Malia a súa curta vida, truncada pola guerra civil, o SEG creou unha escola de investigadores que co seu labor contrarrestou “o desinterese manifesto naquela altura da universidade compostelá pola realidade galega”, conta Tobío en As décadas de T. L. O daquela profesor de Dereito formou parte do seu grupo fundador xunto a Armando Cotarelo Valledor, Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños, Xosé Pena, Wenceslao Requejo Buet, Francisco Romero de Lema e Alberte Vidán. Organizado en seccións seguindo a estrutura interdisciplinar do Institut d´Estudis Catalans, o Seminario de Estudos Galegos foi medrando axiña coa incorporación das principais figuras intelectuais galeguistas, tanto as procedentes do Grupo Nós -Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao- coma outros persoeiros como o arcebispo de Santiago Manuel Lago González; Josefa Iglesias Vilarelle, Salvador Cabeza de León, Xesús Carro, Lugrís Freire, Carballo Calero, Luisa Cuesta, Vitoriano Taibo, Gómez Román, María Corredoira, López Abente, Bal y Gay, Luís Iglesias, Camilo Díaz Baliño ou un novísimo Francisco Fernández del Riego, protagonista do Día das Letras Galegas 2023.
O labor do Seminario estruturouse en seccións dirixidas por cadanseu coordinador: a de Filoloxía, por Armando Cotarelo Valledor; Arte e Letras, por Castelao; Etnografía, por Vicente Risco; Historia, a cargo de Cabeza de León; Prehistoria, coordinada por Florentino López Cuevillas; Xeografía, por Otero Pedrayo; Historia da Arte, por Xesús Carro; Historia da Literatura, por Xosé Filgueira Valverde; Pedagoxía, por Manuel Díaz Rozas; Ciencias Aplicadas, por Manuel Gómez Román; Ciencias Naturais, por Luís Iglesias e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, polo propio Lois Tobío.
Financiado con fondos achegados por particulares como Portela Valladares; organismos públicos como a Deputación da Coruña e pola comunidade de emigrantes galegos en Buenos Aires, o Seminario instalouse definitivamente no pazo de Fonseca en 1930. Os seus traballos, de temática diversa, viron a luz por distintas vías. As monografías eran publicadas polo propio Seminario, polo xeral na editorial Nós de Ánxel Casal, que imprimiu Algunhas normas pra unificación do idioma gallego, o Anteproyeito de Estatuto da Galiza ou a maioría dos números do anuario Arquivo do Seminario de Estudos Galegos, que reunía artigos científicos de temática diversa. Outros traballos difundíronse na prensa galeguista e afín, como a revista Nós, o xornal Galicia, de Valentín Paz Andrade, e El Pueblo Gallego, de Portela Valladares, onde aparecería, editado por entregas, entre 1926 e 1928, o Vocabulario popular galego-castelán do Seminario; así como no propio Boletín da Real Academia Galega.
En total, o SEG levou á imprenta máis de cen monografías nos seus trece anos de vida, moitas delas traballos colectivos, pero tamén outros persoais como a Síntesis xeográfica de Galicia, de Otero Pedrayo; As cruces de pedra na Bretaña, de Castelao; El P. Feijoo. Sus ideas crítico-filosóficas, de Sara Leirós; e títulos de poesía e prosa literaria de Cabanillas, Bouza Brey ou Cotarelo, entre outros.
As xeiras
Ningún aspecto da realidade galega foi alleo ao interese dos membros do Seminario. Afondaron en temáticas que xa gozaban de certa tradición, como os estudos históricos, arqueolóxicos e literarios, e inauguraron liñas de estudo que ficaran case ermas ata ese momento, como as matemáticas, a química, a astronomía ou a economía, materias tratadas todas elas seguindo as teorías e técnicas de investigación máis avanzadas no seu tempo, nun esforzo conxunto por elevar o nivel da cultura galega ata homologalo co internacional.
Nesta apertura de novos eidos para a cultura de noso o Seminario estreou ademais novas formas de facer ciencia en Galicia. “No SEG adoptaron un modo de traballo diferente, de discusión dos textos en cada sesión de seminario, e de investigar a través das xeiras ou campañas de investigación, que facilitaban unha visión multidisciplinar e unha intensa relación interxeracional, na que se mesturaban mozos e vellos”, expón o director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, no catálogo da exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, da que é comisario, aberta ao público na Cidade da Cultura ata o vindeiro 7 de xaneiro.
A primeira xeira realizouse en Monforte de Lemos, no ano 1926, baixo a coordinación de Arias Sanxurxo, e implicou as seccións de Xeografía, Etnografía, Prehistoria e Arqueoloxía. En 1927 os seminaristas traballaron no Carballiño e no Ribeiro guiados por Losada Diéguez; en 1929 deron comezo as xeiras na Terra de Melide e dende 1930 ata 1934 todas as seccións traballaron na xeira da Terra do Deza. Antes da guerra, no mesmo 1936, empezaría a derradeira, centrada en Fisterra.
Papel normalizador da lingua
Co seu estudo de todo tipo de saber científico dende o galego, o SEG desempeñou ademais un papel fundamental na normalización do idioma, seguindo o ronsel das Irmandades da Fala. “O Seminario implicouse en varias iniciativas a prol da promoción da lingua, tales como a Festa da Lingua Galega (1924) ou a Festa da Prosa Galega (1927), pero o realmente transcendente foi o seu uso normalizado no ámbito universitario, un fenómeno daquela inaudito. Rachando prexuízos, moitos seminaristas comezaron a empregar o galego en todo tipo de textos e contextos, desde o coloquio informal ás sesións de traballo, pasando polas solemnidades públicas e mesmo a documentación corporativa”, destaca o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo.
Cen anos despois da fundación do SEG, ponse tamén o foco na contribución das mulleres ata o momento invisibilizadas. Non saen nas fotos icónicas pero contribuíron a que fose o que foi, advirte Raquel C. Pico, que asina tamén unha contribución en Luz na Terra centrada nelas. En total, foron propostas ou admitidas como membros Carmen Sierra, Luisa Cuesta, Margot Sponer, Carmen Corredoira, Amparo Arango, Sara Leirós, Dolores Lorenzo, Pura Lorenzana e Josefa Iglesias. “Que estes nomes sexan escasos non quere dicir que tampouco sexan relevantes. Imaxinar o Seminario de Estudos Galegos sen mulleres non é, no fondo, realista: un organismo conectado coa universidade e co seu estudantado debería ter contacto dun xeito ou doutro coas universitarias que, aínda sendo minoritarias, ían adquirindo máis presenza nas aulas, e coas profesionais que comezaban tamén a ocupar posicións na propia Universidade de Santiago de Compostela”, valora a xornalista. A Biblioteca de Galicia dedícalles ata o vindeiro 31 de xaneiro unha exposición bibliográfica que completa un calendario de actividades de celebración do centenario do SEG que se estenderá durante os vindeiros meses.