O presidente da Academia salientou a relevancia cultural do Vigo dos anos 80, unha etapa de modernización da cultura galega da que Xela Arias foi un referente singular, engadiu Víctor F. Freixanes. O rexedor de Vigo agradeceu pola súa banda a escolla como protagonista do Día das Letras Galegas 2021 de Xela Arias, quen viviu dende os 7 anos nesta cidade. “Hoxe é o gran día de Galicia e o gran día de Xela Arias”, concluíu.
Xunto a unha representación de membros da RAG, no acto tamén participaron Darío Gil Arias, fillo de Xela Arias, e o seu pai, Xulio Gil; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o concelleiro de Cultura, Abel Losada, e o deputado provincial Carlos López Font.
No bando do 17 de maio de 2001, dedicado a Eladio Rodríguez, Xela Arias resumía a evolución desta celebración lembrando un dos académicos que tivo a idea de creala, en 1963, cadrando co centenario da publicación de Cantares gallegos: “Díxonos Don Paco (don Francisco Fernández del Riego) hai trinta e oito anos que era este un día que debiamos lembrar, festexar, aproveitar para recuperar e repasar tamén nós a nosa propia voz de cada día. Xa choveu, pero obedientes ós consellos dos bos e xenerosos, lembrámolo cada ano en toda Galicia. Primeiro foi un paso silandeiro; logo cada vez más afouto; hoxe en día coma unha festa no calendario das obrigas, como lecer grato e gozoso”, repasou. “Rendémonos ó noso laico santoral e celebramos, coa calor que esixe, o día las letras, o día das palabras galegas. Porque nós facémo-las palabras, ó nomealas sómonos: fannos independentes. Se desexamos longa vida ás letras galegas, facemos votos pola vida da nosa palabra, a palabra dos galegos e galegas que queremos, é un dereito, témo-la obriga, inventarnos ó noso xeito”, concluíu.
O bando completo pode lerse nesta ligazón.