Académicos e académicas

Marcelo Macías y García

Marcelo Macías y García

Astorga, 1843 - Ourense, 1941
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador

Astorga, 1843 – Ourense, 1941. Sacerdote, profesor e polígrafo foi tamén un dos grandes oradores relixiosos da súa época. Presidiu a Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, dirixiu o Museo Arqueolóxico Provincial derivado da mesma e fundou o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y artísticos de Ourense, no que publicaron os seus primeiros traballos os arqueólogos da xeración Nós. Especialista en epigrafía e numismática latinas, no eido das investigacións históricas salientan os seus traballos sobre a cidade de Astorga, Hidacio da Limia, san Rosendo, san Martiño de Tours, o reino Suevo ou o padre Feixoo.

Nado en Astorga, onde foi compañeiro de xogos desde a infancia de Andrés Martínez Salazar, iniciou a carreira eclesiástica no seminario dependente da diocese episcopal desta cidade. Logo do peche do seminario onde exercía de profesor tras a Revolución de 1868, A Gloriosa, foi destinado como cura, en 1869, a San Pedro de Bembibre. Porén, as súas inquedanzas intelectuais levaríano a iniciar a carreira de Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, que rematou en 1873. A continuación, preparou as oposicións á cátedra de Retórica e Poética que perdeu, segundo o seu biógrafo Ramón Otero Pedrayo, pola intromisión directa do ministro de Fomento da Restauración, o marqués de Orovio, de tendencia canovista.

Truncada a carreira académica, retorna á eclesiástica e exerce como cura primeiro en Palma de Mallorca -onde traba amizade co xornalista e historiador local José María Quadrado, discípulo de Balmes- e logo na provincia de Badaxoz, nos curados de Villanueva de la Serena e de Monesterio. Nesta xeira afonda nos seus estudos históricos e arqueolóxicos e cultiva a literatura, sobre todo a poesía de circunstancias, como un epitalamio ou unha elexía á morte de Emmanuel Contamine de Latour.

En 1882 é restituído na carreira académica e destinado, como catedrático de Retórica, Poética e Filosofía, no Instituto Jovellanos de Xixón. Nesta cidade coñece a Julio Somoza de Montsoriú e afonda nos seus coñecementos de epigrafía e numismática latinas, pois, en palabras de Otero Pedrayo, Marcelo Macías procuraba “la fuente viva, el eco y el acento de la voz del pasado aprisionada en la piedra y el metal.” A partir de 1884 e deica a súa xubilación, ocupa a cátedra de Retórica e Poética que fora de Juan Antonio Saco y Arce no Centro Provincial de Instrución de Ourense, situado á beira dos xardíns dos Posío, que albergaba tamén o Instituto de Segunda Ensinanza, a Escola de Artes e Oficios, a Escola Normal de Mestres e mais a Biblioteca Pública, e que pasou a ser nomeado décadas máis tarde como Instituto Otero Pedrayo.

Marcelo Macías integrouse plenamente na cidade das Burgas, onde permaneceu o resto da súa longa vida. Alí desenvolveu unha intensa actividade intelectual e mesmo chegou a ver medrar parte da súa familia política, como o seu sobriño Sebastián Martínez-Risco Macías. Desde a súa cátedra no centro de ensino do Posío -onde compartiu claustro, entre outros, con Salvador Padilla, Eduardo Moreno López ou Antonio Gaite- exerceu unha forte influencia sobre unha serie de mozos ourensáns que, andado o tempo, pasarían a formar parte da chamada xeración Nós. Os seus coñecementos sobre epigrafía e numismática foron esenciais na consolidación da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, na que tamén participara activamente o deán Juan Bedoya, e do Museo Arqueolóxico Provincial dependente da mesma. No seo desta institución, así como nas páxinas do seu Boletín, que fundou en 1898 e dirixiu ata o seu falecemento, deuse a coñecer un grupo de arqueólogos ourensáns como Florentino L. Cuevillas, Vicente Risco ou Xesús Ferro Couselo que, baixo o maxisterio de Marcelo Macías, foron os verdadeiros pioneiros da arqueoloxía galega.

No eido dos estudos históricos, ademais dos seus traballos sobre a cidade e a diocese de Astorga e a epigrafía e numismática romanas, salientan as súas investigacións de temática galega, estudando períodos históricos como o reino suevo, a posible situación da cidade dos límicos (Civitas Limicorum) e figuras como a de Martiño de Tours, Hidacio da Limia, san Rosendo ou Nicomedes Pastor Díaz. Especial atención mereceulle a vida e a obra do padre Feixoo. O seu discurso fúnebre “Elogio del P. Feijóo”, pronunciado o 9 de setembro de 1887 na catedral de Ourense, outorgoulle o recoñecemento inmediato como a maior autoridade do seu tempo no frade bieito ourensán, a quen sitúa entre os precursores de Voltaire. En palabras de Andrés Martínez Salazar, este discurso “reveló a Don Marcelo Macías en Galicia”, gañándolle a estima da intelectualidade galeguista da época e mesmo a louvanza de Manuel Murguía.

Ademais da creación literaria, Marcelo Macías cultivou os estudos filolóxicos sobre cuestións de literatura española e de didáctica da retórica, arte que cultivou tamén con grande éxito na práctica. Dotado dun elevado estilo e profunda cultura humanística, foi denominado por Emilia Pardo Bazán como o “Cicerón cristiano” ou “Castelar sagrado”, pola súa talla como orador relixioso. Os seus discursos como o xa citado sobre o padre Feixoo ou o “Panegírico de San Agustín” pronunciado no Escorial en 1894, situárono de inmediato entre os grandes oradores do seu tempo e fixérono acredor do título de predicador real.

Membro correspondente da Real Academia de Historia, presidente do Ateneo de Ourense e membro fundador da Real Academia Galega, Marcelo Macías recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos ao longo da súa extensa vida e carreira intelectual. Recibiu a Cruz da Orde de Afonso XII e foi nomeado fillo adoptivo de Ourense en 1912. Cinco anos máis tarde recibiu unha homenaxe nesa cidade na que participaron, entre outros, os bispos e académicos Manuel Lago González e Antolín López Peláez, ademais de Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Francisco Álvarez de Nóvoa ou Manuel Martínez Sueiro. Neste evento entregóuselle, así mesmo, unha medalla de Asorey e Antonio Rey Soto recitou un poema na súa honra. Máis adiante, en 1925, foi declarado fillo adoptivo de Galicia polas catro deputacións provinciais e ao acto, celebrado na Coruña, acudiron os alcaldes de Ourense, Astorga e A Coruña.