Corneda, O Irixo, 1838 - A Coruña, 1911. Foi abade da Colexiata da Coruña e simpatizante do movemento rexionalista liberal que, naquela altura, imperaba na cidade da Coruña. Tamén foi membro da Real Academia Galega desde a súa fundación o 4 de setembro de 1905.
Licenciouse en Dereito e foi párroco de Biduido e de Laraño, mais tamén arcipreste de Xiro da Rocha, en Santiago de Compostela. Porén, foi como abade da Colexiata da Coruña cando amosou maior preocupación pola realidade social na cidade que habitaba.
A comezos do ano 1893, participou -xunto con representantes do rexionalismo, coma Salvador Golpe, e do republicanismo, coma Pérez Costales- da mobilización contra o traslado, finalmente truncado, da Capitanía Xeral desde A Coruña, onde tivera o seu asento desde 1840, até León. Formou parte da chamada Xunta de Defensa, un organismo creado con multitudinario apoio cidadán contra o poder centralista, e mesmo padeceu algúns días de cadea xunto con outros corenta membros da devandita Xunta. Este feito, sumado a unha actitude reivindicativa pouco habitual nos homes da Igrexa, outorgoulle celebridade (vid.: “Ramón Bernárdez González: abade da M.I. Colegiata da Cruña”, en Almanaque gallego. Ed. facs. Ano 1895 ; p. 73-74). Porén, a súa vinculación coa ideoloxía liberal e galeguista volve poñerse de manifesto ao participar, en 1907, na constitución da organización agrarista e anticaciquil Solidaridad Gallega. A suá implicación era tal, que non só alentou a publicación de Galicia Solidaria, o primeiro semanario que tivo a organización, senón que convocou e fallou o concurso que premiou o Catecismo Solidario de Carré Aldao.
Ramón Bernárdez González mantivo unha relación tensa coas autoridades eclesiásticas ao non deixar de cuestionar a súa vinculación cos poderes políticos.
Pertencen á súa autoría as seguintes obras:
Responsabilidad moral. Santiago de Compostela: Imp. de Manuel Mirás y Álvarez, 1883.
La Eucaristía. A Coruña: Tip. 'El Noroeste', 1899.
Liberalismo: ¿quid est?. A Coruña: Tip. 'El Noroeste', 1890.
Reseña histórica y descriptiva de Santa María del Campo de la ciudad de La Coruña.Tui: Tipografía Gallega, 1892.
Historia primitiva. A Coruña: Tip. 'La Constancia', 1902. Unicamente deixou publicada a primeira parte.
Publicou, tamén, un artigo no Boletín da Real Academia Galega no que volve sobre o estudo do templo coruñés:
“Sepulcro del primer tercio del siglo XV descubierto en Santa María del Campo de la ciudad de la Coruña”, t.3, n. 29, 1909, pp. 100-106.