Avogado, xornalista e político conservador, foi presidente da Deputación de Lugo.
Logo de rematar o bacharelato no Instituto de Lugo, cursou Dereito en Madrid entre 1883 e 1885. Xurista recoñecido, exerceu como avogado e xuíz municipal de Mondoñedo e foi secretario do concello de Ribadeo. Como político, foi deputado provincial desde 1905, vicepresidente en dúas ocasións e presidente da Deputación de Lugo en 1917.
No eido do xornalismo, escribiu para os xornais El Hermandino, El Diario de Mondoñedo, El Día de Mondoñedo, El Lucense, Galicia Moderna, El Eco de Galicia, fundou e dirixiu El Correo de Lugo e foi o primeiro director de El Norte de Galicia, voceiro do Partido Conservador. Entre as súas principais vindicacións como xornalista e político destaca a da construción dunha liña de ferrocarril entre Lugo e Ribadeo. Foi o promotor e primeiro presidente da Asociación da Prensa de Lugo (1912). Como escritor publicou o libro Cosas íntimas (1903).
Foi membro da Real Academia da Historia e membro fundador da Real Academia Galega.