Filólogo e catedrático de Latín e Lingua Española do Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, formou parte do Instituto de Estudios Gallegos e colaborou con medios de prensa estatais e galegos. Fundou e dirixiu a revista El Catolicismo Socialista.
Trasladouse a Galicia moi novo desde Madrid tras gañar, por oposición, a cátedra de Latín e Lingua Española no instituto coruñés do que chegou a ser o director, e integrouse decontado nos debates culturais galegos da época. Dotado dunha ampla cultura, formaba parte do corpo de arquiveiros e posuía unha sólida formación académica na Universidade Central de Madrid, completada con varias estancias en universidades internacionais.
Foi conferenciante no Congreso de Estudios Gallegos sobre o galego e asinou numerosos artigos de tema filolóxico en medios como La Voz de Galicia e El Liberal, de Madrid. No Boletín da Real Academia Galega publicou unha recensión do libro Elementos de gramática histórica gallega: (fonética-morfología) (1909) de Vicente García de Diego e outro sobre os diminutivos galegos. Foi ademais autor de varios manuais de gramática latina e castelá destinados ao ensino destas materias.
Membro do pleno e tenente de alcalde do Concello da Coruña, foi tamén vogal da Comisión Provincial de Monumentos e presidente da sección de filoloxía do Instituto de Estudios Gallegos. Logo da súa morte, os seus amigos publicaron o volume Entretenimientos gramaticales (1935). Fernando Martínez Morás dedicoulle a necrolóxica recollida no Boletín da Real Academia Galega.