Académicos e académicas

Francisco Romero Blanco

Francisco Romero Blanco

Lousame, A Coruña, 1838 - Noia, A Coruña, 1918

Catedrático de Medicina e polígrafo, ensinou anatomía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que foi reitor en tres ocasións. Foi membro fundador da Real Academia Galega e cultivou a divulgación científica e a narración ocasional na prensa da época.

Romero Blanco cursou os estudos primarios en San Xoán de Lousame e, a seguir, realizou o bacharelato Instituto de Santiago de Compostela. Tras concluílo en 1859 con cualificación de sobresaliente, matriculouse primeiro en Teoloxía pero abandonou esta carreira pola de Medicina, licenciatura que rematou na Universidade de Santiago de Compostela en 1865 con premio extraordinario. Ao remate da carreira, comezou a traballar como profesor de Anatomía Xeral e Descritiva na mesma facultade. Doutorouse dous anos despois pola Universidade de Madrid cunha tese titulada De la medicina considerada como ciencia y como arte e en 1872 acadou a cátedra de anatomía descritiva na súa alma máter, onde foi docente ata a súa xubilación en 1908 e creou unha verdadeira escola de anatómicos. Exerceu como reitor da minerva compostelá en tres ocasións entre 1891 e 1903. En 1906 foi designado senador, en representación da USC.

Desenvolveu unha intensa actividade docente e investigadora, e realizou achegas ao seu campo de estudo en defensa dunha concepción ecléctica e filosófica da medicina, que el concibía desde postulados neokantianos e antipositivistas, tratando de conciliar o avance científico –nomeadamente, o darwinismo– cos dogmas da Igrexa. Foi o inventor dun compás anatómico.

Entre os seus traballos, cómpre salientar Tratado de angio-neurología o sistema vascular y nervioso considerados paralelamente en su parte anatómico-filosófica (1869), Ensayo de angiología anormal: casos de notable anomalía del sistema vascular (1875), Sobre preparaciones anatómicas (1875), Programa de anatomía normal y fisiológica (1876), La herencia simia del hombre (1877) e La vida en todas sus manifestaciones (1891).

Publicou artigos en revistas científicas como El Siglo Médico, Revista contemporánea ou Revista da Academia Médico-Quirúrgica Compostelana, e tamén colaborou en revistas e xornais de información xeral como El Eco de Santiago, El Fin del Siglo, Luz y Sombra, El Zumbido, El Alcance, La Cítara, Gaceta de Galicia, O Tío Marcos d'a Portela, El Heraldo Gallego e O Novo Galiciano. Ás veces asinaba os seus traballos co pseudónimo de Franrobla, un acrónimo do seu nome.

Alén da súa actividade académica e científica, Romero Blanco participou activamente na prensa con pezas literarias. En galego publicou catro relatos: “O outono” (La Cítara, 1882), de tema costumista, localizado no campo e no que trata os temas da emigración e a pobreza do campesiñado galego; a elexía en prosa “A morte da miña nai. Unha bagulla por ela”, dado a lume, de novo, en La Cítara en 1882; “Mariquiña i eu” (A Gaita Gallega, 1886) no que evoca un amor da infancia; e por último a peza de literatura haxiográfica e picaresca “A cama do santo (Un conto)”, publicado n’O Tío Marcos d’a Portela en 1887 e dedicado a “Sanamede”.

Así mesmo, deu a lume dous contos en castelán con título en galego: “Un amor que mata e outro que dá a vida” (El fin de siglo, 1891) e “No pinal de Soagra” (Luz y Sombra, 1892), e outros contos en castelán espallados en distintas publicacións. Foi tamén o autor do limiar do libro Muestras sin valor. Pasatiempos literarios (1884) do médico Lisardo Rodríguez Barreiro e amigo persoal doutro doutor e literato galego, Heraclio Pérez Placer.

Foi membro correspondente da Real Academia de Medicina de Madrid, membro da Asociación da Cruz Vermella en Santiago, da Sociedade Protectora dos Intereses de Santiago e mais da Sociedade Económica de Amigos do País.