Académicos e académicas

Manuel Chamoso Lamas
A Habana, Cuba, 1909 - A Coruña, 1985
Data de ingreso
26/05/1956
A proposta de
Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey Trillo e Aquilino Iglesia Alvariño
Resposta pronunciada por
Ramón Otero Pedrayo
Arqueólogo e investigador, distinguiuse polo seu traballo na conservación e restauración do patrimonio histórico galego. Fundador e director do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela e presidente da Real Academia de Belas Artes da Coruña, os seus estudos contribuíron a afondar no coñecemento da arte relixiosa galega, nomeadamente da relacionada coa catedral de Santiago de Compostela.
Nado na Habana, en 1913 a súa familia instalouse de novo en Boborás, a súa terra de orixe. Logo de cursar o bacharelato no Instituto de Pontevedra –onde Castelao foi o seu mestre de debuxo– trasladouse a Madrid para completar as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras, e doutorarse, en 1933, cunha tese sobre o Barroco en Galicia. Ao pouco tempo, pasou a exercer como profesor de ensino secundario nun instituto de Madrid.
En 1938 incorporouse ao chamado Servizo de Recuperación Artística promovido polo bando franquista baixo a dirección de Eugeni d’Ors, Juan de Contreras y López de Ayala e Pedro Muguruza. En 1940 converteuse no comisario da denominada Terceira Zona (Levante) do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional. Seis anos máis tarde pasou a desenvolver a mesma función na Primeira Zona, que correspondía ao noroeste peninsular, e que trasladou, baixo o seu mandato, a súa capital de León a Santiago de Compostela. Ocupou este cargo deica a súa supresión en 1969.
Despois de traballar no Museo Arqueolóxico de Ourense, en 1970 gañou por oposición a praza de arquiveiro-bibliotecario no Museo Arqueolóxico da Coruña. Ao ano seguinte trasladouse ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, que el mesmo promovera e que presidiu ata a súa xubilación. Foi conselleiro de Belas Artes para a provincia da Coruña desde 1969, asesor nacional de museos e membro do Consello Asesor Nacional do Patrimonio Artístico, vogal do Padroado Nacional de Museos e subdirector xeral do Patrimonio Artístico. Foi membro numerario do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e da Academia de Belas Artes da Coruña desde 1961, que presidiu entre 1970 e 1979, e onde está depositado o seu valioso arquivo fotográfico, composto por máis de quince mil imaxes do patrimonio artístico e cultural galego.
O seu labor profesional estivo sempre ligado ao estudo e defensa do patrimonio histórico e artístico galego, quer desde a actividade arqueolóxica e de restauración de monumentos, quer desde o estudo teórico dos mesmos e a súa defensa e protección legal. Centrou boa parte do seu traballo no estudo e conservación do patrimonio histórico da cidade de Santiago de Compostela, así como no de outras, iniciando intervencións para a restauración –sobre todo de igrexas románicas e barrocas– en lugares como Betanzos, Ribadavia, O Cebreiro ou Castro Caldelas. Promoveu a creación de museos etnográficos comarcais, así como o do traxe rexional (Betanzos, Ribadavia); o do Mar en Combarro e o do patrimonio eclesiástico de Ourense, das Clarisas de Monforte e da colexiata de Santa María do Campo na Coruña.
En 1944, aproveitando o traslado do coro, dirixiu as escavacións iniciadas na catedral de Santiago que deron lugar posteriormente a diversos achados de gran relevancia científica –como a lauda funeraria de Teodomiro–, así como de diversas intervencións na súa redonda (praza da Quintana, capela da Corticela etc.) e en diversos puntos da ruta xacobea, como Iria Flavia ou Fisterra. Realizou tamén escavacións noutros lugares como Tines (Vimianzo), Moraime (Muxía), San Cibrao de Las (San Amaro-Punxín), Santalla de Bóveda (Lugo), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), as Torres do Oeste (Catoira), a vila de Tui ou o castro de Viladonga (Castro de Rei), onde promoveu a creación do museo correspondente. Foi ademais o comisario da exposición de arte románica galega celebrada en 1961.
Entre os seus libros cómpre salientar Ribadavia (1951), La arquitectura barroca en Galicia (1955), Santiago de Compostela (1961), La escultura funeraria en la catedral de Santiago hasta 1500 (1964), El puente romano de Orense (1969) ou Tuy (1981). Publicou, ademais, máis dun cento de artigos en revistas e coleccións especializadas, como Abrente, Boletín de la Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario; Cuadernos de estudios gallegos ou Compostellanum, sobre igrexas como as de San Mamede de Moldes, Santo André de Cedeira, Santa María de Noia, San Clodio de Ourense, Santalla de Bóveda, das Capuchinas da Coruña ou Santa María de Lamas, así como sobre o mosteiro de Celanova, as catedrais de Santiago, Lugo e Ourense, a praza da Quintana, o mosteiro de Montederramo, o castelo de Pena Corneira ou os achados arqueolóxicos de Parada de Outeiro.
Foi membro correspondente da Real Academia da Historia e da de Belas Artes de San Fernando, e de número do Instituto Arqueolóxico Alemán, da Sociedade de Anticuarios de Francia e das Academias de San Luis de Zaragoza, de Sant Jordi de Barcelona e de San Carlos de Valencia.
Manuel Chamoso Lamas recibiu numerosas honras e distincións ao longo da súa dilatada carreira científica. Foi nomeado fillo adoptivo das vilas de Ribadavia e de Tui, cabaleiro de Compostela e titular da encomenda de Afonso X o Sabio, e recibiu a Medalla de Prata de Santiago de Compostela.
Membro correspondente da Real Academia Galega en 1945 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Ramón Otero Pedrayo, Fernando Cortés e Ángel del Castillo, en 1956 foi proposto como númerario por iniciativa de Fermín Bouza-Brey Trillo, Aquilino Iglesia Alvariño e Ramón Otero Pedrayo. Este último foi o encargado de darlle resposta en nome da RAG ao seu discurso de ingreso, Valores históricos y estéticos que intervienen en la formación del arte románico.