A Primavera das Letras de María Victoria Moreno arrinca no CEP Marcos da Portela

O primeiro libro publicado por María Victoria Moreno, Mar adiante (1973), contaba a historia do Arroás, un barco convertido nunha escola afastada da rixidez do ensino da época na que os nenos e nenas aprendían as cousas importantes na vida. O tema escollido non foi casual, porque se María Victoria Moreno destacou como escritora tamén o fixo noutra das súas vocacións, a docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Con este mesmo propósito, a Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do colexio de educación primaria Marcos da Portela o proxecto web Primavera das Letras dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. En Pontevedra, na cidade na que, en 1963, comezou a súa historia de amor con Galicia.

Foto de grupo de alumnado, profesorado, membros da Academia e familiares de María Victoria Moreno. Fonte: RAG


Primavera das Letras fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.

Tras as palabras de benvida da directora, Alicia Martínez, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto no que foi o primeiro acto que celebra a institución dentro do Ano María Victoria Moreno. O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno , e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnos e alumnas, membros da ANPA e docentes dos centros educativos próximos (o IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno ensinou na súa última etapa profesional, o IES Luís Seoane, a EEI Fina Casalderrey, o CEIP de Lérez e a UNED).

O propios nenos e nenas do CEP Marcos da Portela puxéronlle o ramo á celebración cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde versos de Elexías de luz a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003.


Alumnado dramatizando o poema "O almorzo" de María Victoria Moreno. Fonte: RAG


A directora Alicia Martínez salientou, en nome do corpo docente, a admiración cara a María Victoria Moreno pola "súa paixón, o compromiso e a defensa a ultranza, en tempos realmente difíciles, da lingua galega". "Agardamos que esta festa da palabra que hoxe celebramos xuntos nos invite a seguir con entusiasmo as súas pegadas no eido da lingua", engadiu antes de concluír a súa intervención con versos da propia autora.

A ese entusiasmo dos e das docentes e á súa importancia referiuse tamén o presidente da RAG. "Aí está o corazón do futuro. A docencia consiste en comunicar emocións, comunicar coñecementos, comunicar valores, ser quen de compartir cos rapaces e rapazas unha maneira nova de ver o mundo. Nova quere dicir máis democrática, máis nosa. E, naturalmente, nesa viaxe está a nosa lingua", expresou. Primavera das Letras é tamén un xeito de visibilizar estas achegas docentes a través do concurso Contádenos o voso Día das Letras. Na primeira edición, celebrada en 2017, máis de 80 centros educativos amosaron o traballo que desenvolveron arredor da celebración do 17 de maio co seu alumnado, propostas cheas de "creatividade, entusiasmo e entrega" dos e das docentes, puxo en valor Víctor F. Freixanes. O certame convocarase desta volta para compartir as iniciativas escolares arredor de María Victoria Moreno.

O responsable da Academia tivo ademais palabras de afecto para Begoña Llácer e Pedro Ferriol. Eles, e moitos amigos e amigas de María Victoria Moreno, hoxe "poden dar fe de canto fixo" a escritora, agradeceu Fina Casalderrey, coautora, xunto coa académica Marilar Aleixandre, dunha das biografías de María Victoria Moreno que saen do prelo este ano. A académica debullou as claves de Primavera das Letras, unha iniciativa que definiu como un xeito de "abrir as portas da Academia á xente nova e aos mestres e mestras". "Porque desde a Real Academia Galega sabemos que onde máis se terma da fala é desde os primeiros anos, cos pequenos e pequenas, e tamén sabemos canto traballo hai dos mestres e mestras".


En primeira fila, o presidente Víctor F. Freixanes, a académica Marilar Aleixandre, Pedro Ferriol, Begoña Llácer Moreno, a académica Fina Casalderrey e profesoras do CEP Marcos da Portela. Fonte: RAG


Fina Casalderrey animou os cativos e cativas a coñecer a María Victoria Moreno a través de Primavera das Letras, pero tamén a lle render a mellor homenaxe posible lendo a súa obra. "Nela atoparemos anaquiños da súa alma", salientou. Por último, recordou que ata este 2018 a RAG só homenaxeara no Día das Letras Galegas a outras tres mulleres: "A Academia está intentando ser sensible a esta inxustiza histórica".

Incorporación continua de novos contidos
Os materiais de Primavera das Letras iranse publicando desde hoxe mesmo ata as vésperas do 17 de maio, día no que a RAG volverá a Pontevedra para celebrar o acto central das Letras Galegas 2018, que terá lugar no Teatro Principal. Na primeira ficha, María Victoria Moreno. Galicia como elección, acompáñase o alumnado nun percorrido polos principais fitos biográficos e literarios de María Victoria Moreno e propóñense actividades nas que aprender máis sobre como era a escola na súa infancia, animando os nenos e nenas a conversar cos seus maiores sobre aquela época. Na web está xa tamén dispoñible outra ficha descargable, Reescribir o mundo. A partir de tres obras de María Victoria Moreno, Mar adiante, A festa no faiado e Pan con chocolate, aborda temas como o dereito á educación, o valor da solidariedade ou a discriminación étnica.

No apartado de contidos interactivos, entre a oferta xa accesible pode atoparse un percorrido por espazos e protagonistas de Pontevedra, a cidade na que María Victoria Moreno se estableceu ao chegar a Galicia como docente nos primeiros anos 60; ou unha actividade que, aproveitando a etapa da autora como socia da libraría Xuntanza nesta mesma cidade, profunda no mundo e na historia destes establecementos. As mulleres que, coma ela, abriron camiños pola igualdade, a historia da nosa lingua, a cultura mariñeira, o lobo en Galicia, a xestión ambiental sostible ou as estrelas son outros eixes temáticos que se abordarán nos novos contidos que se irán publicando nas vindeiras semanas.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar