Académicos e académicas
Pura Vázquez Iglesias
Ourense, 31/03/1918
-
Ourense, 25/07/2006
Membro correspondente de
17/04/1949 - 25/07/2006
A proposta de
Antonio Couceiro Freijomil, Leandro Carré e Francisco Vales Villamarín
Ourense, 1918-2006. Mestra, poeta e narradora, a vizosa produción literaria de Pura Vázquez, Carmen Purificación Vázquez Iglesias, abrangue máis de corenta obras publicadas e sete décadas de escritura. Nada no seo dunha familia socialista que padeceu a represión franquista, a súa poesía, de contido intimista e dicción clásica, rexistra as experiencias da emigración, o amor, o desacougo vital ou a evocación da paisaxe do seu Ourense natal. Escritora bilingüe, compartiu coa súa irmá, Dora Vázquez, a autoría de varias obras destinadas ao público infantil.
Filla dun traballador de Correos e dunha ama de casa, a poeta, a cuarta de cinco irmáns, coñeceu dende moi nova a experiencia do desarraigamento, co traslado temporal do seu pai á Coruña na procura de mellores condicións económicas. A biblioteca familiar, con presenza de autores do Rexurdimento, forneceu a escritora da súa primeira toma de contacto coa literatura, que comezou a practicar desde moi cedo tamén na escritura alentada polo pai, publicando os seus primeiros poemas xa aos once anos. De volta en Ourense, a familia instálase no barrio do Salto do Can que a poeta converteu, andado o tempo, nun dos puntos cardinais da súa obra. Cursou o bacharelato no Instituto do Posío, onde coñeceu o maxisterio de Otero Pedrayo, quen mediou tamén na publicación das súas primeiras colaboracións na prensa da época, publicadas no xornal agrarista fundado por Basilio Álvarez, La Zarpa, e no Galicia, de Marcial Ginzo. Ao longo da súa vida, Pura Vázquez mantivo unha constante actividade de colaboración na prensa, con artigos en medios como La Región, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, ABC ou Informaciones.
Coa chegada da guerra civil, o seu pai, socialista, foi detido e mantido en prisión durante tres anos. O seu noivo, Sindo, tamén republicano, alistouse no exército franquista para fuxir da represión e acabou morrendo no transcurso da batalla do Ebro. Peregrino de amor (1942), o seu primeiro libro saído do prelo, editado en Larache grazas á iniciativa dos compañeiros de armas de Sindo. A estes feitos dramáticos, que deixaron unha forte pegada na escritora, engadiuse a penosa situación económica da familia, sostida unicamente polos ingresos como mestra da súa irmá maior, Dora. Logo de rematar Maxisterio, Pura Vázquez obtivo praza por oposición de mestra nacional en 1944, e iniciou o seu periplo como docente en diversas escolas de Galicia primeiro, e logo tamén de Castela.
A través da actividade literaria -moi intensa a partir dos anos 40, con varios poemarios publicados en español- Pura Vázquez entrou en contacto cos círculos intelectuais da posguerra. Coñeceu figuras como Manuel María, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Gerardo Diego ou Carmen Conde, con quen mantivo unha estreita amizade ao longo de toda a súa vida. Establecida en Madrid nos primeiros anos 50, relacionouse coas principais figuras literarias da capital, como Pío Baroja, Vicente Aleixandre ou Camilo José Cela, así como cos galeguistas xuntados no faladoiro do Lion d’Or: Cabanillas, Fermín Penzol, Gamallo Fierros. Cultivou así mesmo o seu propio círculo de amizade con escritoras como Carmen Conde, Amanda Junquera, Stella Corvalán, María Luz Morales, Julia Minguillón, Elena Quiroga, Luz Pozo Garza ou Pilar Vázquez Cuesta.
En 1954 participa representando Galicia no III Congreso de Poesía organizado por Menéndez Pidal, celebrado en Santiago de Compostela. Ao ano seguinte, marcha por primeira vez a Venezuela, onde vai ficar cinco anos traballando de directora dunha escola infantil e de secretaria da Escola de Xornalismo de Caracas. A súa despedida en Vigo converteuse nunha verdadeira homenaxe do galeguismo do interior á que asisten, entre outros, os irmáns Álvarez Blázquez, Francisco Leal Insua ou Celso Emilio Ferreiro. Regresa de Venezuela en 1960 para retornar de novo ao ano seguinte e quedar alí ata 1963. Logo dunha estancia de tres anos, en 1966 decide regresar por terceira vez a Caracas, onde permaneceu un ano máis deica o seu regreso definitivo por motivos de saúde. Durante a súa estancia no país caribeño, Pura Vázquez colaborou con diversas revistas literarias venezolanas como Vida y Letras, Antorcha, Árbol de fuego ou Poesía de Venezuela, así como nos medios das diversas casas de Galicia en América.
En 1969 obtén destino definitivo como mestra en Madrid, onde permanece ata 1985, e alí casa, en 1975, co tamén mestre Manuel Batanero, natural de Soria. En 1992 regresa ao seu Ourense natal onde se instala de xeito definitivo canda a súa irmá deica a súa morte en 2006.
Pura Vázquez foi, xunto a Luz Pozo Garza, das primeiras escritoras galegas en retomar a publicación en galego tras a guerra civil. O seu libro Íntimas (1952), imprentado na colección Xistral -dirixida por Manuel María e Ánxel Johan-, delata algúns dos sinais de identidade permanentes da súa escritura: o tratamento lírico da materia sentimental, a evocación exultante do amor e unha ollada melancólica sobre a paisaxe. Nas súas obras posteriores en galego -Maturidade (1955), A saudade e outros poemas (1963) O desacougo (1971), Se digo Ourense... (1994) ou Orballa en tempo lento (1995)- van cobrando unha maior importancia outros temas como a saudade e a nostalxia da terra, unha difusa angustia existencial e a homenaxes a figuras queridas ou admiradas, como Rosalía ou Castelao. Na obra destinada ao público infantil, cómpre salientar a producida a catro mans coa súa irmá Dora Vázquez tanto na narrativa coma no teatro e a poesía.
Foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega o 22 de xuño de 1948 a proposta de Francisco Vales Villamarín, Antonio Couceiro Freijomil e Leandro Carré Alvarellos. Contra o final da súa carreira, Pura Vázquez recibiu numerosos premios e recoñecementos á súa obra, como a Medalla Castelao (1995) ou o Premio Trasalba (1996). Dende o 2002, a Deputación de Ourense convoca, na honra das dúas irmás, os premios de narración e ilustración infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez. Foi socia de honra desde o 2005 da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.


