Na homenaxe ás portas do que foi o seu fogar durante máis de corenta anos participaron, canda a familia de Xosé Luís Franco Grande, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o expresidente da institución Xesús Alonso Montero e veciños e veciñas. Víctor F. Freixanes destacou a importancia que tivo para a súa xeración o dicionario galego-castelán do académico, finado en marzo de 2020, e Xesús Alonso Montero definiuno como un dos grandes poetas do século XX.
Vigo recorda a Franco Grande cunha placa na rúa Policarpo Sanz
Xosé Luís Franco Grande naceu en 1936 en Tomiño, na parroquia de Tebra, o espazo da infancia que formou parte sempre da súa vida e obra. Pero durante preto de seis décadas o escritor, avogado e académico foi veciño de Vigo, outro escenario vital fundamental onde foi homenaxeado o pasado sábado. O Concello de Vigo promoveu a instalación dunha placa ás portas da súa casa, na rúa Policarpo Sanz, descuberta nun acto no que que as fillas do autor, Rosalía e Navia Franco Barreiro, recordaron a súa chegada a Vigo nos anos 50 para estudar no instituto Santa Irene e como se converteu nun vigués de adopción.