos, os autos da Inquisición, que denuncia por excesivos e ruinosos para o país, os exorcismos con fins curativos, o Ciprianillo e a paletilla. Tamén fala da cartomancia e da frenoloxía, das propiedades máxicas das fontes e do lume novo, do tangaraño e a estadea.
Outros libros da súa autoría son Estudio psicológico de la mujer lucense (1897) e Defensa de las feas. Estudio Social (1898). Tamén colaborou na prensa da época, en revistas como A Voz do País ou As Burgas.


