Académicos e académicas
Gonzalo Brañas Fernández
A Coruña, 1866 - 1948
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Narciso Correal, Alejandro Barreiro Noya, Eladio Rodríguez González e Julio Dávila Díaz
Título do discurso
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Academia, o presidente, Manuel Casás. Gonzalo Brañas Fernández formaba parte deste grupo de académicos.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
Nesta cadeira
Francisco Díaz-Fierros Viqueira (28/09/2002 - Actualidade)
Isidoro Millán González-Pardo (16/05/1975 - 11/06/1978)
Manuel Gómez Román (30/12/1951 - 11/11/1964)
Gonzalo Brañas Fernández (27/07/1941 - 02/08/1948)
David Fernández Diéguez (28/03/1925 - 23/12/1936)
Adriano López Morillo (17/11/1910 - 30/01/1913)
José Ogea Otero (27/10/1905 - 03/12/1909)
Ángel Amor Ruibal (04/09/1905 - 27/10/1905)
A Coruña, 1866 – 1948. Físico, inventor e docente, destacou polas súas achegas no eido das ondas hertzianas ou ondas de radio. Algún dos seus inventos, como o cimaciógrafo, acadou recoñecemento internacional.
Nado no seo dunha familia con tradición científica, foi fillo de Consuelo Fernández Miranda e de Gonzalo Brañas Sánchez-Boado, farmacéutico, director do xornal coruñés El Anunciador e medio irmán do teórico do rexionalismo galego, o xurista carballés Alfredo Brañas.
Desde o curso 1893-1894 traballou como profesor de Debuxo no Instituto de ensino medio coruñés, labor que compatibilizou co de delineante no Concello da Coruña. En 1903 remata a carreira de Ciencias na Universidade Central Madrid, na que obtivo o grao de doutor co traballo Estudio de las radiaciones hertzianas (1907). Con posterioridade dedicouse ao ensino tras gañar a cátedra de Física e Química. O seu primeiro destino foi o Instituto de Oviedo (1903), onde compatibilizou esta actividade coa docencia na Facultade de Ciencias da capital asturiana. Nesta xeira impartiu tamén cursos de formación para obreiros e desenvolveu outras actividades de divulgación científica.
En 1916 obtivo por traslado a cátedra de Física e Química do Instituto coruñés, onde permaneceu deica a súa xubilación en 1936. Algún dos seus alumnos desta época, como Juan Rof Carballo e Emilio González López, salientaron sempre o compromiso pedagóxico de Brañas Fernández, así como o carácter eminentemente práctico das súas leccións.
Na Coruña fundou e dirixiu, desde 1899, o primeiro gabinete radiográfico e radioscópico da cidade, dende o cal prestou importantes servizos á beneficencia municipal e á administración de xustiza. Gonzalo Brañas converteu así mesmo este laboratorio nun apoio fundamental para as súas investigacións particulares. As súas irmás Esperanza e Celia tamén foron científicas e docentes na Escola Normal da Coruña. Celia foi ademais merecente de axudas da JAE para ampliar no estranxeiro a súa formación científica.
EN 1910 foi seleccionado pola JAE, Junta para la Ampliación de Estudios, para traballar como bolseiro e logo como xefe técnico no Instituto Torres Quevedo de Madrid. Alí desenvolveu un dos seus inventos, o magnetógrafo mecánico ou magnetógrafo de Brañas, que tiña como finalidade rexistrar mecanicamente as flutuacións do magnetismo terrestre dunha maneira máis económica e igual de fiable que os sistemas tradicionais. Tamén creou, tempo despois, o cimaciógrafo, aparato que servía para rexistrar automaticamente nunha cinta de morse ondas hertzianas detectadas desde grandes distancias, de ata dous mil quilómetros. Este invento tivo gran transcendencia e a súa aparición foi recollida en revistas científicas internacionais.
En 1923 pasou un curso en Francia, na Universidade da Sorbona, de novo como bolseiro da Junta para a Amplicación de Estudios, co fin de estudar os novos centros de telecomunicación e radiotécnicas.
Colaborou coa Sociedad Española de Física y Química, foi membro da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, do Instituto de Estudios Gallegos, da Academia Provincial de Belas Artes e académico correspondente da Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.