Académicos e académicas

Manuel Amor Meilán

Manuel Amor Meilán

A Coruña, 1867 - Lugo, 1933
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador

(A Coruña, 1867 – Lugo, 1933). Xornalista, escritor e historiador, autor dunha vizosa e variada obra que comprende dúas das primeiras novelas escritas en galego, Xuana e Os fillos da praya. Militante do Partido Republicano Federal, a súa traxectoria profesional e política estivo estreitamente vinculada á do líder deste partido en Lugo, Aureliano J. Pereira. Foi membro fundador da Real Academia Galega.

Titulado como mestre nacional e traballador da Deputación de Lugo, Amor Meilán amosou desde moi novo a súa vocación literaria e publicou a súa primeira obra, a novela romántica de inspiración calderoniana Mendo de Maceda o los amores de un noble (1882), sendo un adolescente. Anos máis tarde, renunciou a un posto como funcionario do Banco de España para dedicarse exclusivamente ao cultivo das letras.

Empezou traballando como redactor no xornal lugués El Regional, subtitulado primeiro Diario de Lugo e máis tarde Diario Ilustrado de Lugo, e que dirixiu ata 1903 o seu amigo Aureliano J. Pereira. En diante, o propio Amor Meilán dirixiu esta cabeceira e, xa xubilado, tamén estivo á fronte do xornal La Provincia, onde escribiron, entre outros, autores como Ánxel Fole, Manuel Vázquez Seijas ou Francisco Camba. Colaborou tamén noutros medios como La Ilustración Artística, Revista de España, La Ilustración Ibérica, La Voz de la Verdad ou La Voz de Galicia. Agudo polemista, dotado de erudición e enxeño, os seus artigos xornalísticos aparecían ás veces subscritos co pseudónimo Manuel Molina Mera.

Escritor prolífico en galego e castelán, cultivou o teatro, a poesía e a narrativa. Neste último xénero cómpre salientar, polo seu carácter pioneiro, as novelas Xuana, premiada en Pontevedra, e Os fillos da praya, galardoada en Betanzos. Tamén en galego publicou o poemario Treboadas (1884), en colaboración con Raúl Muñiz, e a compilación de muiñeiras e coplas populares No valado: foliadas e alalás, alboradas e muiñeiras (1918).

A súa produción poética en castelán principiou coa edición de Pedro Madruga (1887), poemario ao que seguiron Dolores (Álbum de mi hija) 1890; Floralba (1902), Cuentos y romances (1907) e Romances (1916). Nestas obras, o polígrafo lugués amosa o seu gusto polos temas históricos tratados nun estilo sobrio e accesible.

A temática histórica, publicada por entregas e en estilo folletinesco, será tamén a protagonista de novelas ambientadas en Galicia como Mendo de Maceda o los amores de un noble (1882); Justicias y crueldades (1883); Desde la honradez al crimen (1884); Amante, esclava y verdugo (1889); La corona de fuego o el secreto de una tumba, baseada nunha lenda referida ao mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte, e Santa Trahamunda (1900), inspirada nunha lenda piadosa do século VIII. De distinto tipo son Sol y sombra. Cuentos y paisajes (1893), situada no Levante español; a colección de relatos El último hijodalgo (1893), Reinar después de morir (1897); La Cadena (1905), La Bella Cintia (1907), Suriña (1913) e Carne de poetas (1913). Nestas obras, certo esquematismo nos argumentos vese compensado por unha prosa esmerada dotada de dicción musical e detalle nas descricións.

Como dramaturgo, publicou os dramas El regreso (1897); El corazón y la ley (1897), Sísifo; Las alas rotas; a comedia Robo sin fractura; a zarzuela en un acto De la corte al cortijo; Floridor, composta canda Gonzalo Cantón, o drama en galego Men Rodríguez Tenorio, así como as revistas In articulo mortis, La vida en Lugo, esta última canda o seu mentor, Aureliano J. Pereira.

A historia de Galicia, nomeadamente a luguesa, foi outra das súas grandes áreas de interese, na que amosou, unha vez máis, a súa erudición e fecundidade características. Cómpre salientar os sete volumes da súa Historia de la provincia de Lugo (1918-1927) que abrangue ata o século XIII; os tomos de “Lugo” e “Generalidades” de Geografía general del Reino de Galicia (1935), ademais das monografías “Gregorio Hernández” (El Murillo de la escultura) (1898); “La ofrenda y el entierro en Galicia en el teatro antiguo”, (1900); “Galicia y la nacionalidad española” (1901); Galicia en el teatro antiguo (1902); Influencia de la dominación musulmana en Galicia (1902) premiada en Ourense; El Obispo de Orense D. Pedro Quevedo y Quintano como patriota y como político (1908); Memoria crítico-bibliográfica sobre el teatro regional gallego (1912).

Como ensaísta, foi autor das obras Hurtado de Mendoza y su comedia “El marido hace de mujer” (1902) e Deberes de la provincia para con sus hijos cuando estes son abandonados por sus padres. Publicou tamén numerosas “Biografías Gallegas” co pseudónimo xa citado de Manuel Molina Mera.

Académico numerario da Real Academia Galega desde a súa fundación en 1905, foi secretario da Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo e membro correspondente da Academia de Artes de San Fernando; da de Belas Letras de Barcelona, Belas Artes e Ciencias de Toledo, do Instituto Histórico do Minho e socio honorario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.