Adeus a don Xesús Alonso Montero, o mestre da palabra

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xesús Alonso Montero (Vigo, 28 de novembro de 1928 – 12 de febreiro de 2026). Figura de referencia da defensa e do estudo da lingua e da cultura galegas e mestre de mestres, era membro de número da RAG e presidiu a institución entre 2013 e 2017. “Xesús Alonso Montero é unha das figuras máis sobranceiras da cultura galega de practicamente os últimos setenta e cinco anos. Foi un intelectual completo, comprometido política, social e moralmente, e cunha erudición extraordinaria que sabía manexar con moita precisión e oportunidade”, salienta o presidente da Academia. “Permanecerá a súa pegada imborrable non só pola súa visión innovadora da literatura e da lingua, tamén polo seu maxisterio, que deixou innumerables discípulos. Para a Academia é unha perda enorme. Foi un académico exemplar e como presidente soubo levar a nave a bo porto en tempos difíciles nun momento en que para el significou un sacrificio persoal”, engade Henrique Monteagudo

 

A capela ardente de Xesús Alonso Montero abrirá este venres, 13 de febreiro, pola mañá en Emorvisa - Pereiró. O acto de despedida celebrarase ás 12:00 horas do sábado.

Titulado en 1953 pola Universidade Central de Madrid, Xesús Alonso Montero doutorouse pola Universidade de Salamanca coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega (1966), exerceu a docencia no ensino medio en centros de Santiago de Compostela, Palencia e no Masculino de Lugo, actual IES Lucus Augusti (1960-1976), e posteriormente incorporouse á Universidade de Santiago de Compostela, onde chegou a ocupar a cátedra de Literatura galega.

Nas aulas e fóra delas, don Xesús foi un “mestre da palabra”, da oratoria. “Engaiolaba as audiencias, os lectores, era un apaixonado da divulgación e o coñecemento e sabía transmitilo porque nas súas palabras había unha sincera convicción, tamén emoción. Estaba firmemente convencido de que o coñecemento facía mellor a humanidade”, recorda Monteagudo. O seu compromiso cívico e político -militou nas filas do PCE desde 1962- custoulle durante o franquismo diversos episodios de represión e determinaría a escolla dalgunha das súas áreas de estudo predilectas. 

A vizosa produción científica e divulgativa de Alonso Montero abrangue os eidos dos estudos literarios sobre autores galegos e alófonos, a sociolingüística, a creación literaria ou a colaboración na prensa. Como investigador foi un pioneiro no ámbito da sociolingüística aplicada ao caso galego en títulos como O porvir da lingua galega (1968), libro colectivo baixo a súa coordinación, O que compre saber da lingua galega (1969) e Informe –dramático– sobre la lengua gallega (1973), volumes con vontade polémica e divulgativa nos que denuncia a situación de exclusión social do galego naquela altura e propón medidas para a súa recuperación. Na mesma liña vindicativa sitúanse Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas y otras áreas conflictivas (1977) e A batalla de Montevideo: os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954 (2003). Noutros traballos como Constitución del gallego en lengua literaria (1970), O galego na escola (1979) e Decálogo da lingua galega (1990), analiza a historia social e literaria da lingua.

As letras galegas e españolas durante a II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio son outros campos que cultivou en profundidade. Tratou estes temas en monografías como Escritores: desterrados, namorados… (1980), As palabras no exilio. biografía intelectual de Luís Seoane (1994), Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio, Os poetas galegos e Franco (1997), Os poetas con Federico García Lorca e coa España republicana (1998), Dous días na vida de Lorenzo Varela (2005), Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1936-2006) (2007), ou Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo (2011), Premio Ánxel Casal dos editores galegos ao libro de non ficción e Premio Losada Diéguez de investigación e ensaio. Editou e preparou, así mesmo, o volume Cartas de republicanos galegos condenados a morte (2009), Premio de ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. 

Como biógrafo, investigou a vida e a obra de numerosos autores e autoras en obras como a xas mencionadas sobre Luís Seoane e Lorenzo Varela e outras de carácter crítico ou divulgativo arredor de Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel, Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro ou Rosalía de Castro. 

O seu labor como difusor da literatura reflíctese tamén en obras como Os cen mellores poemas da lingua galega (1969), Castelao, Prosas escollidas (1975), Celso E. Ferreiro, Antoloxía (1982), Coroa poética para Rosalía de Castro (1985), Coroa poética para Castelao (1988), Lorenzo Varela, Dez poemas (1988), Coroa poética para un mártir (Al. Bóveda) (1966), Poemas ó vagalume (1997), 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara (1998), Coroa literaria para Federico contra a súa morte (1998), A Guerrilla galega antifanquista e os guerrilleiros na voz dos poetas (2002), R. Alberti, Once poemas “gallegos” (2002).

Alonso Montero prestoulle tamén unha especial atención á obra de poetas alófonos en lingua galega de distintas xeracións, como María Victoria Moreno ou Federico García Lorca, e levou a cabo tamén traballos sobre escritores de lingua castelá, catalá e portuguesa como Antonio Machado, Bernabé Busto, Cervantes, Jovellanos, Unamuno, Azorín, Pedro Salinas, Jacinto Verdaguer, Joan Maragall, Salvador Espriu, Antero de Quental ou Leite de Vasconcelos. A poesía popular de tradición oral é outro do seu campo de estudos mentres que o seu interese pola poesía medieval e dos séculos escuros maniféstase en obras como Estudio literario das Festas Minervais Compostelanas de 1697 (1993).

No campo das letras clásicas publicou traballos como “O latinista Francisco Fanego”, (1991). “Catro epodos de Horacio en galego” (1992). “As Odas de Horacio na tradución de Aquilino” (2001). “Dous traballos sobre o Beatus ille nas Letras Galegas” (2002, 2004). “Isidoro Millán: Letras Clásicas, Letras Galegas” (2003). “Pro lingua latina (et non solum)” (2003). “Rosalía de Castro traducida ó latín e cantada en latín e grego clásico” (2003).

Como creador cultivou a narrativa nas obras Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1974), Das miñas memorias: 27 meses na Guerra Civil (1936-1939) (1999) e Historia de Facundo, o loro guaraní (2015). Acadou o primeiro premio no Segundo Certame Xacobeo de Poesía na modalidade de cantigas ó xeito medieval por Airas Nunes volve ó Camiño (1994) e desde entón publicou varios libros deste xénero como Versos satíricos (para hoxe) ó xeito medieval (1998), Versos republicanos e outros versos políticos (2002), Pois era un barco pirata (2003), Romances do dezaseis de febreiro de 1936 (2006) e Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo. Antoloxía: 1963-2016 (2017). É autor da peza de teatro Un xuízo oral (“bilingüe”) nunha vila galega no outono de 1942 (2014).

Xesús Alonso Montero foi presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e membro das fundacións Otero Pedrayo e Rosalía de Castro. Recibiu, entre outros, os premios Ramón Otero Pedrayo (1988), Pedrón de Ouro (1992), Celanova Casa dos Poetas (1993), Xunta de Galicia á Creación Cultural (1994), Irmandade do Libro (1994), Juan Fernández Latorre de Xornalismo (1995), Defensa dos Dereitos Humanos (Avogados Demócratas da Coruña, 2000), Premio Trasalba (2000), Facho de Ouro (2010), Premio Cultura Galega das Letras (2019), o Premio Laxeiro (2022), e o Premio da Memoria Democrática concedido polo Goberno de España (2023), e foi nomeado doutor honoris causa da UNED (2010).