Académicos e académicas
Antonio Couceiro Freijomil
Pontedeume, A Coruña, 1888 - Santiago de Compostela, 1955
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya
Título do discurso
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Antonio Couceiro Freijomil formaba parte deste grupo de académicos.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
Escritor, xornalista, pedagogo e estudoso da literatura galega, foi membro do Seminario de Estudos Galegos e autor do Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos (1951-1954, a primeira relación exhaustiva de autores do país. Foi un dos fundadores do xornal El Eco de Puentedeume e colaborou de xeito asiduo na prensa da época, onde publicou a meirande parte da súa produción literaria.
Nado no seo dunha familia de procedencia humilde, cursou os estudos de Maxisterio por libre ao mesmo tempo que dirixía un colexio de primaria na súa vila natal de Pontedeume. Rematada a carreira en 1911 con premio extraordinario, comezou a traballar ao ano seguinte como profesor na Escola Nacional Graduada de Lugo, agregada ao Instituto Xeral e Técnico da mesma cidade. En 1917 acadou por oposición o posto de inspector de ensino primario na provincia de Ourense, e trasladouse a vivir á cidade das Burgas onde permaneceu un longo período de tempo. Nesta xeira colaborou activamente coa prensa local auriense, casou con Elisa Pavón Rodríguez e entrou en contacto con figuras da intelectualidade ourensá da época, como Marcelo Macías e Ramón Otero Pedrayo.
No trienio 1936-1939 estivo destinado como asesor adscrito aos servizos do reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, cidade na que obtivo o seu destino definitivo, e onde entrou a formar parte, a partir de 1949, da sección de Paleografía e Diplomática do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
De formación autodidacta, erudito e de tendencia política moderada, Couceiro Freijomil foi un activo colaborador na prensa do seu tempo onde foi publicando, de xeito espallado, boa parte das súas creacións literarias. Impulsou cabeceiras novas, como El Eco de Puentedeume en 1906, canda Edmundo Roberres Alonso, de marcado carácter católico e conservador. Despois traballou, durante a súa etapa luguesa (1911), como redactor para El Norte de Galicia, dirixido por Francisco Álvarez de Nóvoa; e xa establecido en Ourense como inspector de ensino primario, foi redactor xefe do xornal de tendencia conservadora El Diario de Orense, e tamén colaborou asiduamente con Galicia, vencellado a José Calvo Sotelo. Nesta xeira publicou artigos no xornal agrarista La Zarpa, de Basilio Álvarez, cunha sección especializada en pedagoxía, e deu ao prelo numerosos poemas na revista Nós e na viguesa Vida Gallega.
Establecido en Santiago de Compostela, colabora a partir de 1942 co xornal El Compostelano, onde dá ao prelo parte da súa abondosa produción poética. De 1946 en adiante escribe para o vespertino La Noche, xornal dirixido, entre outros, por Raimundo García Domínguez Borobó e Francisco Leal Insua. Nestas páxinas Couceiro Freijomil coordinou a sección “Plumas e letras galegas”, onde foron aparecendo publicados os novos autores da xeración de posguerra.
A achega máis recoñecida de Couceiro Freijomil aos estudos literarios galegos foron os tres volumes do Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos (1951-1954), publicados na editorial do Instituto Padre Sarmiento, Bibliófilos Gallegos, con limiar de Sánchez Cantón. Trátase dunha obra de consulta de carácter enciclopédico, máis de catro mil entradas, na que o autor verteu todo o coñecemento adquirido laboriosamente sobre literatura galega ao longo do tempo. En canto ao modelo de selección dos autores, Couceiro Freijomil optou polos criterios temático, a referencia a Galicia e biográfico: o feito de viviren os autores en Galicia, ou ben naceren nela ou nalgunha da súas antigas provincias. Cada figura conta cunha pequena nota biográfica e unha prolixa relación de obras publicadas. Tamén por encarga do Instituto Padre Sarmiento, elaborou para a súa biblioteca un catálogo de impresores composteláns que abrangue dos séculos XVII ao XIX.
A súa obra literaria foina publicando espallada nos diversos xornais cos que colaborou desde a súa mocidade e ao longo de toda a súa dilatada carreira como xornalista. O volume Lóstregos (1925), con limiar de Francisco Álvarez de Nóvoa, recolle máis de duascentas composicións en forma de copla, dicción popular e tema costumista, que serían ampliadas, ao longo do tempo, ata acadar o milleiro e seren reunidas baixo o título de Do meu feixe, aínda inédito. La aceptación del dolor (1914) reproduce unha conferencia pronunciada ante unha sociedade de traballadores de Lugo.
Interesado nos debates pedagóxicos do seu tempo, publicou numerosos artigos sobre esta cuestión e o volume Los factores del desenvolvimiento humano (1934), no que defende o valor social da educación e a introdución do galego nas aulas, temática que xa tratara no seu artigo “Los idiomas regionales en las escuelas” (1918), editado en Ecos del Eume. En Programa escolar (1955) describe a súa visión sobre os contidos curriculares necesarios ao completar o ciclo de educación primaria e a súa organización e disposición no tempo. No libro Los niños anormales y su educación especial (1936) ocupouse do alumnado con necesidades educativas especiais.
A historia foi outro dos seus temas de interese, tanto a galega coma a da súa localidade natal, que tratou no volume Historia de Puentedeume y su comarca (1944), onde escolma os numerosos artigos publicados previamente sobre esta cuestión no Boletín da Real Academia Galega. A bandeira de Galicia ou os monumentos da provincia de Ourense foron outros temas tratados por Couceiro Freijomil en libros e conferencias.
Integrado no seo do Seminario de Estudos Galegos, ocupouse da necesidade de dotar a lingua galega dunha norma que facilitase o seu emprego culto e o ensino nas escolas. A esta preocupación obedece a publicación da súa autoría Ortografía gallega. Bases para su unificación (1929), con limiar do profesor Abelardo Moralejo Lasso. Sobre esta materia escribiu tamén o capítulo “El idioma gallego, Historia, gramática literatura” no tomo Generalidades de la geografía general del Reino de Galicia (1935).
Fillo predilecto de Pontedeume, Antonio Couceiro Freijomil foi un destacado bibliófilo, dono dunha biblioteca de máis de mil volumes de tema galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos desde 1928 e correspondente da Real Academia Galega ese mesmo ano a proposta de Eladio González, Eugenio Carré e Manuel Amor Meilán. En 1941 foi escollido membro numerario a iniciativa de Manuel Casás, Ángel del Castillo e Alejandro Barreiro Noya. Ingresou, nunha cerimonia conxunta celebrada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, canda outros dezaoito académicos. No seu transcurso, só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución o presidente, Manuel Casás.