Académicos e académicas
Manuel Vázquez Seijas
Lugo, 1884 - 1982
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Alejandro Barreiro Noya, Federico Maciñeira y Pardo de Lama e Ángel del Castillo López
Título do discurso
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Manuel Vázquez Seijas formaba parte deste grupo de académicos.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
Arqueólogo e historiador, foi o promotor do Museo Provincial de Lugo e un dos seus primeiros directores. Publicou numerosos artigos sobre arqueoloxía lucense nos boletíns da Real Academia Galega e da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo. A súa obra Lugo y su provincia recolle unha relación exhaustiva dos castelos deste territorio.
Manuel Vázquez Seijas cursou Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio da Coruña, da que foi profesor entre 1905 e 1908. Nesta cidade formou parte do faladoiro rexionalista da Cova Céltica. De volta no seu Lugo natal, exerceu novamente a docencia, foi redactor de La Idea Moderna e fundou, canda López Martí, o Museo Provincial de Lugo, do que foi o seu primeiro secretario e, a partir de 1948, director. Figura clave no desenvolvemento desta institución, incorporou numerosas pezas arqueolóxicas, ampliou as súas instalacións co traslado ao antigo convento de San Francisco e puxo en marcha a o seu Boletín. Foi, así mesmo, secretario da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos e director da súa publicación; membro do Consello Provincial de Educación, do Centro de Estudos Xacobeos e presidente da sección provincial da Asociación Amigos dos Castelos.
Os seus traballos, centrados sobre todo no estudo da historia e a arqueoloxía de Lugo e a súa provincia, foinos publicando no mencionado Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo e no Boletín da Real Academia Galega. Entre as súas obras máis recoñecidas, cómpre salientar os seis tomos da monumental Fortalezas de Lugo y su provincia (notas arqueológicas, históricas y genealógicas) (1955-1973), que ofrece unha exhaustiva catalogación dos castelos e fortalezas construídos na provincia de Lugo durante a Idade Media, moitos deles destruídos, total ou parcialmente, durante a Revolta Irmandiña. O traballo comeza, porén, cunha descrición física da Muralla de Lugo e unha extensa crónica dos principais feitos de armas dos que foi protagonista e das súas transformacións ao longo tempo.
Este esquema vaino manter en adiante no resto das fortalezas estudadas, empregando, como principais fontes historiográficas, a Manuel Murguía, Antonio López Ferreiro, o Licenciado Molina, Teodosio Vesteiro Torres e a Historia de la provincia de Lugo de Manuel Amor Meilán, ademais de diversos arquivos e fontes documentais primarias. Vázquez Seijas, nun exercicio de erudición, prestoulle unha especial atención á heráldica e xenealoxía das casas nobres propietarias dos castelos.
Alén das construcións militares medievais, ocupouse tamén nos seus traballos doutros temas como a arqueoloxía relixiosa – o mosteiro de Ferreira de Pantón ou as igrexas de San Miguel de Eiré e Santa Eulalia–, a situación de Lugo durante a época romana, como amosa nos artigos publicados no Boletín da Real Academia Galega, ou a epigrafía e numismática romana. Foi, ademais, un home comprometido coa defensa do patrimonio histórico da súa provincia e tivo un papel destacado na preservación da Torre de Xiá ou Castelo de San Paio de Narla, en Friol.
Foi membro correspondente da Real Academia de Historia, das academias de Belas Artes de San Fernando e da Nosa Señora do Rosario. Concelleiro na súa cidade, foi recoñecido coa medalla de Prata de Lugo.
Manuel Vázquez Seijas foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1928 a proposta de Ángel de Castillo, Eladio Rodríguez e Fernando Martínez Morás. Ingresou como numerario, canda outros dezaoito, en 1941 nun acto que tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago. Durante a cerimonia só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou, en nome da institución, o presidente, Manuel Casás.


