Xogos Florais de Tui de 1895, un acto histórico

A palabra anosar, a evolución do Día das Letras Galegas, o primeiro libro en galego de Rosalía de Castro, a revista ferrolá Galicia. Cencias, literatura, artes e a medalla dos Xogos Florais de 1891 constitúen a última achega.
Fotografía do anverso e reverso da medalla conmemorativa
Cara e cruz da medalla conmemorativa dos Xogos Florais de Tui, en 1891


A palabra anosar, co significado de "traducir á nosa lingua", ou mesmo "adaptar ao noso xeito", é un exemplo de creatividade lingüística. Chegamos a este termo grazas ao mestre Cunqueiro, pero estamos absolutamente certos de que foi el quen o inventou? Non llo oiría a un calquera dos outros feirantes cos que se cruzou na súa viaxeira e conversada vida?

A primeira edición do Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 1963, transcorreu con éxito e deixou tamén unha incerteza: cales haberían de ser as pautas a seguir a partir de agora? A partir das actas das xuntas celebradas nos anos posteriores, o Arquivo da Real Academia Galega encontrou algunhas referencias de interese sobre o proceso de selección do protagonista do Día das Letras.

A Biblioteca, pola súa banda, rende homenaxe ao libro fundacional das nosas letras, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, publicado o 17 de maio de 1863, comentando algúns aspectos sobre a súa edición que puideran resultar menos coñecidos para o público xeral.

A revista Galicia. Cencias, literatura, artes publicada en Ferrol en 1885 é un dos tesouros que garda a nosa Hemeroteca. De vida efémera, foi unha das primeiras tentativas no noso país de crear unha publicación especializada de carácter literario e científico escrita integramente na nosa lingua.

A medalla dos Xogos Florais de Tui de 1895, por último, conmemora un suceso de importancia histórica, pois constitúe o primeiro acto público celebrado integramente en galego na nosa etapa moderna.