Académicos e académicas

Pablo Pérez Costanti
Santiago de Compostela, 1857 - 1938
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Historiador, arquiveiro, paleógrafo e xornalista, a súa abondosa produción historiográfica abrangue o estudo dos artistas do Barroco galego, a historia moderna de Galicia, nomeadamente a da cidade de Santiago de Compostela, e a xenealoxía de diversos apelidos galegos. Catalogou os arquivos municipais de Santiago de Compostela, Carballo, Ordes e Corcubión, amais dos eclesiásticos composteláns e varios notariais. Formou parte da Asociación Regionalista Gallega.
Pablo Antonio Pedro Crisólogo Pérez Costanti era fillo de Pablo Pérez Ballesteros e María del Carmen Costanti, de ascendencia italiana procedente da cidade de Parma. O seu pai, xuíz de paz en Compostela, era irmán de José Pérez Ballesteros, un dos fundadores da Sociedad del Folklore Gallego e autor do Cancionero popular gallego (1886). Cursou cinco anos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e participou activamente na tuna universitaria e na vida estudantil, canda outros estudantes como Labarta Pose, Camilo Bargiela ou Pepe Nieto. Durante esta xeira foi vicepresidente da Sociedad de Bomberos Voluntarios de Santiago.
En 1885 pasou a exercer como arquiveiro municipal de Santiago de Compostela, sucedendo no cargo a Bernardo Barreiro, o creador da revista de temas históricos Galicia Diplomática. Alí desenvolveu un fecundo e intensísimo labor de catalogación, conservación e difusión de varios fondos documentais galegos, como o do cabido compostelán, o da Concepción e o do Rosario, así como os dos concellos de Ordes, Corcubión e Carballo. Foi un pioneiro no emprego dos arquivos notariais como fonte de documentación das súas abondosas pescudas históricas. En 1908 organizou o Certame Histórico da Guerra de Independencia patrocinado polo concello santiagués no centenario da francesada, e foi tamén membro da comisión organizadora da sección arqueolóxica da Exposición Rexional Galega, celebrada en Santiago de Compostela en 1909.
Entre as súas obras, salientan os tres tomos de Notas viejas galicianas (1925-1926), onde recolle ensaios sobre feitos históricos galegos que fora publicando con anterioridade, ás veces co pseudónimo El Bachiller Pérez, en medios como Galicia Diplomática, Revista Gallega, Ultreya, El Cementerio, Boletín da Real Academia Galega ou na revista Almanaque Gallego, fundada en Buenos Aires polo emigrante lugués Manuel Castro López. Destaca entre os temas tratados a historia da cidade de Santiago de Compostela –os seus gremios, imprentas, festas e costumes–, ademais da historia da súa Universidade, a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, o padre Sarmiento, as industrias e artes de pesca galegas, a cultura do viño, a historia da minería, a produción de madeira, o sitio da Coruña e as guerras de Sucesión e da Independencia, a lenda da tarasca ou a caza do lobo en Galicia.
En 1908 gañou o certame convocado pola Liga de Amigos co traballo “Una tradición compostela: La fiesta del Cendal”. En 1916 recuncou con outro titulado “Universidad Compostelana, su origen y desenvolvimiento”. En 1930 publicou o seu monumental Diccionario de artistas que florecieron en Galicia durante los siglos XVI y XVII (1930), obra de referencia da arte do Renacemento e do Barroco galegos, no que resume a vida e a obra de máis de trescentos artistas e artesáns galegos ou foráneos que traballaron en Galicia durante esta época. Moitas destas fichas biográficas foran publicadas na Enciclopedia Espasa ou na Allgemeines Kúnstlerlexikon. En 1897 foi premiado nun certame histórico organizado polo Ateneo León XIII pola Biografía del escultor Ferreyro (1898).
Profundo coñecedor do xornalismo compostelán, en Historia del periodismo santiagués (1992) o historiador José Luís Cabo compilou os cadernos monográficos que sobre este tema fora publicando Pérez Costanti entre 1905 e 1906 co título de Notas Compostelanas e que abranguen a primeira metade do século XIX. Para esta obra, que deixou inconclusa, Pérez Costanti empregara como fonte documental o propio Arquivo Municipal de Santiago de Compostela no que traballaba como arquiveiro.
Pérez Costanti tivo o seu primeiro contacto co periodismo a través do quincenal El Organillo (1883), que el mesmo fundou en Padrón, vila onde pasaba os veráns. Esta revista de tipo humorístico tivo unha vida efémera, pero supuxo o primeiro chanzo na súa fecunda produción como xornalista satírico. Como tal colaborou con outros medios deste tipo que aparecían en Santiago nos anos oitenta do século XIX, como Café con Gotas, ata que en 1897 funda canda Javier Valcarce, Fray Benito, que a pesar da súa curta existencia acadou certa repercusión. Tamén colaborou en medios da prensa xeral como La Prensa Gallega, La Patria Gallega –voceiro oficial da Asociación Regionalista Gallega–, La Gaceta de Galicia, La Voz de Galicia, Diario de Galicia, Eco de Santiago ou Faro de Vigo.
O seu interese pola xenealoxía galega plasmouno nunha serie de artigos ,“Linajes Galicianos”, que foi publicando no Boletín da Real Academia Galega, onde reconstrúe a ascendencia de varios centos de apelidos na que supón unha das achegas máis numerosas ao voceiro da Academia. Comprometido co galeguismo, foi membro da Asociación Regional Gallega e foi un dos maiores doadores individuais na construción do monumento aos Mártires de Carral. No seo do Seminario de Estudos Galegos dirixiu a investigación documental para a sección de arte barroca realizada en 1923. Pertencía tamén á Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e era membro correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Con motivo do centenario do seu nacemento, Fermín Bouza Brey dedicoulle unha agarimosa nota biográfica en homenaxe nas páxinas do Boletín da Real Academia Galega.