O presidente da Academia intervén ante os medios xunto ao alcalde e o concelleiro de Dinamización Social e Cultural.
Un momento da reunión previa na que tamén participou o persoal técnico da RAG e o Concello de Pontevedra implicado no proxecto.
Un momento da reunión previa na que tamén participou o persoal técnico da RAG e o Concello de Pontevedra implicado no proxecto.
Henrique Monteagudo asina no libro de honra do Concello de Pontevedra.
Henrique Monteagudo e Miguel Anxo Fernández Lores asinando o acordo.
O proxecto abranguerá a totalidade da poboación escolar de educación infantil, primaria e secundaria, así como as súas familias e o corpo docente. Así mesmo, a investigación incorporará tamén a perspectiva dos profesionais que atenden diariamente o estudantado en servizos e actividades complementarias vinculadas ao contexto educativo de xestión municipal, co propósito de ofrecer unha visión integral dos usos lingüísticos no conxunto dos espazos de socialización escolar.
Para o desenvolvemento do estudo, a Real Academia Galega, a través do seu Seminario de Sociolingüística, elaborará os instrumentos e protocolos de recolla de datos cuantitativos e cualitativos, garantindo o rigor metodolóxico e a coherencia técnica do proceso. Ademais, prestará apoio e asesoramento aos centros de ensino na explicación dos obxectivos e do alcance da iniciativa, co fin de favorecer unha participación informada e comprometida da comunidade educativa.
Pola súa banda, o Concello de Pontevedra, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, asumirá a xestión dos permisos e autorizacións necesarias, así como a coordinación da recolla de datos. Unha vez completado este proceso, a información recompilada será analizada pola Real Academia Galega, que elaborará o informe final cos resultados do estudo.
Os resultados da investigación serán publicados no chamado Mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra, cuxa publicación se prevé cara a primavera de 2027. O documento será unha ferramenta que ha ser de utilidade alén do propio termo municipal no que se circunscribirá, salienta o presidente da RAG. “A análise da situación do idioma entre a xente máis nova en concellos urbanos coma o de Pontevedra ten unha importancia especial non só por razóns cuantitativas, por seren municipios con máis poboación, senón tamén porque son as cidades as que sofren especialmente a desgaleguización. Por tanto, están máis necesitadas, se cabe, de iniciativas de dinamización lingüística que cómpre deseñar partindo dun coñecemento detallado da súa realidade”, explica Henrique Monteagudo.
Na mesma liña, o concelleiro de Dinamización Social e Cultural, Demetrio Gómez Xunqueira, manifesta a súa preocupación polo devalo no uso do galego entre a xente máis nova e confía en que o mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra contribúa a marcar un necesario punto de inflexión. “Os datos de uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade son moi preocupantes, o que fai imprescindible un cambio de rumbo na política lingüística. Abordar eses novos retos da man da RAG é unha garantía de éxito polo seu grande coñecemento acumulado”, valora.
O de Pontevedra é o terceiro mapa sociolingüístico escolar no que traballará a Real Academia Galega. O primeiro, publicado en 2021, foi o do Concello de Ames, administración local coa que a RAG mantén unha estreita colaboración a través do proxecto de investigación-acción Modo Galego, actívao!, concibido como un banco de probas de boas prácticas para a dinamización lingüística entre a poboación en idade escolar. O segundo mapa é o de Santiago de Compostela, actualmente en fase de elaboración tras a conclusión da recolla de datos, desenvolvida en colaboración co goberno da capital galega.
A Academia agarda que proximamente máis concellos, como Rois e Carballo, tomen a iniciativa para se dotar de ferramentas similares ao abeiro do acordo de colaboración que asinou o pasado mes de outubro coa Asociación de Entidades Locais pola Lingua (Alingua). “A política lingüística non só se debe contemplar como unha acción desde o poder autonómico cara á cidadanía, a colaboración das administracións máis próximas á cidadanía e das comunidades educativas é fundamental. É importante lanzar iniciativas que mobilicen a base social, que involucren as comunidades educativas e as familias, porque a política lingüística non debe ser só de arriba a abaixo, senón tamén de abaixo a arriba. Acordos como o que asinamos hoxe supoñen pasos firmes na dirección correcta. ”, valora o presidente da Academia.







