Académicos e académicas

Rafael González Villar

Rafael González Villar

A Coruña, 1887 - 1941
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya
Título do discurso

*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Rafael González Villar finou uns días antes da celebración deste acto, considérase igualmente académico numerario. 

Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández

Arquitecto que procurou establecer un diálogo entre a arquitectura tradicional galega e a modernidade, asinou, entre outras obras, o Quiosco Alfonso ou a Casa Molina da Coruña. Foi presidente da sociedade Cántigas da Terra, do Círculo de Artesáns da Coruña e da Asociación de Arquitectos de Galicia.

Nado no seo da familia Villar, propietaria dunha coñecida farmacia coruñesa, foi un alumno brillante que rematou a carreira de Arquitectura en Madrid en 1911 co número un da súa promoción. Obtivo unha bolsa para a ampliación de estudos que lle permitiu viaxar por Francia e Bélxica, e estudar as principais tendencias da arquitectura moderna. De volta na Coruña, inseriuse nos círculos culturais galeguistas da cidade e colabora con caricaturas no semanario republicano Acción Coruñesa.

González Vilar promoveu a celebración de varias exposicións de arte galega, tanto na Coruña (1912, 1917 e 1923) coma en Madrid (1918 e 1928), A Habana e Buenos Aires, nas que formaba parte do comité organizador canda a figuras como Antonio Palacios, Fernando Álvarez de Sotomayor e Francisco Lloréns. Nesta mesma xeira é escollido presidente da Asociación de Arquitectos de Galicia (1914-1917), do coro Cántigas da Terra (1919) e do Círculo de Artesáns da Coruña (1923), membro da xunta do Padroado do Museo de Belas Artes, académico da Real Academia Galega de Belas Artes (1923) e presidente da mesma entre 1927 e 1941. Foi tamén membro da Asociación Provincial da Cruz Vermella (1929) e da Asociación de Artistas da Coruña (1934).

Os seus proxectos entre 1912 e 1915 delatan a influencia da Secesión vienesa e do Modernismo centroeuropeo da escola Otto Wagner, do que son mostras o edificio do Quiosco Alfonso e o monumento a Concepción Arenal –ambos nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña–, a Casa Molina e os chalés de Rialeda, Limiñón e Carnicero. Unha segunda etapa, de 1916 a 1923, máis ecléctica e cun maior influxo do modernismo francés, está representada por edificios como o Salón Marineda da Coruña (1917), o Teatro Alfonsetti de Betanzos (1921), o Quiqui Bar (1922) de Santiago de Compostela –posteriormente sede da compañía de autobuses Castromil– e o edificio da Banca Núñez de Betanzos (1923).

O maxisterio da tendencia monumentalista de Antonio Palacios resulta visible en propostas de González Villar como a da Escola de Comercio da Coruña (1916), en colaboración con Leoncio Bescansa, o Gran Casino Hotel da mesma cidade e a realizada para un concurso convocado polo Chicago Tribune. Os edificios da escola e a casa do pobo de Betanzos, de 1917 e 1918, ambas financiadas polo filántropo Jesús García Naveira, insírense de novo nun modernismo ecléctico con referentes tirados da Liguria italiana.

Rafael González Villar é considerado, canda Antonio Palacios, Manuel Gómez Román e Eduardo Rodríguez Losada, como un dos pioneiros da arquitectura rexionalista. Entre 1924 a 1931 desenvolveu un estilo xenuíno que puña en diálogo o barroco compostelán coa Art Déco parisiense da mesma época. Son proxectos desta xeira rexionalista o bosquexo para un santuario e monumento ás vítimas do mar, de 1924, o sanatorio de tuberculosos de Cesuras, do mesmo ano, o chalé Companioni da Coruña e o palco da música de Betanzos (1927), Casa Molina (1928), o Museo de Belas Artes da Coruña e o colexio Chamorro de Narón.

Os estudos El Pazo Moderno (1925) e Casa en el Campo Gallego (1926) son outros dous exemplos máis da tendencia rexionalista dun arquitecto que en 1928 foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega a proposta de Ángel del Castilo, Fernando Martínez Morás e Eladio Rodríguez González.

Co triunfo do Racionalismo na década dos trinta, González Villar irá virando o seu discurso arquitectónico cara a este estilo sobrio e crítico cos elementos decorativos característicos do Modernismo. Do seu diálogo coa arquitectura tradicional galega son as súas habituais bow windows (fiestra miradoiro). cunha adaptación poligonal á arquitectura racionalista-déco das populares galerías de madeira e vidro características das fachadas de moitos edificios coruñeses. Noutras obras, como nos cines España de Cee (1937), Capitol de Betanzos (1940) e Avenida da Coruña (1938), o racionalismo estrutural convive con elementos da Art Déco precedente.

Tras o estoupido da guerra civil, González Villar aliñouse co bando sublevado e realizou o proxecto do Monumento Conmemorativo del Movimiento Nacional de Salvación. En 1940 foi nomeado arquitecto interino do Concello da Coruña. Elixido académico de número en 1941, morreu días antes do acto de recepción colectivo celebrado o 27 de xullo de 1941 no Paraninfo da Universidade de Santiago, e no que só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, de Fermín Bouza-Brey, e á resposta en nome da institución do presidente, Manuel Casás.