A pegada do activismo lingüístico de María Victoria Moreno no Arquivo da RAG

"Envíolles currículum e mais guión. Todo foi escrito a man porque son neste intre as tres da mañá e non podo espertar coa máquina a miña filla nin a rapazada dos veciños. Perdón. Agradézolles as súas inquedanzas polo meu desprazamento e mais estancia na Coruña, pero non hai problema de ningún xeito: irei no meu coche e voltarei a Pontevedra esa mesma noite". Estas poucas liñas de María Victoria Moreno e as que as acompañaban nunha carta remitida ao Facho na primavera de 1975 din moito da protagonista do Día das Letras Galegas de 2018. Corenta e tres anos despois, a RAG amosa dixitalizada documentación do fondo da devandita agrupación cultural relacionada coa autora, correspondencia e mecanoscritos de varios relatos infantís que son testemuño da súa creatividade literaria, do seu coñecemento da realidade sociolingüística da terra que a acolleu e tamén, como salientou o pasado 17 de maio a académica Marilar Aleixandre, da falta de tempo e espazo propio que, como tantas escritoras, sufriu.

María Victoria Moreno durante o relatorio que impartiu na Coruña convidada polo Facho. Fonte: Arquivo familiar de María Victoria Moreno


Nestas liñas remitidas ao Facho queda retratada a autora que durmía pouco para poder escribir no escaso tempo que lle deixaba o coidado da familia, a muller á que lle gustaba conducir -igual que á protagonista de Anagnórise, a novela que décadas despois a convertería nun referente da literatura xuvenil-; a filóloga que chegou a Galicia en 1963 e que axiña foi boa coñecedora, e analista, da realidade sociolingüística de terra que fixo súa. Demostrouno, entre outros foros, no que lle brindou O Facho o 23 de maio de 1975 na Coruña, onde impartiu o relatorio dedicado ao "ensino das linguas vernáculas" dentro do ciclo titulado "Galicia e a muller galega", no que estaba previsto, ao longo de seis sesións, contar coas achegas doutras tantas mulleres de distintos eidos. Nesta tribuna María Victoria Moreno abordou problemas como a diglosia, "a permeabilización" do galego por parte do castelán, o papel de axentes como a escola, a igrexa, a administración e os medios de comunicación e mesmo a "responsabilidade da muller" na transmisión interxeracional do idioma galego, tal e como bosquexaba no guión remitido ao Facho.

"A muller, máis sensible aos prexuízos sociais, é a primeira desertora do galego, feito que repercute na desgaleguización dos fillos", advertiu no relatorio María Victoria Moreno, segundo recollían as crónicas dos xornais do día seguinte. Malia que naquela altura aínda non se realizaran estudos que apoiasen con cifras este argumento, xa foran publicadas investigacións internacionais que indicaban a existencia dun padrón de comportamento nas mulleres que implicaría unha maior tendencia a cambiar cara á variedade máis prestixiada en sociedades con situacións de contacto de linguas. Décadas despois, as análises demolingüísticas da realidade galega corroborarían que, malia non existiren diferenzas avultadas, tal e como observara xa María Victoria Moreno naquela conferencia a mediados dos anos 70, as mulleres fan un maior uso do castelán que os homes e que esta fenda de xénero se amplía coa entrada no mundo laboral e nas contornas periurbanas ou vilegas urbanas.


Detalle dunha das cartas de María Victoria Moreno aos responsables do Facho en relación coa conferencia impartida en maio de 1975 na Coruña. Fonte: Arquivo da RAG / Fondo O Facho


María Victoria Moreno acompañou o guión da conferencia enviado ao Facho días antes de pronunciar a conferencia dunhas breves notas autobiográficas, tamén dispoñibles en versión dixital. Nesta presentación persoal mantiña, coma sempre fixo, que nacera en 1941 (dous anos despois da data real de nacemento), quizais pola tardía incorporación, por motivos económicos, ás aulas de bacharelato. Aquela etapa estudáraa, recordaba igualmente de xeito telegráfico, no Liceo Francés de Barcelona e foi entón cando gañou, con 14 anos, o seu primeiro literario cun texto escrito no idioma que promovía o centro. Despois chegarían, coa oposición de profesora de ensino medio xa aprobada, o recoñecemento acadado como finalista do Premio Café Gijón (1969), o primeiro premio de relatos dos Xogos Florais de Guimarães (1970) e tamén o segundo posto do Premio O Facho de 1972 de literatura infantil con "Crarisca e Luceiro", proseguía.

O mecanoscrito deste relato consérvase no fondo do Facho que custodia a Real Academia Galega, xunto ao "Conto de Mariquiña", que presentara á mesma edición. Ambos os dous foron integrados en 1973 en Mar adiante, o primeiro libro de María Victoria Moreno, onde selou de por vida un dobre compromiso literario: escribir sempre en galego e centrarse no público infantil e xuvenil, sen dúbida co mesmo propósito que a movía como conferenciante ou profesora dos cursos de galego, outra faceta sinalada nos apuntamentos biográficos para O Facho e que desenvolvía desinteresadamente en distintas localidades, incluso despois de que lle custara a retirada do pasaporte por parte das autoridades franquistas.

O fondo do Facho conservado no Arquivo da RAG conta tamén cos mecanoscritos doutros dous contos cos que María Victoria Moreno concorreu a outras edicións do premio creado pola asociación para promover a creación de obras en galego dedicadas ao público máis novo: "A brétema", presentado na de 1973, e o "Cataventos", co que volveu ser premiada, desta volta co primeiro galardón, na edición de 1975. Entre a correspondencia referida a María Victoria Moreno, este fondo amosa ademais unha carta do seu amigo Xavier Senín na que lle solicita á asociación en nome da autora autorización para verter ao catalán o relato "O cataventos", "El penell", tradución que vería a luz en 1989 a través da editorial Abadía de Montserrat.

Pode consultar a documentación do fondo do Facho conservado no Arquivo da Real Academia Galega nesta ligazón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 16 de outubro de 2018 / 11:00 h
Entrega dos premios Contádenos o voso Día das Letras
Sábado 20 de outubro de 2018 / 9:30 h
III Xornada de Onomástica Galega: Os alcumes
Mércores 24 de outubro de 2018 / 19:00 h
Presentación do novo número da revista da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar