Antón Santamarina expón a riqueza da toponimia galega nunhas xornadas de Euskaltzaindia

O territorio galego só ocupa o 6 % da superficie do Estado pero ten máis do 42% das entidades de poboación de toda España, cun total de 65.542 nomes de lugares. O académico Antón Santamarina expuxo onte estas cifras no Congreso Internacional de Onomástica que Euskaltzaindia organiza en Vitoria ata hoxe, onde interveu cun relatorio no que salientou a excepcional riqueza toponímica de Galicia e repasou os traballos realizados e as tarefas pendentes para preservalo e divulgalo. O profesor profundou nas raíces históricas que explican esta abundancia de nomes de lugares, relacionada coa importante ocupación do territorio experimentada na baixa Idade Media.

Elena Martínez de Madina, académica correspondente e membro da Comisión de Onomástica de Euskaltzaindia, presenta a Antón Santamarina. Fonte: Euskaltzaindia


O Congreso Internacional de Onomástica que Euskaltzaindia organiza preocúpase polas experiencias dedicadas a investigar, preservar e divulgar o patrimonio onomástico que se achegan desde o galego, o catalán, o gascón e o bretón.

A gran riqueza toponímica de Galicia é un fenómeno vinculado á ocupación do territorio en asentamentos fixos, que experimentou un importante incremento arredor do ano 1000, expuxo Antón Santamarina neste foro. Proba da proliferación de núcleos de poboación a comezos do século XI son os 1.200 topónimos que chegaron ao día de hoxe nos que entra o elemento Vila-. A maioría proceden da baixa Idade Media, cando no galego común da época vila xa non se refería á ‘casa', senón que significaba o mesmo ca hoxe: ‘conglomerado grande de casas'. Antón Santamarina referiuse tamén á abundancia de topónimos derivados de xenitivos onde o elemento vila desapareceu por elisión. "É o caso dos catro Recesende e Requesende do nomenclátor actual. A maioría destes xenitivos pertencen tamén a esta época; moitos deles son nomes xermánicos de posuidor e a moda do nome xermánico é posterior ao século VIII", pon como exemplo.

A partir do século XV a toponimia medrou doutro xeito. Tras un período de retroceso por revoltas e pestes, a poboación multiplicouse nos tres séculos seguintes por cinco, pero o número de aldeas mantívose máis ou menos igual. "O que aumentou foi o número de lumes por aldea e o terreo cultivado, e como consecuencia disto aumentou a toponimia para designar leiras, searas, estivadas, labradas... Desta época proceden moitísimos topónimos referidos á explotación da terra", indica.

O efecto deturpador da diglosia
Antón Santamarina tamén abordou como foi transmitida a toponimia ao longo dos séculos tendo en conta o contacto lingüístico e repasou as medidas adoptadas para reverter o proceso de deturpación que sufriu. "Houbo dous ou trescentos anos de diglosia latín/galego. Desde mediados do século XIII e ata finais do XV desaparece a diglosia, a maioría dos documentos están en galego, pero a partir do XVI, coa política centralizadora da Coroa e facilitada pola igrexa, imponse o castelán como lingua oficial e ábrese un novo período de diglosia que provocou que boa parte dos nomes do nomenclátor tivesen unha forma real e outra castelanizada", detalla.

Cando a aprobación da Lei de normalización lingüística (1983) marcou o comezo do proceso de restitución das formas lexítimas, establecendo que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega, case a metade dos nomes das entidades de poboación de Galicia estaban deturpados. Os traballos da comisión encargada deste labor, da que Antón Santamarina formou parte, culminaron coa publicación no ano 2003 do Nomenclátor de Galicia, pero a revisión continuou para a corrección de erros detectados ou emendar a información insuficiente. A Xunta de Galicia delegou esta nova fase na Real Academia Galega, a través do Seminario de Onomástica, que está a preparar unha nova edición que se publicará proximamente.

Máis complexa é a recollida da "outra toponimia", a que non se refire a entidades de poboación senón a montes, ríos, accidentes mariños, terras de labor etc. A Comisión de Toponimia propuxo á Xunta de Galicia un plan de recollida sistemática que arrincou no ano 2002, pero paralizouse no 2011 por falta de financiamento, lamentou Antón Santamarina. Nestes momentos a alternativa que se está a ultimar é unha aplicación, "Galicia Nomeada", para continuar o rexistro de microtopónimos de xeito colaborativo. A través desta ferramenta os usuarios rexistrados poderán incorporar nomes de lugares e xeolocalizalos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 22 de novembro de 2019 / 19:30 h
Conmemoración do 70 aniversario da colección Benito Soto - Pontevedra
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete