Unhas xornadas no Bierzo recordarán o legado de Fernández Morales no seu bicentenario

A Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e a Comisión Cultural Martín Sarmiento organizan o Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, que se desenvolverá os vindeiros 15, 16 e 17 de setembro en Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos. O encontro servirá para difundir a importancia deste autor, figura do Rexurdimento inxustamente esquecida, mais tamén para estreitar os lazos culturais e lingüísticos entre Galicia e o Bierzo e reivindicar "a existencia e a recuperación da lingua galega en territorios irmáns" e en todo tipo de ámbitos, non só o educativo, salientou o presidente da Real Academia Galega na presentación en rolda de prensa do programa. Con este obxectivo, Víctor F. Freixanes anunciou a convocatoria dunha xuntanza, promovida pola RAG, na que se traballará da man das entidades implicadas no simposio, e outras que se poidan incorporar, "no seguimento deses novos espazos para o galego no Bierzo".

Pola esquerda, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o académico correspondente e organizador do programa, Héctor M. Silveiro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez Courel; o alcalde de Vilafranca do Bierzo, José Manuel Pereira Vega;a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lurdes Batán; e Iván Alonso Rodríguez, vicepresidente do Consello Comarcal do Bierzo; e Ana Carballo, viceterouseira do Instituto de Estudios Bercianos e responsable da sección de lingua e literatura. Autor: RAG


Víctor F. Freixanes compareceu hoxe ante os medios na sede da RAG acompañado por Héctor M. Silveiro, académico correspondente e coordinador do simposio; Ana Carballo, membro da xunta directiva do Instituto de Estudios Bercianos e responsable da súa sección de lingua e literatura; Gerardo Álvarez Courel, presidente do Consello Comarcal do Bierzo; José Manuel Pereira Vega, alcalde de Vilafranca do Bierzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, institución colaboradora das xornadas.

Os intervenientes coincidiron con Víctor F. Freixanes neste dobre obxectivo do programa. "Desde o Consello Comarcal do Bierzo apostamos pola implantación e a continuidade da lingua galega na nosa terra. Debe ser algo en que poñamos todos os nosos recursos e as nosas aspiracións. Polo tanto, non podiamos faltar a esta cita. Estas xornadas teñen que ser un baluarte para a defensa da lingua galega na comarca do Bierzo", expresou Gerardo Álvarez Courel. "Desde o Concello de Vilafranca do Bierzo tratamos de fomentar a cultura desde todos os aspectos, e un deles é a fala desta zona", engadiu o rexedor José Manuel Pereira Vega. "Feitos como a celebración do bicentenario de Fernández Morales son unha boa oportunidade para gañar espazo e dignificación para a lingua na sociedade berciana", engadiu Valentín García, quen apuntou que este ano un novo centro se incorpora ao programa a través do cal un milleiro de alumnas e alumnos estudan galego en Castela e León.

Cartas inéditas escritas en galego xa en 1847
Nado en Astorga o 17 de setembro de 1817 e criado no concello berciano de Cacabelos, onde aprendeu galego sendo neno e finou o 15 de agosto de 1896, Antonio Fernández Morales foi militar ilustrado e progresista. O escritor é autor de Ensaios poéticos en dialecto berciano, volume integramente en galego, agás un longo poema bilingüe. A obra, un excelente retrato do galego berciano da época, viu a luz en 1861, só uns anos despois d'A Gaita Gallega de Pintos (1953), o primeiro libro en galego do Rexurdimento, pero antes do Álbum de la Caridad (1862) e dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (1863).

