Monográfico das Letras Galegas 2018 nos 'Cadernos Ramón Piñeiro'

O novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro xa está na rúa. O volume, dedicado integramente á protagonista do Día das Letras Galegas 2018, foi presentado onte no Pazo de San Roque, na sede compostelá do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, nun acto no que interveu en representación da Real Academia Galega o seu presidente, Víctor F. Freixanes. Blanca-Ana Roig Rechou coordina a publicación especial, que conta entre as persoas colaboradoras con tres membros de número da Real Academia Galega que coñeceron ben a María Victoria Moreno: Xesús Alonso  Montero, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre.

Baixo o título María Victoria Moreno. Homenaxe. Palabra fértil no tempo, o número 38 dos Cadernos Ramón Piñeiro profunda en diversos aspectos da obra de María Victoria Moreno, mais tamén na súa vida persoal e noutras facetas a prol da cultura galega nas que tamén se implicou, desde a súa profesión docente ata o labor de editora. Xesús Alonso Montero e Fina Casalderrey asinan dos dous tres artigos de perfil biográfico nun apartado que recolle tamén un artigo asinado por Xavier Senín e Isabel Soto. O expresidente da Academia lembra a amizade que o uniu á escritora, a quen coñeceu en 1965 cando foron compañeiros como docentes do Instituto Masculino de Lugo, e Fina Casalderrey mestura tamén lembranzas do tempo compartido cunha análise de parte da súa obra e doutros xeitos de manifestar o seu compromiso coa cultura e a lingua galegas.

Marilar Aleixandre participa no volume cun traballo sobre as mestras na literatura de María Victoria Moreno, cuxa primeira novela, Onde o aire non era brisa, xa ten como protagonista unha docente e constitúe un fiel retrato das escolas rurais dos anos 60 e "un canto ao papel das mestras en difíciles circunstancias". A académica atribúelle ao cariño que sentía a autora por elas raíces autobiográficas, xa que a súa propia nai era docente.

O monográfico conta tamén con artigos de Blanca-Ana Roig, Eulalia Agrelo, Luís Alonso Girgado, Luís Cochón, María Jesús Fernández, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira, Moncha Fuentes, Antonio García Teijeiro, Ánxela Gracián, Eva Mejuto, Isabel Mociño González, Marta Neira, David Otero, Verónica Pousada Pardo, Xesús Rábade Paredes e Manuel Uhía. A maiores, Belén Bouzas Gorgal publica unha bibliografía cronolóxica con todas as obras de María Victoria Moreno e un segundo bloque con publicacións sobre ela. O volume enriqueceuse coas fotografías cedidas pola familia da autora e mais as ilustracións do Grupo Liter21, coordinado por Carmen Franco Vázquez.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 13 de decembro de 2018 / 19:30 h
Muros - Aula Cemit: Charla da campaña 'Toponimízate'
Venres 14 de decembro de 2018 / 12:00 h
Xinzo de Limia - IES Lagoa de Antela: Charla da campaña 'Toponimízate'
Mércores 19 de decembro de 2018 / 10:00 h
Ribadumia - CPI Julia Becerra Malvar: Charla de 'Toponimízate'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar