Académicos e académicas

Isidoro Millán González-Pardo
Pontevedra, 1922 - Santiago de Compostela, 2002
Data de ingreso
16/05/1975
A proposta de
Xosé Filgueira Valverde, Antonio Iglesias Vilarelle e José Luís Bugallal y Marchesi
Título do discurso
A alma da lingua galega
Resposta pronunciada por
Xosé María Álvarez Blázquez
Nesta cadeira
Francisco Díaz-Fierros Viqueira (28/09/2002 - Actualidade)
Isidoro Millán González-Pardo (16/05/1975 - 11/06/1978)
Manuel Gómez Román (30/12/1951 - 11/11/1964)
Gonzalo Brañas Fernández (27/07/1941 - 02/08/1948)
David Fernández Diéguez (28/03/1925 - 23/12/1936)
Adriano López Morillo (17/11/1910 - 30/01/1913)
José Ojea Otero (27/10/1905 - 03/12/1909)
Ángel Amor Ruibal (04/09/1905 - 27/10/1905)
Profesor de grego antigo e de lingüística preindoeuropea, estudou a toponimia, a epigrafía e a paleolingüística galega, así como a tradición xacobea e a obra de autores como Xoán Manuel Pintos ou Ramón Cabanillas. Defendeu a importancia do substrato celta prelatino na conformación da lingua galega e foi un dos fundadores e membro do Instituto Cultural Galaico-Minhoto (1981).
De familia nobre (foi conde de Quirós), Isidoro Millán iniciou o bacharelato no instituto de Pontevedra e rematouno, coa máxima cualificación, no colexio dos xesuítas de Mondariz. Entre 1939 e 1942 cursou estudos de Humanidades en Salamanca e, entre 1942-1945, dous anos de filosofía pura en Oña (Burgos). A seguir, entre 1950 e 1954 completou na Universidade de Madrid a carreira de Filosofía e Letras, especialidade de Clásicas, que rematou co premio extraordinario de fin de carreira. Iniciou os cursos de doutoramento sobre sánscrito e historia hetita, e presentou a tese de licenciatura ao redor da linguaxe literaria de Aristófanes. Ao mesmo tempo, comezou a traballar como profesor axudante de filoloxía latina e lingüística indoeuropea na Universidade de Madrid e estudou ruso, por libre, no Ateneo madrileño.
En 1959 acadou a cátedra de Grego de Instituto, que ocupou primeiro en Pontevedra e desde 1968, por traslado, no instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, onde se xubilou. Entre 1971 e 1974 compatibilizou este traballo co de profesor de lingüística indoeuropea, historia da lingua grega e micenoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Con fin de ampliar os seus coñecementos sobre o celta e o indoeuropeo, realizou numerosas viaxes e estadías en diversos centros de estudo de Francia, Alemaña e Irlanda. Foi un dos promotores e o presidente da Asociación Nacional de Catedráticos de Instituto (1965) e vogal na Comisión de Educación para o segundo Plan de Desenvolvemento (1966-1968). Foi tamén subdirector xeral da Consellería de Educación (1982) e formou parte das comisións de Toponimia e Lingüística da Xunta de Galicia.
No ámbito da lingüística galega, Isidoro Millán defendeu a importancia do substrato céltico prelatino na conformación da lingua galega en traballos como La datación de la rueda de Catoira (1975) ou Raíces prelatinas da cultura galega: problemas e datos de lingua e creencias (1981), a inscrición bilingüe en Lamas de Moledo (1980) e o topónimo celta Callobre (1988). Realizou tamén numerosos estudos sobre cuestións de toponimia e onomástica galega, como os traballos dedicados aos concellos de Ponteceso e de Pontedeume, sobre o que publicou o libro Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz (1987). Pescudou tamén na liñaxe dos topónimos Ombre, Cobo, Andeiro e Tabeaio ou do antropónimo Eusenda.
Canto á epigrafía e á paleolingüística, ocupouse de teónimos galaicos como Edovio (1965), así como dos nomes inscritos en diversas aras atopadas en San Vicente do Grove, Curro, Barro e Donón. No libro Homaxe a Ramón Otero Pedrayo (1958) publicou o artigo “Lexicografía y etimología gallegas: gallego 'inar' "jadear"”. Tamén estableceu a etimoloxía prelatina da palabra burga, e estudou os aspectos etimolóxicos e etnográficos do termo penla.
Dentro dos estudos literarios destacan os seus “Comentos filolóxicos a algunhas verbas en Antífona da Cantiga”, inseridos en Antífona da Cantiga (1951), a selección de cantares populares de Ramón Cabanillas que foi o primeiro libro publicado pola editorial Galaxia. O ensaio filolóxico de Isidoro Millán sobre esta miscelánea do poeta cambadés inclúe unha etimoloxía e o primeiro vocabulario monolingüe galego-galego da nosa lingua.
No seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, dado en 1975, Isidoro Millán analizou polo miúdo a vida e a obra de Xoán Manuel Pintos, e foi tamén o editor da escolma de textos do precursor pontevedrés que, co título de Retallos de prosa e poesía (1975), publicou a Academia con motivo do Día das Letras Galegas dedicado ao autor de A Gaita gallega. En Lembranza e comento de Álvaro Cunqueiro (1994) pescuda na xenealoxía do escritor mindoniense, salientando as súas raíces nobiliarias no Salnés e a súa parentela con Ramón María del Valle-Inclán, señor do pazo de Fefiñáns. A seguir, describe o proxecto literario de Cunqueiro como a vontade de cinguir, nun mesmo relato, fábula e historia empregando as formas narrativas da tradición oral popular.
Martín Sarmiento, Rosalía ou Uxío Novoneyra foron outros autores tratados en diversos artigos por Isidoro Millán. Como tradutor, é autor de Morte na catedral (1973), versión galega do drama en verso Murder in the cathedral (1935) do poeta anglo-americano T. S. Eliot. Verteu así mesmo ao galego dúas odas de Horacio e un poema de Catulo, e o poema de Curros “A Rosalía” ao grego clásico. No eido da filoloxía clásica, cómpre salientar ademais os seus traballos “Tabletas micénicas de contenido religioso” (1958) e “Una reminiscencia de Tirteo en Virgilio” (1959).
Interesado desde moi novo polos estudos da tradición xacobea, en 1938 deu ao prelo A la sombra del Apóstol: once siglos de vida compostelana. As súas achegas foron aparecendo publicados en revistas especializadas como Grial, Compostellanum, Anuario Brigantino, Emérita, Estudios Clásicos, Archivo español de Arqueología, Cuadernos de estudios gallegos, Museo de Pontevedra ou o Boletín da Real Academia Galega.
Isidoro Millán foi proposto como académico de número en 1967, o seu ingreso tivo lugar en 1975 e cesou, por renuncia, o 12 de xuño de 1978. Foi ademais membro correspondente da Real Academia de Historia, fundador do Instituto Cultural Galaico-Minhoto (1981), membro pleno do Seminario de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do Instituto de Estudos Xacobeos. O expresidente da RAG Xesús Alonso Montero é autor dunha nota biográfica do filólogo pontevedrés que se pode consultar no Boletín da Real Academia Galega.