Malia a importancia dos Ensaios, a escasa difusión que sufriu impediu que sexa considerado parte destacada dos alicerces do sistema literario galego. "A filosofía do simposio é precisamente integrar plenamente o discurso poético de Morales a día de hoxe no conxunto de Galicia e da sociedade berciana", explicou o académico correspondente Héctor M. Silveiro. Entre as novidades que se difundirán no encontro, rescataranse do esquecemento unha serie de cartas autógrafas que sitúan a Fernández Morales escribindo en galego xa no ano 1847 a invitación do filólogo catalán Mariano Cubí, avanzou o organizador das xornadas. Estas cartas ata o momento sen publicar son tamén un dos esteos da exposición Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, que se inaugurará o segundo día do simposio, o sábado 16, ás 13 horas no Claustro de San Nicolás de Vilafranca do Bierzo.

Apertura en Ponferrada cunha exposición e música
As xornadas abriranse o venres 15 de setembro na Casa da Cultura de Ponferrada ás 19 horas coa inauguración doutra exposición sobre o autor. É unha das contribucións do Instituto de Estudios Bercianos para "rescatar este personaxe e a súa obra, que ten non só un gran valor lingüístico, senón tamén etnográfico, porque reflicte os costumes e tradicións da súa época no Bierzo", salientou Ana Carballo. A mostra será itinerante e o IEB espera poder levala, entre outras localidades, a Astorga.

Deseguido, José Antonio Balboa de Paz ofrecerá a conferencia inaugural, cunha nova aproximación á vida do autor. O profesor, que escribiu hai xa trinta anos unha primeira biografía de Fernández Morales, afondará na infancia, na mocidade e no ambiente familiar que o rodeou deténdose nas ideas liberais de Fernández Morales, "porque ese liberalismo explica á súa vez o seu interese pola lingua galega e a cultura popular, que son os dous elementos máis destacados da súa obra literaria", sostén o profesor.

A primeira das tres xornadas concluirá cunha actuación musical a cargo de Carmen Penim, autora de varias cancións con poemas de Antonio Fernández Morales, e Maurizio Polsinelli. Ambos os músicos tamén participarán no programa do sábado 16 de setembro, que se desenvolverá no Teatro Gil y Carrasco de Vilafranca do Bierzo, cunha comunicación sobre rítmica e musicalidade nos poemas de Antonio Fernández Morales. Neste mesmo escenario de Vilafranca estrearán a peza serial dodecafónica, baseada no poema "Villafranca i a vendima" do autor berciano, que acaba de rematar Maurizio Polsinelli.

Estrea musical
A xornada do sábado 16 de setembro arrincará cunha sesión, presidida polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na que se profundará nos Ensaios poéticos en dialecto berciano desde a perspectiva lingüística, literaria e das tradicións. A académica Rosario Álvarez encargarase de analizar os trazos da lingua empregada polo autor e do contexto en que o fixo; o profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira ofrecerá o relatorio titulado "Morales no Rexurdimento", e o académico correspondente Héctor M. Silveiro analizará a tradición, a terra e a identidade na obra de Fernández Morales nunha intervención que emprega, entre outras fontes, a devandita correspondencia inédita do autor.

Tras a inauguración da exposición Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo ás 13 horas, xa pola tarde, Andrea Castelo Veiga ofrecerá unha achega ao léxico do escritor e o académico correspondente Xosé Henrique Costas participará coa comunicación O redescubrimento de Fernández Morales, antes de que a xornada conclúa coa devandita comunicación de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli e a estrea da peza de Maurizio Polsinelli baseada nun dos poemas do homenaxeado.

Recital poético e ofrenda floral en Cacabelos no día do seu bicentenario
A derradeira xornada, o domingo 17, contará cunha nova comunicación baseada noutras cartas inéditas de Fernández Morales a cargo de Javier Fernández-Llamazares, que mergullará o público nas misivas enviadas polo escritor e militar ao banqueiro e deputado Felipe Fernández-Llamazares. José Luis Puerto ofrecerá outra mirada sobre a súa poesía e Héctor Luis Suárez, unha intervención sobre os instrumentos musicais nos seus versos.

A xornada rematará cun recital poético de Anxo Angueira e cunha ofrenda floral no cemiterio da Hedrada de Cacabelos ante a tumba de Antonio Fernández Morales coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete