Oito artistas revisitan as obras de María Victoria Moreno a través da ilustración

Oito ilustradoras e ilustradores de distintas xeracións revisitan outras tantas obras da protagonista do Día das Letras Galegas 2018 na exposición María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. A mostra, coordinada polo tamén ilustrador David Pintor, foi inaugurada onte na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela, e en datas vindeiras percorrerá outras localidades de Galicia.

David Pintor, coordinador da mostra, posa xunto ao panel coa imaxe de María Victoria Moreno que realizou para as Letras Galegas 2018. Fonte: RAG


"A idea desta exposición é axudar a divulgar, da man da ilustración, a obra de María Victoria Moreno entre as persoas que aínda non a coñezan demasiado. Pareceunos un elemento moi acaído, xa que foi unha autora cuxa obra estivo moi orientada á literatura infantil e xuvenil, na que a ilustración ten moito peso", conta David Pintor. Bea Lema, Lucía Cobo, Nuria Díaz, Dani Padrón, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz e Mari Fe Quesada poñen así novas imaxes, en cadanseu panel, a unha das obras da homenaxeada, desde Mar adiante e Leornado e os fontaneiros ata Un cachiño de bica?, Guedellas de seda e liño e Anagnórise.

A exposición complétase con tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas cunha escolma de obxectos e documentos persoais da autora, como a súa primeira máquina de escribir, o manuscrito de O cataventos ou o bolígrafo co que escribiu as derradeiras obras. Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova serán os vindeiros destinos de todo o proxecto expositivo.


A académica Marilar Aleixandre, á dereita, conversa coas ilustradoras Bea Lema e Lucía Cobo. Fonte: RAG


Para María Victoria Moreno hoxe sería "unha ledicia" contemplar as novas olladas á súa obra dos ilustradores e ilustradoras que participaron na mostra, salientou Marilar Aleixandre, que interveu na inauguración da exposición en representación da Real Academia Galega, xunto a Román Rodríguez, titular da Consellería de Cultura, que promove a exposición; o viúvo da homenaxeada, Pedro Ferriol; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o coordinador da mostra e catro dos ilustradores que participaron no proxecto.

A académica recordou que, malia nacer en Estremadura, criarse en terras castelás e estudar en Barcelona e Madrid, María Victoria Moreno "era galega" porque así o decidiu. "Ademais de escritora, profesora, tradutora ou libreira, foi unha muller que desde o ano 1972 participou activamente impartindo cursos de galego e introducindo tamén nas súas clases a literatura galega (...). Escolleu Pontevedra [a cidade onde se estableceu], escolleu Galicia e escribir en galego, así que creo que podemos dicir que era galega", expresou Marilar Aleixandre, que concluíu animando a todo o público a "acompañar a María Victoria Moreno nesa viaxe de soños na que xa a están acompañando os nenos e nenas de Galicia".


Paneis da exposición e vitrina coa primeira máquina de escribir de María Victoria Moreno e outros obxectos persoais da autora. Fonte: RAG

 


Participantes na inauguración da mostra. Fonte: RAG

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar