Visita no Día Europeo das Linguas ás obras da RAG

As académicas María López-Sández e María Dolores Sánchez Palomino, membros da comisión executiva da Real Academia Galega, acompañaron este venres o secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España García, nunha visita ás obras da sede da institución, na rúa Tabernas 11 da Coruña, que está a ser rehabilitada con fondos do Goberno de España. O percorrido realizouse coincidindo co Día Europeo das Linguas, que se celebrou este mediodía no Congreso dos Deputados cun acto ao que asistiu o presidente da RAG, Henrique Monteagudo.

A secretaria xeral de Coordinación Territorial, Miryam Álvarez Páez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, participaron tamén na visita ao histórico edificio, no treito final dos traballos que se realizan baixo a dirección do arquitecto tudense Gonzalo Moure, gañador co concurso licitado polo daquela Ministerio de Fomento.

A rehabilitación da sede da Academia serve de “metáfora da propia lingua, fiel á historia da súa creación, pero aberta e proxectada cara ao futuro”, expresou María López-Sández. “Estrearemos a sede renovada cadrando coa celebración dos 120 anos da institución. Este aniversario, xunto co novo edificio, ten que representar un novo pulo, nun momento en que a lingua, a cidadanía, e en particular a mocidade, así o esixen. Temos por diante o desafío de seguir a celebrar a diversidade lingüística que hoxe se conmemora, a existencia da nosa propia lingua”, engadiu a tesoureira e coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. 

Arcadi España referiuse na mesma liña á riqueza que supón poder empregar as linguas cooficiais do Estado “en todos os ámbitos” e reivindicou a convivencia entre elas “fronte aos ataques” que reciben desde certos sectores. “Debemos respectas as distintas linguas que se falan no país e tratalas en pé de igualdade co castelán”, enfatizou o secretario de Estado.

Un vencello íntimo coa Coruña
A tesoureira e a arquiveira bibliotecaria da RAG reiteraron o agradecemento ás institucións que fixeron posible tanto a obra de rehabilitación do pazo do século XVIII que acubilla a entidade como a continuidade da súa actividade cotiá no polígono de Pocomaco e mais a celebración de xornadas abertas ao público en distintos espazos. Un deles é o pazo municipal de María Pita, que está a acoller neste período as sesións plenarias da Academia, e outro a Fundación Luis Seoane, onde teñen lugar moitas das propostas da RAG abertas ao público. “Non podemos esquecer o vencello íntimo da RAG coa cidade da Coruña, berce da nosa corporación e tamén das Irmandades da Fala”, indicou López-Sández.

María Dolores Sánchez Palomino, académica responsable da biblioteca e do arquivo da Academia, lembrou ademais que a institución non é só “a casa da defensa da lingua e da cultura galegas”. Alén deste “ben inmaterial tan importante”, coida dun legado material de gran valor, composto por máis de 60.000 libros, unhas 3.000 publicacións periódicas, máis de 30.000 documentos e unhas 100.000 fotografías.